As viaxes gratis en trens de media distancia requirirán dunha fianza de 20 euros

Tren de media distancia entre Vigo e A Coruña CC-BY Freecat

Para aplicar a medida Renfe creará un novo abono vixente entre o 1 de setembro e o 31 de decembro para un mínimo de 16 viaxes

O Goberno de España desvelou este luns, e comezou a concretar no BOE deste martes, como será a aplicación práctica da súa anunciada medida de viaxes recorrentes gratis en trens de proximidade e media distancia, os primeiros existentes en Galicia só na área de Ferrol e os segundos con especial implantación no Eixo Atlántico. 

Para gozar da gratuidade as persoas usuarias deberán adquirir, cunha fianza de 20 euros para a media distancia e de 10 euros para as Cercanías, un novo abono específico para o período do 1 de setembro ao 31 de decembro. O importe será devolto ao remate do período tras comprobaren que realizaron un mínimo de 16 viaxes.

Estación de tren de Ferrol, única zona con servizo de Cercanías en Galicia, na antiga liña de Feve CC-BY-SA Simon Pielow

A información foi avanzada este luns polo Ministerio de Transportes, mentres que o BOE deste martes establece as liñas marco das medidas de aforro enerxético pero deixa en mans do ministerio a súa regulación concreta. Segundo o ministerio, a aplicación da gratuidade na media distancia permitirá que por exemplo un usuario de bono mensual de tren entre A Coruña e Santiago aforre “700 euros”.

Os novos abonos para gozar da gratuidade poderán obterse a partir do 24 de agosto

Durante o tempo que estea en vigor esta medida, entre o 1 de setembro e o 31 de decembro, Renfe suspenderá a venda do resto de abonos de distinto tipo que viña ofrecendo e só estará dispoñibles para a venda billetes dunha única viaxe ou de ida e volta, coas tarifas habituais. Pola súa banda, os novos abonos para a gratuidade poderán obterse a partir do 24 de agosto. 

Tren de media distancia no Eixo Atlántico no interior da estación de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O ministerio tamén ratifica a rebaixa do 50% xa anunciada para os servizos Avant de alta velocidade en media distancia. En Galicia préstanse na liña Ourense-Santiago-A Coruña, pero tras as reclamacións de partidos políticos e persoas usuarias queda en mans do ministerio que na regulación aínda pendente da medida ese servizo pase a ser tamén gratuíto, como defendeu nunha recente entrevista en La Voz de Galicia a secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera. 

Transportes ratifica tamén a rebaixa xa anunciada do 50% nos Avant

Nesa liña de aumentar os descontos e gratuidades a respecto das medidas anunciadas inicialmente a comezos de xullo, o Goberno de España tamén vén de incorporar rebaixas do 50% nalgunhas liñas de alta velocidade de media distancia que non eran consideradas Avant, como o treito Ourense-Zamora.

Por último, o ministerio tamén lembra que as liñas de autobús de competencia estatal tamén aplicarán descontos do 50% en abonos de varias viaxes no mesmo período do 1 de setembro ao 31 de decembro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.