Todas as viaxes entre Ourense e Santiago e un terzo entre Santiago e A Coruña quedan fóra da gratuidade
O Ministerio de Transportes concretou este xoves algo máis a medida da gratuidade entre o 1 de setembro e o 31 de decembro nos abonos de trens de media distancia anunciada polo presidente Pedro Sánchez no debate de política xeral no Congreso desta semana. O ministerio confirma que a gratuidade non chegará aos servizos Avant, que en Galicia operan no corredor Ourense-Santiago-A Coruña. Porén, si seguirán beneficiándose da medida xa anunciada dun desconto do 50% nos abonos tamén ata o 31 de decembro.
Os servizos Avant son considerados como alta velocidade de media distancia, pero Renfe prima neles o concepto “alta velocidade” sobre o de “media distancia”, polo que o ministerio decidiu que a súa gratuidade prevista para os servizos de proximidade e media distancia non lles será de aplicación.
Os Avant pola liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago (unha decena de trens ao día en cada sentido) supoñen a práctica totalidade dos servizos ferroviarios que se prestan entre esas dúas cidades, xa que o resto de trens que circulan entre as dúas cidades son os Alvia de longa distancia con prezos máis caros para eses traxectos curtos ou un rexional que circula pola vía antiga.
Pola súa banda, entre Santiago e A Coruña os servizos Avant supoñen unha terceira parte dos que circulan entre as dúas cidades, unha decena dos preto de 30 que hai contando tamén os de longa distancia e os rexionais, aos que non afecta a gratuidade.
Segundo o ministerio, “a medida quere concentrar os seus efectos nos desprazamentos diarios ao centro de traballo e de estudos”, o que obvia á poboación galega que emprega os Avant para eses motivos
Segundo o ministerio, “a medida quere concentrar os seus efectos nos desprazamentos diarios ao centro de traballo e de estudos”, o que obvia á poboación que emprega os Avant entre A Coruña e Santiago ou entre Santiago e Ourense para ese fin.
Haberá que agardar a que se concrete a normativa da nova medida para máis precisións a respecto de como se mercarán os abonos gratuítos e se o ministerio ten previsto algún tipo de mecanismo para evitar que as persoas que só vaian facer unha viaxe merquen os abonos por seren gratuítos en lugar dun billete individual que seguirá custando o prezo ordinario.
Pola súa banda este venres o deputado do BNG Nestor Rego informou de que rexistrou iniciativas no Congreso para esixir que tamén os trens Avant teñan a gratuidade. “Excluír os AVANT da bonificación significa que a medida vai ter pouco impacto na Galiza, pois incomprensibelmente o nosso País carece de servizos de ‘Cercanías’ nas áreas urbanas e metropolitanas”, salientou o deputado.