Tras a reordenación dos buses galegos, chega a estatal: novo conflito da Xunta co Ministerio con 2026 como obxectivo

Un autobús entre Galicia e Madrid, liña de competencia estatal como as que agora quere reformar o Goberno central © Alsa

O Goberno central tramita unha lei que limitará ás cidades as paradas das liñas de ámbito estatal para facelas máis áxiles, obrigando as autonomías a asumir os tráficos das vilas intermedias

O transporte público regular en autobús vén sendo prestado desde hai décadas na súa gran maioría a través de concesións, competencia do Estado no caso das liñas de máis longo recorrido entre varias comunidades, e da Xunta no caso dos itinerarios interurbanos dentro de Galicia. Paradas e horarios foron quedando obsoletos, e moitas concesións chegaron ao seu remate sen que gobernos de distintas cores decidisen reorganizalas e sacalas novamente a concurso público para mellorar as súas prestacións.

Ese proceso iniciouno en Galicia a Xunta en 2016, obrigada por unha sentenza do Tribunal Supremo que censurou a prórroga das concesións anteriores, e tras moitas demoras non rematou ata hai ano e medio. Mudou itinerarios, paradas e horarios e integrou parte das liñas co transporte escolar, o que aínda hoxe segue a provocar protestas non só pola desaparición de servizos previos que non sempre foron cubertos polos novos senón tamén polos incumprimentos das novas empresas adxudicatarias

E agora será o Goberno de España, no marco das reformas obrigadas para obter fondos da UE no eido da mobilidade sostible, quen faga o propio coas liñas da súa competencia, as de ámbito estatal que comunican varias comunidades. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subindo a un autobús hai uns días CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como primeiro paso o Executivo de Pedro Sánchez está a preparar unha Lei de Mobilidade Sostible cuxo anteproxecto [aquí o PDF] aprobou en marzo e vén de someter a exposición pública antes do seu envío ao Congreso a finais deste ano. No texto limítanse ás cidades as paradas das liñas de ámbito estatal co argumento de facelas máis áxiles, e establécese que as comunidades deberán asumir os tráficos que queden orfos polas paradas en vilas intermedias que deixen de facerse, algo que se fixa no horizonte de 2026

Á espera das emendas e correccións que se introduzan tanto na lei como no seu posterior desenvolvemento a través de liñas concesionais concretas, Xunta e PP, que está a mobilizar os seus alcaldes, xa consideran os posibles cambios como un "despropósito", un ataque de Pedro Sánchez ao rural galego. Nesa mesma liña se pronuncia tamén o BNG, que reclama unha "rectificación", mentres que o PSdeG salienta que o que hai de momento é un "borrador" e insta á Xunta a formular alegacións, salientando que "o que hoxe xenera problemas en Galicia" son as liñas de bus que dependen do Goberno galego.

“As paradas intermedias dos servizos de competencia estatal serán, con carácter xeral, nas poboacións principais do itinerario correspondente, sen prexuízo de que, cando así o xustifique a demanda previsible, se puidesen atender outras paradas”, di a lei, sen concretar nomes nin cifras

De entrada, ata agora as liñas de autobús de carácter estatal xa non paraban no rural galego senón só nunha trintena das principais vilas. O Goberno de Sánchez impulsa a nova lei co argumento, na súa exposición de motivos, de que “o acentuado ritmo de transformación social e territorial das últimas décadas alterou os modelos de asentamento da poboación en España, cambiando notablemente as condicións sociodemográficas preexistentes na orixe das concesións”. “Ao incremento da actividade económica nas contornas urbanas e a maior mobilidade recorrente nelas, únese a necesidade de reactivar e facilitar a mobilidade nas zonas rurais, evitando as consecuencias negativas que pode producir o illamento destes núcleos de poboación, nos que resulta máis acusado o descenso no número de habitantes e o seu envellecemento”, argumenta.

Pero o que di o anteproxecto da nova lei de mobilidade sostible é que agora “os servizos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral de competencia estatal terán orixe e destino, preferentemente, en capitais de provincia ou en poboacións principais” e que “as paradas intermedias dos servizos de competencia estatal serán, con carácter xeral, nas poboacións principais do itinerario correspondente, sen prexuízo de que, cando así o xustifique a demanda previsible, se puidesen atender outras paradas”. A lei non di cales serán as "poboacións principais", pero pode preverse pola baixa demanda que rexistran que o recorte afectará a boa parte da trintena de vilas intermedias galegas que ata agora contaban con eses servizos. Segundo PP e BNG os recortes afectarían a "máis de 136.000 galegos", o 5% da poboación galega.

