En distintos lugares de España están a nacer, e a crecer con forza, cooperativas de comercialización e produción eléctrica: a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer, a valenciana Nercoop, ou a catalá Som Energia, con dez mil socios en todo o Estado (tamén en Galicia, onde contan cun grupo territorial). Ademais, o pasado 21 de setembro Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega celebrou a súa asemblea constituinte e escolleu o seu Consello Reitor. Trátase dunha iniciativa netamente galega, que nestes momentos traballa nos trámites administrativos necesarios para comezar a súa actividade.
No futuro, Nosa Enerxía espera producir por els mesmos a súa propia enerxía renovable, e "deste xeito ademais de comercializadora será tamén produtora de enerxía 100% renovable"
Nosa Enerxía é unha cooperativa de consumidores e usuarios sen ánimo de lucro, na que as súas socias e socios consumen enerxía, productos relacionados co aforro enerxético e asesoramento sobre a eficiencia enerxética nos seus fogares e empresas. Garánteselles que toda a enerxía que reciben procede de fontes limpas, renovables, e o feito de seren unha cooperativa ofrece a posibilidade de que os usuarios participen con voz propia na toma de decisións. No futuro, ademais, Nosa Enerxía espera producir por els mesmos a súa propia enerxía renovable, e "deste xeito ademais de comercializadora será tamén produtora de enerxía 100% renovable".
Na cooperativa colaboran ao redor de 120 persoas, que neste momento buscan reunir os 3006 euros necesarios para dar de alta a cooperativa. O seu obxectivo idea é darse de alta antes de que finalice este ano e xa no 2014 comezar a comercializar enerxía renovable. No actual grupo promotor actual hai unhas 17 persoas e buscan xuntar uns 30 socios promotores que acheguen uns 100 euros cada un. Ao igual que os proxectos semellantes que está a xurdir en todo o Estado, búscase "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde". Destacan que os socios e socias participantes obterán como contrapartidas "consumir enerxía verde o mesmo prezo ou mais barata co prezo de mercado" e tamén contar con "poder de decisión no eido da enerxía que consumimos".
Os seus responsables cualifican de "barbaridade" a reforma enerxética do Goberno. O Decreto non só encarece os prezos a través dun brutal aumento dos custes fixos, desincentivando o aforro enerxético, senón que penaliza gravemente as enerxías renovables e o autoconsumo. Víctor Cortes salienta que "dende Europa foméntase o autoconsumo enerxético e a descentralización da xeneración e consumo eléctrico e o goberno español fai todo o contrario". Engade que "o noso país que ten unhas condicións envidiables por calquera país europeo para a implantación de proxectos de enerxía renovable, vese obrigado a seguir unha política enerxética obsoleta e perxudicial para o medioambiente e para as persoas" e conclúe que "mesmo China, gran consumidor de combustibles fósiles, deuse conta do erro e agora é un dos principais investidores en enerxías renovables.
"O noso país que ten unhas condicións envidiables por calquera país europeo para a implantación de proxectos de enerxía renovable, vese obrigado a seguir unha política enerxética obsoleta e perxudicial para o medioambiente e para as persoas"
Cortés subliña que a reforma enerxética "castiga as persoas e empresas que xeran enerxía con fontes renovables e ademáis non fomenta o aforro enerxético. Con esta reforma a cidadanía non verá premiado o seu esforzo por consumir menos e máis eficientemente a enerxía, senón que se crea unha tarifa plana na que todas as persoas pertencentes a cada tramo de potencia pagarán o mesmo consuman moito, pouco ou nada".
É un bo momento para lanzar un proxecto como este? "A crise económica está removendo a conciencia cidadá en moitos sentidos, e o aforro enerxético é un deles", comenta Cortés, que salienta que "o goberno viu que o consumo en todos os sectores está baixando, pero no tema enerxético o déficit tarifario seguía medrando". Explica que "este déficit tarifario non é consecuencia da implantación das enerxías renovables, senón dunha política errónea que comezou a aplicar Aznar, para que a cidadanía tivese máis poder adquisitivo e non pagase o precio da electricidade na súa totalidade, senón que a cidadanía pagaría unha parte do custe real da electricidade e o resto quedaba como débeda".
"Todos os atrancos que nos poñen non fan máis que avivar os desexos de que Nosa Enerxía exista e permita demostrar que as cousas se poden cambiar sempre que a cidadanía coopere entre ela"
Como pode afectar a proxectos como Nosa Enerxía? Cortés recoñece que a reforma eléctrica "supón un freo para a creación de proxectos como os de Nosa Enerxía, xa que ademáis dos atrancos administrativos que soen poñer, a cidadanía non notará moito o cambio de comercializadora" pero engade que "todos os atrancos que nos poñen non fan máis que avivar os desexos de que Nosa Enerxía exista e permita demostrar que as cousas se poden cambiar sempre que a cidadanía coopere entre ela".