Calefacción a 19 graos e luz apagada nos comercios e oficinas pechadas: guía do plan estatal de aforro enerxético

Alumeado interior nun local do casco histórico de Santiago, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Os Estados membros da Unión Europea veñen abordando nas últimas semanas os seus plans de aforro enerxético para o vindeiro inverno ante a posibilidade dun corte de subministro de gas procedente de Rusia. As consecuencias da invasión rusa da Ucraína e das sancións comunitarias ao Goberno de Vladimir Putin, pero tamén as "excepcionais circunstancias sociais e económicas que se arrastran dende 2020 derivadas da crise sanitaria da COVID" están sinaladas explicitamente no "Plan de choque de aforro e xestión enerxética en climatización" aprobado no Consello de Ministros deste 1 de agosto, que entra en vigor practicamente de inmediato e ten vixencia xeral ata novembro de 2023.

O Boletín Oficial do Estado publica este martes, 2 de agosto, o amplo Real Decreto que inclúe estas e outras medidas -como as bonificacións no transporte- e que, no ámbito do aforro enerxético, teñen que comezar a ser aplicadas dende a segunda semana deste mesmo mes. Entre elas destacan a regulación das temperaturas máximas e mínimas da calefacción do aire acondicionado, así como accións encamiñadas a converter en obrigatorio o apagado do alumeado de espazos laborais cando estean baleiros. Son estas:

Alumeado nun centro comercial da Coruña, nunha imaxe de arquivo © El Corte Inglés

Climatización

A temperatura da calefacción "non será superior a 19 graos" e a do aire acondicionado "non será inferior a 27 graos". Ambos indicadores "estarán referidos ao mantemento dunha humidade relativa de entre o 30% e o 70%". Estas obrigas atinxen a espazos administrativos e comerciais, así como a outros de "pública concorrencia" como teatros, cinemas, auditorios ou palacios de congresos, locais hostaleiros, estacións ou aeroportos. Quedan fóra delas as actividades que teñan que cumprir outros limiares por razóns de seguridade e saúde laboral.

O decreto prohibe manter abertas as portas dos locais climatizados para evitar "o desbalde enerxético"

Segundo o Real Decreto, nestes recintos haberá que informar, "mediante carteis informativos ou pantallas", das medidas de aforro enerxético que apliquen, sendo obrigatorio mencionar as incluídas neste decreto. Esta obriga informativa debe ser aplicada, a máis tardar, dende o 2 de setembro, pero as medidas teñen que estar en vigor, como moi tarde, o vindeiro 9 de agosto. Ligado con isto, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, apelou as empresas a aplicar medidas de teletraballo cando sexan posibles, pero a norma non inclúe obrigas a este respecto.

Illamento e alumeado

Estes mesmos edificios e locais "con acceso dende a rúa" (a listaxe completa regúlaa estoutro decreto de 2007) pasan a ter prohibido manter as portas "abertas permanentemente" para evitar o "desbalde enerxético polas perdas de enerxía ao exterior" tanto de calefacción cando vai frío como de aire acondicionado cando vai calor. Así, imponse a aplicación dun "sistema de peche de portas adecuado", que "pode consistir nun sinxelo brzo de peche automático". O prazo para instalalo é ata o 30 de setembro.

Alumeado na sede central da Xunta en San Caetano, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Ligadas con isto están as restricións ao alumeado de locais e edificios baleiros. Así, o "alumeado de escaparates" terá que estar apagado dende as dez da noite. "Esta disposición tamén aplicará ao alumeado de edificios públicos que á referida hora se atopen desocupados", agrega o decreto, que non se refire explicitamente ao alumeado ornamental de edificios ou monumentos nin a outras instalacións como as luces festivas.

Inspeccións e contratos negociados sen publicidade para eficiencia enerxética

As obras de eficiencia enerxética das Administracións poden acollerse á vía negociada sen publicidade "por causa de imperiosa urxencia"

O Real Decreto completa estas medidas coa obriga de "adiantar, de forma puntual" as inspeccións de eficiencia enerxética para as instalacións que xa tiñan a obriga de realizalas. Todas as que fosen pasadas antes do 1 de xaneiro de 2021 terán que ser renovadas  antes do 1 de decembro deste ano. 

As administracións públicas, pola súa banda, pasan a ter permiso para usaren a vía rápida do procedemento negociado sen publicidade "por causa de imperiosa urxencia" en contratos de mellora de eficiencia enerxética. Entran neste apartado traballos como rehabilitacións con esta finalidade, substitución de alumeado ou instalacións de autoconsumo enerxético renovable

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.