Fragmento do anteproxecto de lei de mobilidade sostible que vén de expoñer ao público o Goberno de España CC-BY-SA Praza Pública

O texto aínda pendente de enviar ao Congreso tamén sinala que “cando unha comunidade autónoma ou entidade local propoña que un servizo de competencia estatal teña unha orixe, paradas ou destino diferentes dos inicialmente previstos, deberá establecer un mecanismo de compensación ao operador”. Igualmente, tamén prevé que os tráficos que queden desatendidos nas vilas intermedias polas paradas que deixen de facer os autobuses estatais deberán ser atendidos polas comunidades autónomas. É no apartado da lei que prevé a súa implantación temporal onde así se establece. 

Cando remate todo o proceso, no horizonte de 2026, "as comunidades autónomas deberán ter asumido os tráficos autonómicos que previamente estivesen atendidos por contratos de concesións estatais”

Tras as correccións que agora se lle introduzan, a lei, prevé o Goberno central, será enviada a finais deste ano ao Congreso, coa expectativa de que este aprobe a norma e entre en vigor no “último trimestre de 2023”. Despois, “no prazo dun ano desde a entrada en vigor”, será cando o Consello de Ministros aprobe “o novo mapa concesional, que incluirá a relación de todos os servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso xeral por estrada de ámbito estatal”. Isto é, non se coñecerá de xeito definitivo cales serán as novas concesións e as súas paradas ata finais de 2024.

Despois, “no prazo de dous anos a contar desde a aprobación do novo mapa concesional, deberán estar adxudicadas todas as concesións estatais incluídas naquel”. E será “neste mesmo prazo de dous anos”, que se situaría no horizonte do finais de 2026, cando “as comunidades autónomas deberán ter asumido os tráficos autonómicos que previamente estivesen atendidos por contratos de concesións estatais” xa que “estes tráficos non serán atendidos no marco dos novos contratos de competencia estatal”.

Pasaxeiros nun autobús interurbano, nunha cidade galega CC-BY-SA Xunta

De momento a Xunta está a poñer o foco, de cara á opinión pública, en que esa vintena de vilas intermedias nas que ata agora paraban os autobuses estatais quedarán sen servizo. Haberá que esperar á evolución do texto da lei, do posterior mapa concesional e das negociacións entre comunidades e Estado para ver como eses servizos son cubertos polas liñas de carácter autonómico, que en todo caso obrigarían a transbordos nas cidades para os casos de viaxes fóra de Galicia. Ou se o Goberno galego decide poñer cartos, de momento única posibilidade contemplada na lei, para que os servizos estatais sigan parando nas vilas intermedias que o Goberno central non considere con peso suficiente.

Porque de momento o texto tal e como está redactado só contempla como unha posibilidade a achega de cartos estatais para liñas de curto percorrido entre dúas comunidades. “Cando entre dúas comunidades autónomas existan, por razóns históricas ou de calquera outro tipo, relacións de mobilidade cotiá que non afecten ás poboacións que, con carácter xeral, atenden os servizos de competencia estatal, as comunidades autónomas correspondentes, coa participación, no seu caso, das entidades locais, deberán establecer os servizos de transporte ou de mobilidade que mellor se axusten ás necesidades”, di o texto do anteproxecto, engadindo que “a Administración Xeral do Estado poderá participar no financiamento deste servizos”.

A reacción da Xunta coa supresión de paradas intermedias nos buses estatais contrasta co recorte similar nos servizos ferroviarios decidido hai unha década polo Goberno central do PP, cando o galego se ofreceu a cubrilos con buses autonómicos

Por outra banda, a reacción do Goberno galego ante a supresión de paradas intermedias nos servizos de bus estatais, que implicará a súa obriga de atendelas con servizos autonómicos, contrasta coa actuación que tivo a Xunta cando hai unha década o daquela Goberno central do PP suprimiu ducias de paradas intermedias nos servizos ferroviarios tamén co mesmo argumento actual de que xa non tiñan demanda e demoraban a circulación dos trens entre as cidades con maior poboación. Naquel momento o Goberno galego minimizou o impacto daquela medida e ofreceuse a cubrir os servizos ferroviarios que desaparecerían con novas liñas de bus da súa titularidade. O que agora a lei, de saír adiante coa actual redacción, imporalle como unha obriga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.