A UE e o Ministerio para Transición Ecolóxica impulsan as comunidades enerxéticas locais, buscando que grupos de persoas se organicen para desenvolver proxectos de enerxía renovable de autoconsumo
Dende hai anos a Unión Europea e tamén o Ministerio para Transición Ecolóxica veñen impulsando as comunidades enerxéticas locais, entidades "baseadas na participación aberta e voluntaria, autónomas e efectivamente controladas por socios ou membros" que desenvolven proxectos de enerxía renovable. O obxectivo é favorecer este tipo de instalacións de xeración eléctrica, primordialmente de autoconsumo local, con grandes beneficios medioambientais e que permiten reducir a dependencia das grandes compañías e tamén o efecto dos incrementos dos prezos da enerxía que estamos a ver nos últimos meses. Hai dous anos o Real Decreto-lei 23/2020 incorporou á lexislación española o contido das dúas directivas europeas que definían o seu funcionamento.
Varias comunidades de montes iniciaron os trámites, pero atoparon grandes atrancos, derivados principalmente da carencia de personalidade xurídica, debida á negativa da Xunta a recoñecer lexislativamente a figura da propiedade comunal
Ata aquí a teoría. Nos últimos dous anos varias comunidades de montes iniciaron os trámites para constituírse en comunidades enerxéticas locais, co obxectivo de instalar nos territorios de xestionan placas fotovoltaicas e outros mecanismos de xeración eléctrica renovable (como poderían ser, por exemplo, muíños eólicos ou minicentrais hidroeléctricas). Porén, atoparon grandes atrancos para facelo, derivados principalmente da falta de personalidade xurídica propia das comunidades de montes, debido á negativa da Xunta a recoñecer lexislativamente a figura da propiedade comunal, que ademais é descoñecida no resto do Estado.
As comunidades de montes encaixan á perfección nos obxectivos das comunidades enerxéticas locais, que buscan que grupos de cidadáns se autoorganicen nun territorio, xerando unha gobernanza comunitaria para a creación e consumo de enerxía. Os comuneiros contan con organización previa e están absolutamente asentados nas súas zonas e, como destacan dende a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), "levan décadas custodiando o territorio e facendo un aproveitamento enerxético do monte mediante a xestión da biomasa para calefactar as casas particulares da veciñanza comuneira".
Nunha xuntanza recente o IDAE, dependente do Ministerio, comprometeuse a "buscar o encaixe legal para que na normativa que regula ás comunidades enerxéticas figuren expresamente as comunidades de montes galegas"
Nos últimos días representantes de ORGACCMM mantiveron encontros co Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica para amosarlle o seu funcionamento e proxectos e atopar fórmulas para poder exercer como comunidades enerxéticas, accedendo deste xeito ás axudas que a través de plans piloto ou de fondos Next Generation se están poñendo en marcha para potencialas. Na última reunión acadouse o compromiso por parte do IDAE "de buscar o encaixe legal para que na normativa que regula ás comunidades enerxéticas figuren expresamente as comunidades de montes galegas como de pleno dereito a constituirse en comunidades enerxéticas", sinala a ORGACCMM.
"Na xuntanza en Madrid unha das cousas que nos preocupaba era que entenderan o que era unha comunidade de montes", explica para Praza.gal Gonzalo Pérez, responsable da área de renovables da ORGACCMM e coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos. "Houbo boa sintonía con Joan Groizard Payeras, o director do IDAE, e viron que non somos catro desorganizados, senón que estamos afeitos a xestionar e a relacionarnos coa administración", di.
"A situación actual supón a exclusión dunha parte importante do tecido asociativo autoorganizado de Galicia, precisamente aquel que está mellor asentado no territorio. Curiosamente na directiva europea faise un chamamento a potenciar este tipo de asociacionismo para desenvolver comunidades enerxéticas locais", sinala Gonzalo Pérez
"A situación actual supón a exclusión dunha parte importante do tecido asociativo autoorganizado de Galicia, precisamente aquel que está mellor asentado no territorio", destaca. "Curiosamente na directiva europea faise un chamamento a potenciar este tipo de asociacionismo para desenvolver comunidades enerxéticas locais. Entre outras cousas porque é unha oportunidade para que este tipo de proxectos vaian máis rápido, porque non é o mesmo partir de cero que facelo dende estruturas que xa están en marcha", di. "É unha grande oportunidade, especialmente neste momento de aumento dos prezos da enerxía e de grande especulación cos prezos da electricidade", engade.
"Sempre podes dar de alta unha nova asociación e que a comunidade participe dela. Pero isto ten un problema operativo, que é duplicar toda a parte burocrática: contabilidade, control de censos, asembleas anuais, impostos, presentacións de contas... Duplicariamos gastos só para ter unha estrutura paralela", explica, ao tempo que reclama unha modificación lexislativa para que as comunidades poidan participar directamente: "Cando se transpuxo a directiva optouse por esixir a personalidade xurídica, cando sabemos que noutros países de europa non é tan complicado".
