Impulsan un modelo de contrato eólico para fortalecer os propietarios rurais e comunidades de montes

Instalacións eólicas en Muras © Concello de Muras

Nas últimas décadas o sector eólico desenvolveuse de forma moi importante en Galicia, nun proceso relanzado no 2019 despois de anos de paralización. Porén, os propietarios dos terreos nos que se asentaron os muíños xeradores recibiron unha parte moi pequena da riqueza xerada pola produción eléctrica. Concellos e propietarios rurais reciben só o 5% da facturación dos parques eólicos galegos, segundo os datos correspondentes ao ano 2017 publicados polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).

O Observatorio considera que estes contratos-tipo poden favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais

O OEGA leva traballando dende comezos do ano pasado por mudar esta realidade, fortalecendo a posición negociadora dos axentes rurais a través de asesoramento gratuíto, traballos de análise e a publicación de documentos que buscan favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais.

O pasado venres o Observatorio presentoulles aos grupos con representación no Parlamento de Galicia un modelo de contrato tipo para os propietarios de terreos afectados por parques eólicos. O obxectivo é que nestes contratos se recollan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos e, así mesmo, facilitarlles aos propietarios a negociación coas empresas promotoras das instalacións. Desde o OEGA consideran que esta iniciativa pode ser moi positiva para fortalecer as comunidades rurais e eólicas. 

O Observatorio considera que estes contratos-tipo poden favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais © Universidade de Vigo

Os contratos fan unha chamada a que os contratos prevalezan sobre as expropiacións

A proposta recolle dúas fórmulas de contrato tipo. Por unha parte, o contrato de constitución de dereito de superficie sobre parcela para as comunidades de montes veciñais e en man común (CMVMC) e, por outra parte, o contrato de arrendamento para propietarios particulares. Estes modelos de contrato, aínda que non recollen condicións económicas específicas, fan unha chamada a que os contratos prevalezan sobre as expropiacións, e recollen unhas cláusulas básicas entre as que sobresaen tres formas de pagamento: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada. 

Tamén destaca a cláusula de produtividade pola que cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado. Ademais da actualización do canon, que deberá incrementarse cada anualidade con arranxo á variación experimentada polo Índice de Prezos ao Consumo (IPC). 

Proponse tres formas de pagamento: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada

Por outra parte, levarase a cabo unha revisión do canon en calquera momento de vixencia do contrato, na que o superficiario comprométese a igualar o canon pactado cando o propietario presente un contrato, referido a calquera parque eólico terrestre existente dentro do marco normativo eléctrico español, que contemple unhas condicións retributivas máis vantaxosas.

Inclúese unha cláusula de produtividade, a actualización do canon e a revisión en calquera momento de vixencia do contrato

O Observatorio Eólico de Galicia reivindica o papel da enerxía eólica coma unha excelente oportunidade para o desenvolvemento e a supervivencia do rural, para a mellora da calidade de vida das persoas ou das explotacións agrarias e gandeiras. 

Entre as principais razóns que motivaron o desenvolvemento desta proposta destaca a recomendación recollida no 'Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia', pola que se instaba a desenvolver un instrumento para fortalecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eólica, como un contrato tipo que oriente sobre prezos mínimos pola ocupación dos terreos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.