O Indicador de Confianza do Consumidor (ICC) e outras variables que o Instituto Galego de Estatística (IGE) estuda na súa enquisa conxuntural aos fogares serven para obter de maneira rápida "coñecemento dos cambios na percepción" da poboación "a respecto das súas expectativas de gasto e aforro" e da "situación económica persoal" e mais da xeral do país. "Son -explica o IGE- unha ferramenta moi útil para a análise económica a curto prazo.
Dende finais do pasado 2021 os fogares que toman medidas como mercar máis marcas brancas ou acudir a máis produtos de oferta aumentaron case 20 puntos e superan o 25% do total
Esta semana, a oficina estatística galega actualizou estes indicadores con datos correspondentes ao segundo trimestre deste 2022, unha etapa marcada pola crise de prezos, coa inflación roldando o 10% de suba interanual. Neste contexto, destacan datos como unha porcentaxe disparada de fogares que, dende finais do pasado ano, aseguran estar tomando medidas para aforrar nos gastos cotiáns, como cambiar hábitos de compra "mercando marcas brancas" ou procurando máis "produtos en oferta". Tamén os que din que nos últimos meses están a "diminuír outros gastos comúns" fóra da alimentación como roupa, calzado, transporte ou enerxía.
Como amosa o gráfico sobr estas liñas, dende o ano 2015 o habitual viña sendo que os fogares que toman estas medidas de aforro oscilasen entre o 10% e o 15%, pero agora xa superan o 25% e, no caso da diminución de gastos fóra da alimentación, o 30%. Ambos indicadores atópanse aínda lonxe, non obstante, do que sucedeu durante a crise da década pasada, cando chegaron a superar o 40%.
En case un de cada cinco fogares galegos prevén ir de vacacións este verán, o valor máis alto da serie histórica que comeza en 2010
As diferenzas con esa crise da década pasada, a que chegou tras o crack financeiro de 2008, rexístranse tamén noutra das variables que avalía este traballo estatístico: os gastos extra que os fogares "teñen pensado permitirse" nos seguintes tres meses. Así, por exemplo, os que no segundo trimestre do ano tiñan previsto ir de vacación este verán achegábase ao 20%. Son, concretamente, o 19,9%, o valor máis alto da serie histórica que comeza en 2010, un chisco por riba dos veráns de 2015 e 2016.
Tamén se mantén en valores altos, aínda que por baixo de 2015 e 2016, a porcentaxe de fogares que no segundo trimestre do ano consideraban previsible que, nos tres meses seguintes, sairían nalgunha ocasión a cear fóra da casa, farían gasto en bares e cafetarías ou acudirían ao cinema ou ao teatro. Tras a forte caída durante o peor da pandemia, a porcentaxe de fogares que teñen pensado realizar estas actividades rolda o 60%.
Mentres, as restantes variables que analiza estes estudo continúan por unha senda de relativa estabilidade nos últimos trimestres. Os fogares que prevén realizar "grandes compras" ou afrontar gastos imprevistos aumentan un chisco e están arredor do 10%, un nivel semellante aos que prevían realizar gastos extra en roupa ou calzado. Os gastos extra en alimentación estaban previstos nun 42% dos fogares, se ben este indicador adoita aumentar, sobre todo, co Nadal. Mentres, arredor dun 40% dos fogares prevían aforrar cartos.
Máis pesimismo sobre a marcha económica do país que sobre a persoal
Todas estas variables compleméntanse co devandito Indicador de Confianza do Consumidor e, dentro del, dous compoñentes significativos: os que avalían as "perspectivas de evolución" da situación financeira persoal e da situación económica xeral de Galicia. Para ler estes datos cómpre ter en conta que o ICC é un dato numérico medio que o IGE constrúe a partir das preguntas sobre a situación económica e que van de -100 a +100. Por exemplo, cando unha resposta é que determinado indicador vai mellorar de maneira total, esa contestación ten un "peso" de +1 e cando o prognóstico é de empeoramento, de -1.
O máis habitual na serie histórica deste indicador é que a poboación sexa menos pesimista a respecto da evolución da súa economía persoal que da marcha económica xeral do país. Este fenómeno produciuse con especial intensidade no inicio da pandemia e continúa rexistrándose agora, pero en menor medida. Así, por exemplo, o ICC para a situación financeira persoal está en -6,08 (menos pesimista que no anterior trimestre, cando era -9,3, pero máis que hai un ano, cando marcaba -1,71).
Mentres, o índice de confianza sobre a marcha xeral da economía galega está en -16,96, dez puntos por baixo da avaliación das economías persoais. No confinamento, o ICC sobre a economía galega caeu a un histórico -75,2 mentres a avaliación da perspectiva económica persoal tamén caía, pero moito menos, e quedaba no -19. Durante a recesión de principios da década pasada, o indicador persoal experimentou un devalo ata -27 (dez puntos por baixo do actual) e a análise da economía de Galicia profundou ata o -51.