O desexo de apostar por alternativas de produción e distribución eléctrica sustentables (baseadas unicamente en fontes renovables), democráticas (construídas dende abaixo e de forma horizonal) e non dependentes de grandes multiniacionais abriu paso hai uns anos a varias iniciativas cooperativas en todo o Estado. Unha delas foi a galega Nosa Enerxía, que botou a andar hai algo máis de cinco anos.
Nosa Enerxía nacía en 2013 con 30 socios e socias co obxectivo de "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde"
Aquel outono do ano 2013 a crise económica apertaba forte e a reforma enerxética do Goberno español elevara importantes obstáculos ao desenvolvemento do autoconsumo e das enerxías renovables. Nosa Enerxía nacía con 30 socios e socias promotoras co obxectivo de "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde". E salientando que "o noso país que ten unhas condicións envidiables por calquera país europeo para a implantación de proxectos de enerxía renovable, vese obrigado a seguir unha política enerxética obsoleta e prexudicial para o medio ambiente e para as persoas".
Hoxe, cinco anos despois, Nosa Enerxía superou xa os 700 contratos eléctricos e continúa un proceso de crecemento paseniño pero constante, construíndo unha ampla comunidade de socios e socias en Galicia (un total de 687) que pode tomar decisións sobre a enerxía que consume e tamén sobre o desenvolvemento da propia cooperativa. A entidade celebra este martes na Illa de Arousa este quinto aniversario, cun programa de actividades no que colabora o propio Concello da localidade e que mesmo será saudado polo Rainbow Warrior, o buque insignia de Greenpeace, que esta mañá abandonou o porto de Vilagarcía para atracar por unhas horas no da Illa, participando así na conmemoración de Nosa Enerxía.
A Illa de Arousa, pioneira
A Illa de Arousa é o escenario dunha ambiciosa iniciativa apoiada pola Unión Europea (Clean Energy for EU Islands), que financia proxectos piloto de transición cara ás enerxías limpas en territorios insulares europeos. Nosa Enerxía impulsa o proxecto, que inclúe unha serie de actuacións que buscan fomentar a mobilidade sostible, a redución de emisións, a eficiencia enerxética, a reciclaxe e a compostaxe.
Nosa Enerxía impulsa un proxecto de I+D para substituír os motores de combustión por motores eléctricos na frota bateeira
Nos últimos meses Nosa Enerxía presentou, no marco desta iniciativa, un ambicioso proxecto para impulsar o uso de motores eléctricos na frota bateeira da Ría de Arousa, (uns 100 buques) substituíndo así os contaminantes (e cada vez máis caros) motores de combustión. O buque Novo Esmeralda funcionará como prototipo para a realización de probas e a medición dos seus consumos de combustible e as súas necesidades de mobilidade para así deseñar unha proposta integral da que se poidan beneficiar todos os barcos, contribuíndo así a contar cunha ría máis limpa (coa importancia que isto pode ter para a produción mexilloeira e a pesca). O proxecto inclúe a colocación de puntos de recarga para os buques e a substitución dos vellos motores de combustión por novos motores eléctricos, accións nos que xa están comprometidas empresas de primeiro nivel españolas e finesas.
O proxecto inclúe actuacións como a posta en marcha dun servizo de autobuses eléctricos que dean servizo a todas as persoas que se achegan á Illa de Arousa, que así poderían deixar os seus vehículos privados nun aparcamento disuasorio lonxe do centro da localidade. Os autobuses virán acompañados pola instalación dos primeiros puntos de recarga para coches eléctricos na Illa.
Outros proxectos
A cooperativa traballa para avanzar na xeración de enerxía renovable e na promoción dos coches e motos eléctricas e de uso compartido
De igual xeito, a cooperativa traballa para avanzar na xeración de enerxía renovable, impulsando por exemplo coa Comunidade de Montes de Tameiga un proxecto Comunidade Enerxética que aposta pola xeración con tecnoloxía solar fotovoltaica.
Ademais, a cooperativa adquiriu un vehículo eléctrico, que pode ser usado libremente polos seus socios e socias (cun pagamento diario de entre 5 e 7 euros para facer fronte ao seguro). O obxectivo de Nosa Enerxía é ir adquirindo máis vehículos, en función da demanda dos socios e socias, para que cando menos haxa un en cada cidade galega. "Hai que apostar por unha mobilidade sostible e por non depender do petróleo. É importante lembrar que somos o país do Nunca Máis", dicían en entrevista con Praza.
"Todos os atrancos que nos poñen non fan máis que avivar os desexos de demostrar que as cousas se poden cambiar sempre que a cidadanía coopere entre ela", dicían en 2013
Ao longo de todo o día Nosa Enerxía dará conta no Porto do Xufre da súa actividade e proxectos futuros, nunha xornada na que foron convidados e convidadas todos os seus socios e socias, entre os que se contan concellos coma Rianxo, Ames, Moaña ou San Sadurniño e numerosas cooperativas, entidades sociais e culturais. Entre as actividades, presentarase unha moto e un coche eléctrico, amosarase o proceso de montaxe dunha instalación fotovoltaica e minieólica e debullarase o funcionamento dunha cociña solar.
"Todos os atrancos que nos poñen non fan máis que avivar os desexos de que Nosa Enerxía exista e permita demostrar que as cousas se poden cambiar sempre que a cidadanía coopere entre ela", dicía Nosa Enerxía no ano 2013. Cinco anos e medio despois, a cooperativa avanza nos seus obxectivos, agora nun contexto político algo máis favorable e co vista posta no futuro inmediato.