“A solución non é que a xente vaia aos comedores ás colas da fame”, dille Pontón, mentres o socialista Luis Álvarez aféalle que “non poden suprimir medidas porque a situación empeorou”
A denominada Tarxeta Básica de ata 300 euros ao mes para compras de produtos de primeira necesidade implantada pola Xunta hai dous anos polas consecuencias económicas da pandemia e suprimida agora malia a crise de prezos foi defendida polo ex-presidente Feijóo como unha “medida que non estigmatiza”. Era unha tarxeta precargada que segundo o goberno galego permitía ás persoas que estaban atravesando dificultades económicas beneficiarse dunha axuda pública “de xeito anónimo”.
O actual presidente, Alfonso Rueda, confirmou hai dúas semanas a súa supresión. Tras as críticas recibidas da oposición, este mércores anunciou no Parlamento que porá en marcha outras medidas como axudas para "comedores sociais" e albergues para persoas sen fogar ou subvencións para o pagamento de conexións a internet.
A resposta que recibiu da oposición foi que en plena crise de prezos a Xunta non debera suprimir unha axuda senón implantar máis. E a portavoz do BNG, Ana Pontón, puxo o foco no tipo de axudas anunciadas por Rueda: “A solución non é que a xente vaia aos comedores ás colas da fame”.
Rueda lembra que seguen vixentes outras axudas como o complemento das pensións non contributivas, que implantou o goberno de PSdeG e BNG hai máis dunha década e o PP tentou suprimir
A cuarta sesión de control no Parlamento á que se enfronta Alfonso Rueda foi centrada polos dous grupos da oposición na supresión da Tarxeta Básica, que o presidente xa xustificara, e reiterou este mércores, co argumento de que fóra unha medida “excepcional” para unha “situación excepcional” que, ao seu ver, “agora mesmo non hai”. Pero tanto a nacionalista Ana Pontón como o socialista Luis Álvarez salientaron as cifras de inflación coñecidas este mesmo mércores como proba de que as dificultades económicas aparecidas coa crise da COVID evolucionaron pero non desapareceron. “Non poden suprimir medidas porque a situación empeorou”, incidiu o socialista.
Rueda retrucou lembrando que a Xunta mantén outras axudas como a renda de inclusión social (Risga), os bonos enerxéticos ou para alugueiro ou mesmo “o complemento autonómico das pensións non contributivas”, medida esta última implantada hai máis dunha década durante o goberno de PSdeG e BNG e que o PP intentou suprimir ao recuperar a Xunta e nunca actualizou coa inflación. Tamén asegurou que antes de que remate o ano a Xunta enviará ao Parlamento a longamente adiata nova lei de inclusión social de Galicia, pola que está pendente a adaptación da Risga ao Ingreso Mínimo Vital estatal implantado hai xa dous anos e cuxa incompatibilidade está a provocar problemas ás persoas necesitadas dese tipo de axudas.
"Pensan que poden gañar eleccións cabalgando sobre o sufrimento da xente", criticou Pontón ao PP
Tras enumerar as medidas que se manteñen tras a supresión da Tarxeta Básica, que no seu primeiro ano en funcionamento tivo un orzamento de 31 millóns de euros, Rueda anunciou que este xoves o Consello da Xunta ten previsto aprobar “axudas por 7,2 millóns de euros para entidades que loitan contra a pobreza” para mellorar “comedores sociais” e “albergues para transeúntes”. Tamén anunciou unha axuda de “240 euros ao ano”, isto é, 20 euros ao mes, para conexións a internet “das familias máis desfavorecidas”.
“Recupere a tarxeta, a solución non é que a xente vaia aos comedores ás colas da fame”, retrucou Ana Pontón a Rueda, quen criticou que os populares “pensan que poden gañar eleccións cabalgando sobre o sufrimento da xente” e acusounos de ser “insensibles con quen peor o está pasando e en vez de aportar solucións buscan culpables”.