O pasado mércores, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba desde a estación intermodal de Santiago que o Goberno galego aplicaría desde este 1 de setembro un desconto do 50% nos prezos do transporte interurbano por estrada de competencia autonómica, rebaixa que estendería ao transporte da ría de Vigo ou ao ferrocarril da área de Ferrol.
O presidente da Xunta dixo impulsar esta medida ante a "indefinición" do Goberno central e a falta de "concreción" ou "consignación de fondos" por parte do Estado. E insistiu, tanto nas súas declaracións como nas recollidas na nota de prensa, que o Executivo galego tiraría de "fondos propios" para esta rebaixa do 50% porque non podía "esperar máis".
Referíase Rueda ao que fixa o Real Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, que establece que o Estado outorgará unha axuda directa ás comunidades autónomas para implantar unha redución do prezo dos abonos nun 30% no transporte terrestre da súa competencia entre o 1 de setembro e o 31 de decembro.
Rueda anunciou como exclusiva da Xunta unha rebaixa dos bonos de transporte interurbano que será financiada ata o 30% polo Goberno central
Unha axuda á que moitas administracións recorreron para aplicar ese desconto do 30% nos buses urbanos -como o caso dos Concellos de Vigo ou A Coruña- ou mesmo para achegar fondos propios e baixar outro 20% ata reducir o importe á metade, como anunciou a Comunidad de Madrid. A súa presidenta, Isabel Díaz Ayuso, aclarou hai só unhas semanas que esa redución doutro 20% do prezo dos abonos mensuais sumaríase "á rebaixa do 30% xa aprobada con anterioridade" grazas á bonificación do 30% financiada polo Goberno central. Mesmo a Junta de Andalucía presidida polo tamén popular Juanma Moreno anunciou hai xa un mes, malia as críticas, que aplicaría os descontos estatais.
Non foi tan claro Rueda, que anunciou como exclusiva da Xunta unha rebaixa dos bonos de transporte interurbano que será financiada maioritariamente -ata a redución do 30%- polo Goberno central. Este pasado xoves, preguntado pola cuestión, insistiu en que o Executivo galego actuara "fronte á indefinición dun anuncio" do que "nada máis se sabe".
"Din que se van dar cartos pero o 1 de setembro non se deu nada; se queríamos que entrase en vigor tiñamos que achegar fondos propios porque o Goberno central falou do 30% e nós xa dixemos que queríamos que chegase ao 50%", xustificou Rueda.
O certo é que o real decreto, publicado no BOE hai máis de dous meses, non só establece xa que haberá unha "subvención dun 30% de todos os títulos multiviaxe nos servizos de transporte público colectivo terrestre, xa sexan de competencia estatal, autonómica ou local", senón que mesmo aclara como e cando se financiarán. Será mediante "unha transferencia da Administración Xeral do Estado ás comunidades autónomas" que se realizará "no último trimestre de 2022" e para o que se "habilitou un crédito extraordinario de ata 200 millóns de euros".
Rueda cualifica de "anuncio", "propaganda" ou "promesa" unha axuda estatal ás autonomías que o real decreto especifica que se pagará antes de que acabe 2022
Con todo, Rueda insistiu este xoves en cualificar de "anuncio" ou "só propaganda" o establecido no real decreto para logo asegurar que "se o Goberno converte a promesa nunha realidade", a Xunta completará a bonificación "ata o 50%". "Senón, asumirémolo nós", insistiu.
A propia orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este xoves aclara tamén que "o gasto derivado da aplicación desta minoración" anunciada pola Xunta "aboarase con cargo á axuda directa outorgada á Comunidade Autónoma de Galicia con base no real decreto".
A Xunta aclara que podería suspender a bonificación adicional se considera "insuficiente" a asignación estatal
Pero nin tan sequera está asegurado que así sexa, tal e como se aclara na mesma orde do DOG. Malia que a Xunta advirte de que se a partida asignada polo Estado "non cubre as estimacións de gasto previstas" vai financiar o importe deficitario "con cargo a fondos propios", tamén deixa aberta a posibilidade de suspender a bonificación. Será no caso de que o Goberno galego estime "insuficiente" a asignación, de maneira que "non resulte viable ou posible esa consignación de fondos propios".
Nese caso, segundo a orde do DOG, a Xunta poderá suspender a aplicación das minoracións adicionais "no suposto de que o crédito finalmente asignado non resulte suficiente para cubrir o seu custo", así como no caso de que, "pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado", Galicia "deba renunciar á súa aplicación".
Fontes da Delegación do Goberno amosan a súa "sorpresa maiúscula" ante o anuncio de Rueda e destacan que cualifique de "promesa" ou "propaganda" un mecanismo de asignación de axuda directa publicado no real decreto e "mesmo asumido e implementado por Isabel Díaz Ayuso".
"Non se pode gobernar enganando a xente", advirte Miñones, delegado do Goberno, que pide á Xunta que aclare se bonificará o 50% ou "só o 20%" do importe
En declaracións aos medios, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, foi tamén moi crítico con Rueda, a quen pediu que aclarase se "esa bonificación do 50% anunciada como medida estrela da Xunta é complementaria ao 30% do Estado, e polo tanto se aumenta ata o 80%, ou é complementaria ata o 50% para que o Goberno galego poña só o 20%". "Debería aclaralo; non se pode gobernar enganando a xente", engadiu.
Miñones lembroulle a Rueda que o que el considera "un anuncio" foi "aprobado polo Congreso dos Deputados" e reclamoulle "coherencia" ao PP. "Non se pode estar votando en contra en Madrid e logo implementar as medidas. Alégrome de que se apliquen e tamén que Rueda deixe en evidencia a Feijóo, que as rexeitou para que agora a Xunta as leve a cabo", concluíu.