O alcalde vigués di que consume máis “un campo de fútbol de 30.000 espectadores cos partidos habituais dun mes de xaneiro” que a decoración festiva, cuxo custo cifrou en 30.000 euros o pasado ano
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, convocou este martes aos medios de comunicación para unha visita ao inicio dos traballos de colocación do alumeado de Nadal. Alí, na mesma xornada en que o Boletín Oficial del Estado publicou o real decreto-lei de medidas de aforro enerxético que obrigará a reducir o consumo eléctrico en locais públicos pero que non di nada dos alumeados festivos, o rexedor vigués asegurou que o seu goberno local irá máis alá do que pide o executivo de Pedro Sánchez.
Segundo dixo, o horario de funcionamento do alumeado de Nadal reducirase de 7 a 6 horas diarias -de 18.30 a 00.30 horas, fronte ao horario anterior de 18.00 a 1.00 horas-, o que suporá un recorte do 14%, “o dobre” do 7% que segundo di piden aforrar o Goberno de España e a UE. Porén, esa cifra refírese ao aforro en consumo de gas, non en electricidade.
Segundo Caballero, o gasto en electricidade do alumeado de Nadal o pasado ano foi duns 30.000 euros. Malia que admite que este ano, pola suba da electricidade, será “un pouquiño máis”, considera que é un gasto rendible para Vigo ante o retorno económico que para a cidade supón o turismo vinculado ao Nadal, que cifrou en “centos e centos e centos de millóns de euros”.
Caballero tamén asegurou que o consumo do alumeado de Nadal durante o todo o tempo en que está funcionando é menor que o de “un campo de fútbol de 30.000 espectadores cos partidos habituais dun mes de xaneiro”. Do mesmo xeito, asegurou que o consumo do alumeado de Nadal é “menos do 0,5% do custo do alumeado público da cidade”, que cifrou en 5,5 millóns de euros ao ano.
O rexedor tamén asegurou que “se o Goberno o pide” Vigo reducirá aínda máis o consumo de electricidade do seu alumeado de Nadal.