Renfe cancelará os abonos gratuítos a quen en tres ocasións non empregue unha viaxe xa reservada

Tren de media distancia Vigo-A Coruña Dominio Público Praza Pública

A empresa pública poderá establecer que en trens con alta demanda non se poida elixir asento e haxa ata un 10% de prazas de pé

O Ministerio de Transportes publicou este luns no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha modificación das condicións de uso dos abonos gratuítos de trens de Media Distancia convencional “para evitar a incorrecta utilización destes títulos, en especial os comportamentos de determinados usuarios que reservan praza nos trens co abono e despois non viaxan”. As mudanzas, que comezarán a aplicarse este mércores 7 de decembro, implicarán restrinxir a formalización de viaxes e a adquisición de abonos e sancionar os usos irregulares reiterados, entre outras actuacións.

Un tren de media distancia nunha estación galega CC-BY Freecat

Segundo informa o ministerio, “Renfe incautará a fianza de 20 euros e anulará o abono gratuíto aos usuarios que, polo menos en tres ocasiones, non cancelasen cun mínimo de dúas horas de antelación a reserva da praza se finalmente non vai viaxar no tren”. Retirarase só o abono da liña na que se detectou un uso irregular, pero Renfe non expedirá ningún novo abono asociado a ese titular para calquera outra viaxe nun prazo de 30 días desde a anulación.

Antes de chegar retirar o abono e a fianza, di o ministerio, “Renfe enviará dous avisos ao titular deste cando detecte que finalmente non viaxou sen anular a reserva coa antelación requirida”. A terceira vez que se incorra en uso indebido, sancionarase. Aínda así, establécese un prazo transitorio de 7 días nos que se informará ao viaxeiro do incumprimento sen que este supoña a aplicación da medida.

Un tren de Media Distancia nunha estación galega CC-BY-SA Praza Pública

Limítanse a catro viaxes diarias de ida ou volta o número máximo de traxectos por abono

Ademais, as restricións implicarán limítar a catro viaxes diarias de ida ou volta o número máximo de traxectos que se permite formalizar por abono, e “imposibilitarase formalizar dúas viaxes no mesmo sentido ata que transcorra o triplo do tempo de viaxe programada”.

Por outra banda, para facilitar un maior uso dos convois, en determinados trens con reserva de praza e alta demanda que non se identifican, Renfe poderá establecer unha cota de prazas de pé, é dicir, sen praza reservada, que non superará o 10% das prazas ofertadas con reserva de praza, informando desa condición de viaxe aos viaxeiros. Nestes trens de alta demanda non estará dispoñible a selección de asento.

Así mesmo, lanzarase un abono específico para menores de idade sen DNI e só se poderá sacar un título por DNI, NIE ou pasaporte para cada orixe-destino. Esta medida en concreto entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.