Nos meses de abril, maio e xuño os prezos dos alimentos e bebidas non alcóholicas creceron un 6,6% e dende o mes de xaneiro o incremento é do 9,9%
O incremento de prezos que se está a producir dende os últimos meses do ano 2021 estivo en primeiro lugar encabezado polo encarecemento da electricidade, posteriormente tamén medraron os prezos dos combustibles e do gas e no último trimestre son os alimentos, entre eles produtos de primeira necesidade, os que máis están aumentando. Tan só nos meses de abril, maio e xuño os prezos dos alimentos e bebidas non alcóholicas creceron un 6,6% e dende o mes de xaneiro o incremento é do 9,9%.
Nos últimos doce meses a taxa interanual marca un aumento do 12,6%, o encarecemento dos alimentos máis importante dos últimos vinte anos, cando menos. Ainda que os combustibles e electricidade, cun encarecemento do 45,6% no último ano seguen a ser os principais responsables do incremento xeral da inflación, dende xaneiro o encarecemento de alimentos (+9,9%) e da electricidade, gas e combustibles (+12%) é semellante.
Practicamente todos os grupo de alimentos aumentaron os seus prezos de forma moi notable. Pero hai, ademais, algúns produtos que encareceron moi por riba da media: aceite, ovos, leite, cereais, froita ou hortalizas
Practicamente todos os grupo de alimentos aumentaron os seus prezos de forma moi notable. Pero hai, ademais, algúns produtos que encareceron moi por riba da media. É o caso, sobre todo, do aceite (+32,6% ns últimos doce meses), dos ovos (+31,4%), do leite (+20,3%), dos cereais (+17,7%), da froita (+16,7%), das hortalizas e legumes (+14,7%), das patacas (+13,5%) ou do pan (+13%). Algo por debaixo da media están as distintas carnes e o peixe, pero tamén con incrementos moi importantes, próximos ao 10%, agás no caso da carne de porco.
No último mes cómpre salientar o aumento das froitas frescas (un 9,6% máis que no mes de maio), que acumulan un encarcemento interanual do 16,7%. Tamén subiron moito as patacas (+8,8% en xuño, 13,5% en todo o ano) e o leite (+4,5% en xuño).
No seguinte gráfico obsérvase a distinta evolución seguida por algúns dos principais produtos e grupos de gasto no último ano e medio, dende o inicio do 2021, un ano que comezou aínda cos profundos efectos da pandemia de COVID, que nese momento levaba a un importante descenso interanual (en relación ao comezo de 2020, previo ao inicio da pandemia) dos prezos.
Os combustibles son hoxe un 104% máis caros que hai un ano, mentres que as medidas dos últimos meses limitaron a un 33% a taxa interanual de crecemento do prezo da electricidade
Xa dende o mes de marzo comezou a rexistrarse un aumento dos prezos da electricidade e dos combustibles, que se intensificou na segunda metade do ano. En decembro de 2021 a electricidade subía xa un 72% en termos interanuais e os combustibles facíando nun 46%. Nese momento, en cambio, o resto de prezos non experimentaba grandes cambios, agás o gas (+16%) ou o transporte (+14%).
Dende o mes de abril veñen incrementándose de forma máis importante os prezos dos alimentos e do transporte, moi dependentes do crecemento do prezo dos combustibles.
A suba máis importante da electricidade en termos interanuais deuse no mes de marzo deste ano 2022, coincidindo co inicio da guerra de Ucraína (+107%), momento tamén no que comezaron a aplicarse as medidas do Goberno central para facer fronte a este encarecemento. De feito, neste momento a factura da luz é só un 33% superior ao mes de xuño do pasado ano.
O que non deixou de aumentar foi o prezo dos combustibles, e a gasolina mantense por riba dos dous euros por litro. Os combustibles son hoxe un 104% máis caros que hai un ano. O gas aumenta un 23% en termos interanuais, a suba máis importante dos últimos meses.
Dende finais do pasado 2021 os fogares que toman medidas como mercar máis marcas brancas ou acudir a máis produtos de oferta aumentaron case 20 puntos e superan o 25% do total
Dende o mes de abril veñen incrementándose de forma máis importante os prezos dos alimentos e do transporte, moi dependentes do crecemento do prezo dos combustibles. No último mes tamén se rexistra un forte aumento dos prezos dos servizos de aloxamento (+8,6% en xuño e +20,5% nos últimos 12 meses) e os paquetes turísticos, coincidindo co inicio da tempada vacacional
Dende finais do pasado 2021 os fogares que toman medidas como mercar máis marcas brancas ou acudir a máis produtos de oferta aumentaron case 20 puntos e superan o 25% do total, destacaba nos últimos días o Instituto Galego de Estatística nun dos seus indicadores. Dende o ano 2015 o habitual viña sendo que os fogares que toman estas medidas de aforro oscilasen entre o 10% e o 15%, pero agora xa superan o 25% e, no caso da diminución de gastos fóra da alimentación, o 30%. Ambos indicadores atópanse aínda lonxe, non obstante, do que sucedeu durante a crise da década pasada, cando chegaron a superar o 40%.