Os prezos dos principais combustibles -como de moitos outros produtos e materias primas- viñan incrementándose dende o levantamento do groso das restricións pola COVID-19 e a recuperación da actividade económica (e polo tanto, da demanda) a nivel xeral. No caso dos combustibles, esa escalada disparouse de vez a finais do pasado febreiro, coa invasión rusa da Ucraína e o incremento das sancións da UE a Rusia por esta razón, entre outros factores.
O prezo medio do litro de gasolina rolda agora en Galicia os 1,60 euros, prezo moi semellante ao de mediados do pasado febreiro
En apenas dúas semanas, o litro de gasolina pasou de roldar os 1,60 euros a achegarse aos 1,90, limiar que tamén rozou o gasóleo A, que estaba na contorna dos 1,50 euros o litro antes da guerra, sempre referíndonos a importes medios para Galicia segundo os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Este foi o contexto no que o Goberno de España implantou, dende abril, a subvención xeral de 20 céntimos por litro de combustible, medida que está vixente ata o remate do ano e que o propio Executivo aposta por reformular en pleno descenso destes prezos.
Os últimos datos oficiais dispoñibles apuntan a que o litro de gasolina custa agora en Galicia arredor de 1,61 eiros e o de gasóleo A rolda os 1,68. Isto implica, daquela, que a gasolina xa está en niveis semellantes ou mesmo un chisco por baixo que antes da invasión rusa de Ucraína, mentres que o gasóleo supera nuns 15 céntimos os importes que se rexistraban daquela. O importe subvencionado da gasolina fai descender o custo para o público xeral ata a contorna dos 1,41 euros o litro, prezo semellante ao que se rexistraba a principios deste ano, sen desconto.
A cotización do petróleo caeu un 33% dende xuño e os prezos de venda ao público da gasolina, oito puntos menos
Os prezos da gasolina están agora, daquela, arredor dun 25% por baixo do teito que acadaron a mediados de xuño, cando sen desconto se achegaran aos 2,20 euros. Daquela, o petróleo Brent (o de referencia en Europa) cotizaba por riba dos 120 euros o barril e agora faino a menos de 80, un descenso do 33% que non se reflicte, nin de lonxe, nos prezos que as persoas consumidoras deben asumir ao repostar.
É neste contexto no que o Goberno de España vén dando sinais de concretar a súa aposta por reformular o sistema de descontos. Así o apuntaba, por exemplo, a vicepresidenta Nadia Calviño en declaracións recentes a RAC 1. A aposta da ministra de Economía é substituír ese desconto xeral por outro concentrado nos sectores máis dependentes dos combustibles, caso dos transportes de mercadorías ou a pesca. Resta saber, non obstante, se esa medida viría acompañada dalgunha outra para as rendas máis baixas.
A posible desaparición do desconto xeral chega tamén despois de que, a pasada semana, a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC) confirmase que está a investigar a Repsol, Cepsa e BP por posibles abusos aproveitándose desa medida. Faino a instancias dunha denuncia de operadoras de gasolineiras de baixo custo, Aesae (que agrupa marcas como Petroprix ou Plenoil) e ACIHL, que advertiron da imposibilidade de competir en igualdade de condicións se estes xigantes do sector suman ao desconto gobernamental de 20 céntimos outras pronunciadas rebaixas asociadas, por exemplo, ao uso das súas tarxetas de fidelización.