Dende o ano 2008 existe en Galicia un complemento ás pensións non contributivas abonado pola Xunta. Aprobado en outubro daquel ano pola Vicepresidencia do Goberno de coalición de PSdeG e BNG como un pagamento único de 200 euros anuais para estes subsidios, os máis baixos -incluía daquela tamén o subsidio de garantía de ingresos mínimos-, estivo a piques de desaparecer apenas un ano despois. Tras o retorno do PP á Xunta a nova conselleira de Benestar, Beatriz Mato, anunciou a súa desaparición. "Non nos gustan as iniciativas que son un pouco parche, non queremos tiritas", xustificara Mato entre un pechado apoio do PP no Parlamento, que agregara que tal medida desprendía un evidente "tufo electoralista".
En 2009 o Goberno do PP anunciou a eliminación do complemento por ser "un pouco parche", unha "tirita" que "legalmente non está moi contemplada", pero despois recuou
No entanto, aquela supresión durou un poucos días. Despois de que a propia conselleira Mato reflexionase, adicionalmente, sobre que este complemento "legalmente non está moi contemplado" e dende a Consellería apelasen á necesidade de "optimizar cada euro que se gaste", o gabinete de Feijóo recuou. En 2009 houbo complemento, tamén en 2010, e en 2011 mesmo foi incrementado un chisco, ata os 206 euros, en consonancia coa suba dos prezos daquel ano.
De 2011 en diante o complemento mantívose inalterado cada ano malia aos incrementos no custo da vida e así sucederá tamén co ingreso que estes pensionistas recibirán, previsiblemente, nos primeiros días de 2019. O Consello da Xunta desta semana aprobou o decreto que renova un ano máis o complemento extraordinario das pensións non contributivas, outra volta cun importe de 206 euros aínda que os prezos van rematar o ano nun incremento na contorna do 9% interanual, segundo os datos máis recentes do INE.
O complemento volverá ser en 2019 de 206 euros malia a suba dos prezos na contorna do 9%; Feijóo considérao unha axuda de "excepcional importancia" para "as persoas que máis o necesitan"
Mentres, daquelas dúbidas do Goberno do PP non queda nada. O propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, confirmaba este xoves que a poboación que a recibe segue a estar composta por unhas 39.000 persoas e para elas, especificou, trátase "dun complemento de excepcional importancia", dados os seus baixos ingresos. Neste sentido, como en anos anteriores, Feijóo insta a lembrar" que Galicia é "unha das poucas comunidades autónomas que aínda manteñen" esta achega extraordinaria ás pensións máis baixas.
"O Goberno galego -sintetizou a Xunta nun comunicado- amosa así o seu compromiso coas persoas que máis o necesitan", isto é, "pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas", entre outras.
O pasado ano Política Social tivo que retirar cartos dunha ducia doutras partidas do seu orzamento e mais subscribir 1,03 millóns de débeda para pagar o complemento das pensións non contributivas
Unha vez aprobado o decreto do complemento co mesmo importe que en anos anteriores só resta executar o pagamento, trámite para o que o pasado ano a Xunta tivo certas dificultades. Non en van, a finais de 2017 a Consellería de Política Social non tiña fondos dabondo para abonar o complemento cando o Consello da Xunta o aprobou. Por este motivo o departamento daquela aínda dirixido por José Manuel Rey Varela tivo, como informou Praza.gal, que botar man de ata unha ducia doutras áreas do orzamento e mais dunha operación de endebedamento para poder pagala.
Concretamente, Política Social vírase obrigada a transferir máis de 4 millóns de euros da partida destinada a pagar a Renda de Inclusión Social (Risga), a cal paradoxalmente tivera que ampliar tamén durante o ano por non ter fondos dabondo. Tamén restara diñeiro dispoñible noutras áreas como os servizos sociais dos concellos, acollemento de maiores, centros de inclusión, loita contra a pobreza ou centros de servizos sociais. A suma dos 8,2 millóns de euros necesarios para abonar o complemento completárao con 1,03 millóns de euros de débeda. Pregunda ao respecto, a Consellería admitira que tivera que "reubicar orzamentariamente" o diñeiro para "facilitar a realización dos pagamentos.