A empresa pública comeza a enviar advertencias ás persoas usuarias dos 15.176 abonos empregados incorrectamente no país fronte aos 75.000 de toda España
Tras establecer hai dez días medidas de penalización para as persoas usuarias de abonos de tren gratuítos que reserven praza e despois non viaxen, este mércores Renfe comezou a advertir con mensaxes de móbil e correos electrónicos deses “usos irregulares”, que de repetirse en tres ocasións implican a anulación do abono. Segundo a empresa pública, en Galicia xa son 15.176 os abonos empregados irregularmente, o 20% dos 75.000 en que cifra o conxunto do Estado, en todo caso unha moi pequena porcentaxe dos 2,3 millóns de abonos gratuítos emitidos nos algo máis de tres meses que leva en vigor a medida.
Renfe tamén divulgou este mércores as mensaxes de advertencia que está enviando ás persoas que detecta que reservaron praza cun abono subvencionado e despois non viaxaron. Os SMS son unha simple frase que informa de que “o seu abono gratuíto pode ser anulado ao reservar unha viaxe sen que fose realizada nin anulada a mesma con dúas horas de antelación”. Pola súa banda, os correos electrónicos indican o mesmo lembran que cando se rexistre “en tren ocasións” unha reserva de praza sen posterior uso da mesma “anularase o abono, incautarase a fianza e non se lle expedirá un novo abono bonificado, para ningunha orixe-destino, ata transcorridos 30 días desde dita anulación”.
Os 15.000 usos incorrectos detectados en Galicia e os 75.000 en todo o Estado son unha moi pequena parte dos 2,3 millóns de abonos emitidos ata o momento
A empresa pública di que o obxectivo das novas condicións de uso dos abonos gratuítos é “evitar a incorrecta utilización destes títulos, en especial os comportamentos de determinados usuarios”. Tamén lembra que outras das novas condicións establecidas hai dez días consiste en limitar a catro viaxes diarias de ida ou volta o número máximo de traxectos que se permite formalizar por abono, así como impedir que se formalicen dúas viaxes no mesmo sentido ata que transcorra o triplo do tempo de viaxe programado.
Renfe salienta que “o mal uso dos títulos gratuítos, que se está limitando ao 3% dos máis de 2,3 millóns de abonos adquiridos, xera un prexuízo ao resto dos cidadáns limitando a súa mobilidade e desvirtúa a efectividade destes títulos cuxo obxectivo é incentivar a demanda do transporte público e contribuír a reducir as emisións de CO2”.