En 2009, tras rectificar a decisión inicial de eliminala, Feijóo salientou que aumentaría a contía segundo o IPC, pero desde 2011 está estancada en 206 euros malia que o custo da vida aumentou un 8%
En 2008 o daquela goberno bipartito de PSdeG e BNG implantou un complemento autonómico para as pensións non contributivas de 200 euros nun único pagamento anual que se comezou a cobrar en 2009. Este xoves o Goberno galego, como vén facendo todos os anos desde aquela, aprobou manter o complemento o ano próximo, pero a contía seguirá a ser a mesma que desde 2011, 206 euros, malia que a inflación aumentou algo máis dun 8% desde aquela.
Cando o PP chegou á Xunta, os seus primeiros Orzamentos, os que a finais de 2009 presentou para o exercicio 2010, suprimiron ese complemento co argumento expreso da daquela conselleira de Benestar, Beatriz Mato, de que era “un parche”, unha “tirita” que “legalmente non está moi contemplado”. A polémica que provocou esa decisión fixo que uns días despois o propio Feijóo rectificase a súa conselleira e declarase que non só ía manter o complemento “senón que o imos a aumentar de acordo co IPC do resto das pensións de España”.
Ese incremento de 200 a 206 euros quedou rexistrado no decreto co que a finais de 2010 o Goberno galego autorizou o cobramento do complemento para comezos de 2011. Porén, desde aquela os sucesivos decretos que a Xunta vén aprobando a finais de cada ano para autorizar o cobramento a comezos do ano seguinte veñen mantendo a mesma contía. E así o volveu facer este xoves o Consello da Xunta, ao remate do cal o propio Feijóo salientou a súa decisión de manter o complemento de 206 euros. Porén, desde o incremento de comezos de 2011 o custo da vida, ou o que é o mesmo, a inflación, segundo o Indice de Prezos de Consumo (IPC), aumentou algo máis dun 8%. O IPC das pensións, ao que se referira Feijóo en 2009, aumentou en menor medida, pero tamén o fixo.
Feijóo argumenta que o orzamento autonómico “segue sendo mil millóns menos que cando se aprobou ese complemento” e que Galicia é unha das tres únicas comunidades que o teñen
A Feijóo preguntóuselle se o Goberno galego prevé aumentar nalgún momento a contía do complemento en función da inflación. O presidente rexeitouno de xeito implícito e salientou que a medida foi implantada cando a Xunta contaba cun Orzamento “2.000 millóns” superior ao que el aprobou cando chegou ao Goberno e que aínda así a mantivo. Feijóo insistiu en que na actualidade o orzamento autonómico “segue sendo mil millóns menos que cando se aprobou ese complemento”. O presidente tamén salientou que Galicia é unha das tres únicas comunidades, xunto con Andalucía e Extremadura, que conta con ese complemento. Segundo os datos da Xunta, unhas 40.000 persoas teñen dereito en Galicia a ese complemento que supón un monto total de 8,2 millóns de euros.