As axudas para "comedores sociais" coas que a Xunta retruca á supresión da Tarxeta Básica son subvencións xa existentes a ONG

Rueda nun acto coa Cruz Vermella CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego asegura que aumentarán un 40% as tranferencias a entidades sociais para que sexan elas as que se encarguen de atender á cidadanía con problemas

Hai dúas semanas o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou a desaparición da Tarxeta Básica para produtos de primeira necesidade que atendeu a 75.000 persoas ao longo dos dous últimos anos cun custo para a administración galega de 42 millóns de euros ao ano. Fora creada para unha situación extraordinaria derivada da pandemia da COVID, dixo, que ao seu ver xa non se produce, malia a actual crise de prezos. Ante as críticas recibidas este mércores o propio Rueda anunciou no Parlamento unha liña de axudas para “comedores sociais” e “albergues para transeúntes”. 

Este xoves, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, o Goberno galego comezou a revelar algúns detalles dese anuncio. O que aprobou a Xunta este xoves foi autorizar o gasto para a convocatoria deste ano dunha liña de subvencións a entidades de iniciativa social ou organizacións non gobernamentais (ONG) que se vén convocando de xeito periódico desde 2017 co código de procedemento BS631A e cofinanciado con fondos europeos tanto nos anos anteriores como na nova edición.

Reunión do Consello da Xunta este xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, a nova orde de axudas terá “un montante total de 7,2 millóns de euros” e “as achegas increméntanse ata un 40%”, pero como non se concretan aínda, ata a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), as posibles subliñas de axudas que poida conter nin os períodos de vixencia, resulta imposible verificar a comparación coas axudas de anos anteriores. En todo caso, os 7,2 millóns agora anunciados pola Xunta serían unha pequena parte do destinado anualmente á Tarxeta Básica. 

No que non se pode facer comparación coa Tarxeta Básica é no procecemento de concesión das axudas. Neste caso é unha convocatoria competitiva entre entidades sociais para financiar gastos destas entidades, mentres que no da Tarxeta Básica o que había era un convenio directo coa Cruz Vermella para entregarlle cartos que esta entidade repartía á súa vez á cidadanía necesitada a través da tarxeta precargada.

Información sobre a Tarxeta Básica no web creado pola Xunta ao efecto CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras anunciar a medida este xoves no Parlamento, e á espera de que se concrete no DOG e se poida comparar con anos anterios, o Goberno galego dedicoulle este xoves tres frases en 39 folios de asuntos tratados no Consello da Xunta

Por outra banda, malia ser o anuncio co que a Xunta tenta contrarrestar as críticas pola supresión da Tarxeta Básica, a cuestión recibiu un tratamento menor na Referencia do Consello da Xunta, o listado de asuntos sobre os que informa o Goberno galego. Dos 39 folios divulgados este xoves as axudas reciben un espazo de tres frases: “O Consello da Xunta deu luz verde hoxe a unha nova orde de axudas por un montante total de 7,2 millóns de euros para as entidades dedicadas á inclusión social e á loita contra a pobreza. Deste xeito, o Goberno galego pon a disposición destas organizacións fondos para o funcionamento de comedores sociais, albergues ou centros de acollida, cuxas achegas increméntanse ata un 40%. En vindeiras datas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta orde para que as entidades poidan solicitar esta axuda. Estes fondos tamén se poderán destinar ao desenvolvemento de programas que favorezan o acceso ao mercado laboral, así como a actuacións de inclusión da poboación inmigrante”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.