Tameiga, pioneira
A finais do ano 2020 a Comunidade de Montes de Tameiga decidiu instalar paneis fotovoltaicos para autoconsumo
A Comunidade de Montes de Tameiga é pioneira en Galicia na produción eléctrica con renovables a nivel local. A finais do ano 2020, co asesoramento de Nosa Enerxía, decidiron instalar paneis fotovoltaicos para autoconsumo no seu centro sociocultural e en dúas naves do polígono industrial que xestionan. Suman, de momento, unha potencia de 225 quilovatios que prevén incrementar progresivamente e que lles permite reducir de forma importante a súa factura eléctrica. A comunidade de montes de Buchabade, en Ponte Caldelas, está tamén a poñer en marcha unha comunidade enerxética local, igualmente a través da instalación de paneis solares que nun inicio curbrirán a metade da demanda actual dunhas 65 vivendas.
Gonzalo Pérez explica, con todo, que neste primeiro ano e medio de posta en marcha da súa instalación eléctrica atoparon moitos atrancos administrativos, pero tamén a resistencia das grandes compañías eléctricas. "A normativa española e a directiva europea é moi clara en que as compañías eléctricas teñen que facilitar todos os enganches, pero na realidade e na práctica non é así", critica.
"A normativa española e a directiva europea é moi clara en que as compañías eléctricas teñen que facilitar todos os enganches, pero na realidade e na práctica non é así", critica
"Ti fas todo o que che indica a lexislación, despois fas unha petición de enganche para poder volcar o excedente, pero durante meses non tes resposta. A normativa obrígalles a facilitarche o punto de conexión, pero eles non teñen interese, os prazos eternízanse, ás veces pechan o expediente e tes que reclamar, volves empezar...", explica. "Ao final todos estes atrancos buscan que a xente desista, que canse, que quede polo camiño. Os poucos que están conseguindo levar adiante un proxecto eléctrico de autoconsumo son xente moi obcecada e con moito tempo, que non lle importa pasar meses con trámites, con negativas e de aquí para alá", engade.
Ademais, denuncia que "a raíz de comezar este proceso estamos atopando que nos están enviando unhas facturas astronómicas, con erros que chegan ata os 9.000 euros de cobros excesivos e que despois temos que reclamar". De igual xeito, alerta de que en varios lugares onde, vistas as dificultades, se renunciou a iniciar un proxecto de autoconsumo eléctrico, "despois veu a compañía eléctrica e ofreceulles facelo con eles. É unha maneira de tentar quedar con ese pastel".
A Xunta, a favor das comunidades enerxéticas locais (en teoría)
"Ao final todos estes atrancos buscan que a xente desista, que canse, que quede polo camiño. Os poucos que están conseguindo levar adiante un proxecto eléctrico de autoconsumo son xente moi obcecada e con moito tempo, que non lle importa pasar meses con trámites, con negativas e de aquí para alá"
Recentemente, no marco da xornada Comunidades Enerxéticas Locais, organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que as comunidades enerxéticas locais "favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a crear emprego e fixar poboación no rural". "As comunidades enerxéticas locais configúranse así como unha vía para mitigar a volatilidade do prezo eléctrico e para mobilizar capital privado cara aos obxectivos de transición enerxética", engadiu Conde que anunciou importantes axudas económicas para as comunidades enerxéticas locais.
"Cada día é máis evidente que a cidadanía, o tecido empresarial e os concellos galegos queren contribuír ao novo modelo enerxético de forma cooperativa, constituíndose como unha comunidade produtora e consumidora da súa propia enerxía de orixe renovable", afirmou o conselleiro naquela ocasión, obviando as dificultades que xera a negativa da Xunta a recoñecer legalmente a figura de propiedade comunal.
Tamén son habituais as declaracións de representantes do Goberno galego a prol do desenvolvemento económico das zonas rurais e dun "rural vivo". Porén, neste caso e noutros conflitos que decote establece coas comunidades de montes máis activas, a práctica desmente as súas declaradas intencións.
O "papel activo" das comunidades de montes
Gonzalo Pérez opina que todos estes atrancos se inscriben "nun contexto máis amplo en Galicia, no que a moita xente non lle gusta que as comunidades de montes teñamos un papel activo". "Queren restrinxirnos a ser meros produtores de madeira", di
Gonzalo Pérez opina que todos estes atrancos se inscriben "nun contexto máis amplo en Galicia, no que a moita xente non lle gusta que as comunidades de montes teñamos un papel activo". "Queren restrinxirnos a ser meros produtores de madeira", denuncia. "Pero a realidade é que nós xestionamos territorio e dentro dese territorio hai madeira, hai auga, hai pastos..., hai todo tipo de actividades económicas", di.
Adianta que nestes momentos hai moitas comunidades de montes "moi receptivas á idea de constituírse en comunidades enerxéticas locais, que queren probar cousas e que queren deixar aquilo de 'eucalito, piñeiro e xa'". Porén, lamenta que en Tameiga "estamos facendo un pouco de coelliño de indias. Ao resto de comunidades de montes, que hai varias interesadas, sempre lles dicimos o mesmo: agardade, agardade, agardade, a ver como imos resolvendo nós o tema".