O órgano supervisor censura que a Axencia de Infraestruturas esixa unha autorización expresa e considere as instalacións de autoconsumo como obras máis importantes que cambiar un tellado
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de reprochar á Xunta os seus obstáculos para que se poidan instalar paneis solares de autoconsumo en vivendas situadas a carón de estradas de titularidade autonómica. A Axencia de Infraestruturas de Galicia, segundo salienta Competencia, considera que ese tipo de instalacións “non é unha obra de mera conservación e mantemento”, polo que lles esixe unha autorización administrativa previa e non acepta unha simple declaración responsable. Porén, Competencia considera esas actuacións, “ao igual que a substitución de tellados, constitúe unha obra menor de escasa entidade técnica e económica”.
A actuación da CNMC contra a Xunta prodúcese ao amparo das súas competencias para garantir a unidade de mercado e contra as barreiras indebidas ás actividades económicas. O supervisor analizou “a obriga imposta pola Axencia de Infraestruturas de Galicia de tramitar unha autorización administrativa previa para efectuar unha instalación solar de autoconsumo na cuberta dunha vivenda unifamiliar sita no concello de Gondomar, na zona de afección dunha estrada autonómica”.
Competencia salienta que a instalación de paneis solares "constitúe unha obra menor de escasa entidade técnica e económica, que non implica cambio de uso nin incremento de volume”
Competencia sinala que a Xunta limitouse a sinalar “que a instalación de placas solares fotovoltaicas na cuberta dunha vivenda unifamiliar non é unha obra de mera conservación e mantemento, nin está contemplada nos supostos previstos para a declaración responsable”, procedemento que permite realizar determinadas actuacións sen obter antes un permiso expreso da administración.
Porén, a CNMC sinala no seu informe que “unha interpretación máis favorable á actividade económica consistiría en equiparar a instalación de paneis á actividade de substitución de tellados”, que legalmente está suxeita a unha simple declaración responsable e non a unha autorización previa.
Competencia salienta que “a instalación de paneis solares na cuberta dunha vivenda, ao igual que a substitución de tellados, constitúe unha obra menor de escasa entidade técnica e económica, que non implica cambio de uso nin incremento de volume”, algo que tamén foi sinalado no procedemento polo Concello de Gondomar, onde se sitúa a vivenda que deu orixe ao conflito.