O 'Rainbow Warrior' converte Vilagarcía no centro da denuncia contra a crise climática

O Rainbow Warrior, no Porto de Vilagarcía © Greenpeace

Despois das dificultades que atopou noutros portos, coma o de Vigo, o pasado 25 de xullo o Rainbow Warrior, barco insignia de Greenpeace, atracou en Vilagarcía de Arousa. Dende entón, a urbe do Salnés está a acoller unha intensa actividade informativa e de denuncia sobre os efectos da actual emerxencia climática e de reivindicación de cambios urxentes na política enerxética.

Despois das dificultades que atopou noutros portos, coma o de Vigo, o pasado 25 de xullo o barco insignia de Greenpeace, atracou en Vilagarcía de Arousa

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, negouse a facilitar a Greenpeace os espazos necesarios para a realización das actividades e dedicou á entidade ecoloxista declaracións agresivas e unha hostilidade evidente, polo que a organización tivo que mudar os seus plans iniciais, recalando finalmente en Vilagarcía, que si acolleu o buque cos brazos abertos.

O Rainbow Warrior estará en Vilagarcía ata o 30 de xullo, desenvolvendo unha ampla axenda enmarcada na súa campaña ‘En marcha polo clima’, que o levou por oito países de toda Europa e un total de 15 portos, entre eles Istambul, Atenas, Palermo, Barcelona ou Málaga. A campaña combina a denuncia da crise climática, sinalando as súas causas, consecuencias e responsables, coa esixencia de solucións. Greenpeace apunta aos gobernos, "que perante unha emerxencia climática que eles mesmos recoñecen, non están a actuar coa urxencia nin ambición necesaria". Tamén sinala ás empresas "que encobren a súa actividade contaminante con campañas de lavado de imaxe".

O domingo Depedro, Maika Makovski e Uxía ofrecerán un concerto na Praza da Segunda República

A actividade prevista inclúe obradoiros sobre alternativas cidadás para participar no impulso ás enerxías renovábeis, un concerto (o domingo 28 na Praza da Segunda República a cargo de Depedro, Maika Makovski e Uxía), xornadas de portas abertas para todas as persoas interesadas en visitar o barco, visitas de autoridades e representantes políticos e, para rematar, unha rolda de prensa na que estarán presentes representantes da comunidade científica e da cidadanía que está a traballar na loita contra o cambio climático.

Un dos obradoiros organizados por Greenpeace que estes días teñen lugar en Vilagarcía © Greenpeace

“Galicia ten a grande oportunidade de asumir un papel protagonista na transición enerxética ás enerxías limpas renovables"

“Galicia ten a grande oportunidade de asumir un papel protagonista na transición enerxética ás enerxías limpas renovables e o Rainbow Warrior quere ser un trampolín para impulsar a participación activa da cidadanía fronte á emerxencia climática”, destaca María Prado, responsable da campaña de enerxía e clima de Greenpeace.

O martes 30 pola mañá o Rainbow Warrior abandonará Vilagarcía para atracar no porto da Illa de Arousa. Alí participará nas actividades de celebración do quinto aniversario da cooperativa Nosa Enerxía, que recentemente superou os 700 contratos eléctricos. Ademais, Greenpeace quere apoiar os proxectos que nesta localidade se están a desenvolver no marco da iniciativa europea 'Clean Energy for EU Islands', que pretende impulsar unha transición rápida a enerxías limpas en varias illas europeas que foron escollidas hai uns meses nunha convocatoria aberta.

5 medidas contra a crise climática

Greenpeace propón cinco medidas prioritarias de resposta á crise climática

Greenpeace propón cinco medidas prioritarias de resposta á crise climática: 
1. Redución de emisións. A Unión Europea debe levar as súas emisións netas a cero en 2040 e reducilas en 2030 nun 65% respecto de 1990. España debe reducilas polo menos un 55%, non o exiguo 20% que propón actualmente. 
2. Transición acelerada a un sistema 100% renovable. Xa en 2030, a práctica totalidade da electricidade que consumimos en España debería ser 100% renovable. 
3. Deixar de queimar carbón. En 2025, todas as centrais térmicas (e as nucleares) deben estar pechadas. 
4. Volantazo no sector do transporte. Ao longo da próxima década, debería quedar prohibida a venda de coches que usen gasoil ou gasolina e favorecer a súa substitución por un sistema de transporte intelixente e eficiente, con moito maior peso do transporte público e compartido e dos modos non motorizados e eléctricos. 
5. Marco xurídico estable. Debe aprobarse canto antes unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética contundente e elevar a ambición do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima.

O Rainbow Warrior, no Porto de Vilagarcía © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.