Os prezos seguen a subir. O IPC de xuño marcou un novo récord en Galicia nos tempos recentes, cun aumento interanual do 11,1%, moi por riba do 9,6% rexistrado en maio e case un punto máis que o Índice de Prezos ao Consumo no conxunto do Estado (10,2%). É o nivel máis elevado dende o mes de setembro de 1984, hai case catro décadas.
É o nivel máis elevado dende o mes de setembro de 1984, hai case catro décadas
Combustibles e electricidade (+45,6% no último ano) e alimentos (+12,9%) seguen a ser os principais responsables do incremento xeral da inflación, aínda que no último mes tamén se rexistra un forte aumento dos prezos dos servizos de aloxamento (+8,6% en xuño e +20,5% nos últimos 12 meses) e os paquetes turísticos, coincidindo co inicio da tempada vacacional
Tan só no mes de xuño os prezos subiron un 2% en Galicia (1,9% no conxunto do Estado) un incremento equivalente ao que noutros anos se producía ao longo de doce meses
A taxa anual do IPC en Galicia é a terceira máis elevada de todas as comunidades autónomas, só superada pola de Castela-A Mancha (+12,7%) e Castela e León (+11,6%). Tan só no mes de xuño os prezos subiron un 2% en Galicia (1,9% no conxunto do Estado) un incremento equivalente ao que noutros anos se producía ao longo de doce meses.
A taxa anual da inflación subxacente (que exclúe alimentos non elaborados e produtos enerxéticos) aumenta ata o 6,1% en Galicia e ata o 5,5% no conxunto de España. É o valor máis elevado das últimas dúas décadas.
En xuño encarecéronse moito as froitas (+9,6%), as patacas (+8,8%) e o leite (+4,5%)
O incremento nos últimos meses dos prezos de electricidade, gas e combustibles empurra á alza os prezos xerais do transporte (+19,5%) e da vivenda (+23,8%), que se converten nos dous grupos que máis se encarecen.
Tamén se encarecen notablemente os prezos de restauracións e hoteis (+8,8% no último ano) e, por suposto, o dos alimentos (12,6%). Dentro dos alimentos, hai que destacar o aumento anual de ovos e aceite (por riba do trinta por cento en ambos os dous casos, do leite (+20,3%), dos cereais (+17,7%) e do pan (+13%), da froita (+16,7%), das legumes e hortalizas frescas (+14,7%) e tamén das carnes (cun encarecemento que rolda o dez por cento anual).
No último ano ovos e aceite subiron máis do 30% e o leite máis do 20%
No último mes cómpre salientar o aumento das froitas frescas (un 9,6% máis que no mes de maio), que acumulan un encarcemento interanual do 16,7%. Tamén subiron moito as patacas (+8,8% en xuño, 13,5% en todo o ano) e o leite (+4,5% en xuño).
Dende finais do pasado 2021 os fogares que toman medidas como mercar máis marcas brancas ou acudir a máis produtos de oferta aumentaron case 20 puntos e superan o 25% do total, destacaba nos últimos días o Instituto Galego de Estatística nun dos seus indicadores.