A Xunta bonificará o 50% do billete nos bonos multiviaxe de autobús interurbano, así como do transporte na ría de Vigo e o tren de proximidade na área de Ferrolterra desde o 1 de setembro ata final deste ano 2022. Os servizos urbanos de Pontevedra e Ferrol tamén se beneficiarán deste desconto ao operaren con concesións autonómicas.
Así o anunciou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen adiantou que a medida será publicada este xoves, 1 de setembro, no Diario Oficial de Galicia (DOG). Segundo dixo, a rebaixa incluirá os bonos xa adquiridos con anterioridade, "con efecto retroactivo", e será aplicado ás viaxes coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia e a Tarxeta Xente Nova.
O desconto do 50% nos bonos multiviaxe aplicarase tamén no transporte na ría de Vigo, no tren de proximidade en Ferrolterra e nos buses de Pontevedra e Ferrol
Alfonso Rueda aclarou a medida en declaracións aos medios nun acto na estación de intermodal de Santiago, logo de criticar ao Goberno central por non ter o transporte de viaxeiros "ningunha axuda concreta" máis aló dun "anuncio". Así, o presidente asegura que con esta iniciativa "a Xunta reacciona" ante a "indefinición" do Executivo de España, que aprobou os bonos gratuítos de Renfe para trens de proximidade e media distancia que adquiriron 300.000 persoas e para os que están rexistradas medio millón.
O que fará a Xunta, como aclara en nota de prensa, é adiantar o diñeiro que logo porá o Goberno central, que anunciou en xuño fondos para que as autonomías apliquen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia. “A día de hoxe non temos ningunha concreción, ningunha consignación de fondos e, por iso, a Xunta asumirá desde o 1 de setembro esa bonificación do 50% a cargo de fondos propios. Non podiamos esperar máis”, dixo.
Ademais, tamén criticou que os incentivos estatais sexan moi inferiores no caso do autobús ou que cidadanía sen acceso a liñas ferroviarias de media distancia non se poida beneficiar da axuda.
A portavoz do Goberno central, Isabel Rodríguez, anuncia en Vigo que Transportes traballa para que o traxecto entre Ourense e Santiago por tren tamén sexa de balde
As bonificacións da Xunta chegarán o mesmo día no que se empezan a aplicar os descontos e abonos estatais, que inclúen tamén 50% de redución de prezo para usuarios frecuentes de trens Avant e algúns servizos de AVE. Cóbrase unha fianza de dez euros para os trens de proximidade e de 20 para Media Distancia que se devolve no caso de realizar un mínimo de 16 viaxes.
Precisamente, a voceira do Goberno de España, Isabel Rodríguez, anunciou este mércores en Vigo que o Ministerio de Transportes traballa para que o traxecto entre Ourense e Santiago tamén poida contar con descontos e pasar a ser de balde, logo de que nun inicio a gratuidade das liñas de media distancia deixasen fóra o Avant Ourense-Santiago-A Coruña.
A ministra, titular de Política Territorial, defendeu o esforzo do Executivo que se traduce nunha mellor situación para as familias para que "esta crise non a paguen os de sempre". No caso de Galicia, aclarou que aínda que inicialmente a conexión Santiago-Ourense non estaba contemplada na gratuidade do transporte ferroviario, está previsto engadila para que non haxa "agravio" entre usuarios no país.
En Galicia xa son máis de 7.500 os usuarios que solicitaron o seu abono para poder viaxar de balde nos trens de media distancia ou cun desconto do 50 % en caso de ter que desprazarse nun tren Avant. Se se confirma o anuncio da ministra, ese 50 % sería finalmente polo total.
No mesmo encontro, Rodríguez garantiu a "clara vontade" de que Galicia estea no mapa de autoestradas ferroviarias, logo da súa exclusión nun informe parcial.
Ademais, e respecto á medida anunciada por Rueda, para poñer un exemplo o presidente da Xunta explicou que un billete de bus de Santiago á Coruña custa agora 6,55 euros en efectivo. Coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia ten unha bonificación do 10%, polo que queda en 5,90 euros. A partir do 1 de setembro pasará a custar 2,95 euros.
Tendo en conta este exemplo, o billete entre Vigo e Santiago pasará a custar 3,42 euros e o que une a cidade olívica coa Coruña 6,37. O traxecto Lugo-Ourense ascendería aos 3,87 e A Coruña-Ferrol, pouco máis de 2 euros.