"Intransixencia enerxética", "improvisación", "ocorrencia" ou "broma de mal gusto" son algúns dos cualificativos que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo e o seu número tres no organigrama estatal do PP e, como o seu xefe de filas, tamén senador por designación do Parlamento de Galicia, Miguel Tellado, dedicaron nos últimos días ao plan de aforro enerxético aprobado polo Goberno de España. Tanto o líder conservador como outros dirixentes do partido puxeron o foco en medidas coma os novos límites para as temperaturas da calefacción e do aire acondicionado que, segundo a Xunta, apenas van ter "impacto real".
A Xunta edita guías de aforro enerxético con temperaturas límite de aire acondicionado e calefacción, da que pide "non abusar". Agora, a dirección do PP cualifica medidas coma estas de "ocorrencia" ou "broma de mal gusto"
Estas consideracións do ex-presidente, do seu sucesor na presidencia, Alfonso Rueda, e de cargos coma o vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde, contrastan cos consellos que a propia Xunta vén achegando á cidadanía dende hai anos en materia de aforro e eficiencia enerxética. Entre eles, limitar a calefacción a 19 graos e o aire acondicionado a 26 para aforrar. É dicir, referencias con apenas un grao de diferenza a respecto do agora prescrito polo Executivo estatal, aínda que cun matiz importante: as peticións de aforro da Xunta véñense dirixindo tamén aos fogares, ámbito no que o decreto estatal non entra.
Estas referencias para a limitación do consumo enerxético en climatización veñen sendo divulgadas polo Goberno galego a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) dende hai lustros, con manuais de boas prácticas que se remontan aos tempos de Fraga e que o Executivo de Feijóo asumiu, actualizou e republicou. Tamén o fixo o actual gabinete presidido por Rueda, que este mesmo verán, apenas un mes antes do decreto estatal, reeditou decálogos enerxéticos para particulares, pequenas empresas e administracións públicas nos que pedía, por exemplo, "que o termostato non baixe de 26ºC con aire acondicionado" ou "non deixar luces acendidas en dependencias baleiras".
Para espazos de traballo, eido no que se centra o plan estatal, a Xunta indica "entre 19 e 21 graos" para a calefacción e 25 para o aire acondicionado, sen especificar excepcións en función da lexislación de riscos laborais, o cal si fai o real decreto
Os limiares de temperaturas son lixeiramente dispares en función da publicación e do ámbito. A Guía práctica de aforro de enerxía que a Xunta segue a divulgar como vixente na actualidade sinala que, "en inverno", "unha temperatura de entre 15 e 17 ºC nos dormitorios e de 20 ºC no resto da vivenda é suficiente para manter un confort en todo o fogar". "En verán evite baixar de 25 ºC", agrega, antes de advertir de que "cada grao que aumenta en inverno ou reduce en verán suporán un incremento do consumo enerxético entre un 5% e un 7% da calefacción ou do aire acondicionado". Sobre a calefacción, promove ademais que se "apague pola noite". Nunha presentación gráfica destes consellos, engadía ademais unha petición máis directa: "Non abuse da calefacción".
Para espazos de traballo, eido no que se centra o actual plan estatal, esa mesma guía da Xunta pide manter a calefacción "entre 19 e 21 ºC" no inverno. Isto é, parte dun limiar idéntico ao fixado agora polo Estado. Para o aire acondicionado pide "manter unha temperatura de 25 ºC" -dous menos que a nova norma-. Tamén incide noutro dos aspectos censurados agora polos populares: "Evite as filtracións de aire, non deixe portas ou ventás abertas coa climatización funcionando". Ao contrario que a normativa estatal, non se remite á lexislación en materia de riscos laborais para advertir de excepcións.
Esta edición da guía que a Xunta segue a divulgar foi publicada polo Goberno galego en 2012, cando Feijóo levaba tres anos na presidencia. Os consellos, non obstante, foron reiterados con escasos matices ata a actualidade. Así, por exemplo, cara ao inverno de 2014 volvía resalta que "unha temperatura de entre 19 e 21 graos centígrados resulta suficiente para manter a confortabilidade dunha vivenda".
Neste verán de 2022, xa con Rueda na presidencia, a Xunta volveu publicar recomendacións de aforro enerxético. Entre elas, "controlar o consumo de aire acondicionado" cun límite de 26 graos e "manter pechadas portas e fiestras cando funcione a climatización"
Neste 2022, xa co ex-presidente no liderado do PP e con Rueda na presidencia da Xunta, a Xunta volveu incidir nos mesmos consellos con decálogos de "normas básicas para aforrar no consumo de enerxía" editados nos primeiros días do pasado mes de xullo. No destinado a pequenas e medianas empresas, o Goberno galego pide "controlar o consumo de aire acondicionado" mediante a devandita limitación a 26 graos, tendo en conta que "cada grao que se baixe no termostato supón un incremento e consumo enerxético aproximado do 8% e agregando que cómpre "manter pechadas as portas e fiestras cando funcione a climatización". Sobre o alumeado, ademais de apagalo en estancias non ocupadas, recomenda "aproveitar a luz natural" e outras medidas como sensores de presenza.
Para os fogares, a recomendación da Xunta é idéntica en canto a climatización e alumeado e o mesmo sucede na versión do decálogo destinada aos edificios administrativos públicos. No momento da elaboración desta información, estes decálogos estaban accesibles na páxina principal do sitio web da Vicepresidencia Primeira do Goberno galego, que dirixe Conde.
Como responsable de Economía, Industria e Innovación da Xunta, o vicepresidente primeiro foi o encargado de participar o pasado luns na conferencia sectorial coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, centrada na aplicación do real decreto. Tras a reunión, considerou que as medidas do Goberno de España son un "intento" de "desviar a atención cara a debates" que poden "xerar un impacto moi negativo no tecido produtivo", especialmente no "comercio e no turismo". Así e todo, confirmou que "en Galicia acataremos" as normas, garantindo "o seu cumprimento".