Tras a decisión do Goberno de España de subir as tarifas só un 4% e asumir con fondos públicos o resto da inflación, e a da Xunta de subvencionalas por completo, as concesionarias veñen de actualizar as súas táboas
Xa se coñecía a decisión xeral, pero agora son oficiais as tarifas concretas. O pasado martes o Goberno de España decidiu que en 2023 as peaxes das autoestradas estatais, en Galicia a AP-9 e a AP-53 Santiago-Lalín, non suban o que deberan pola inflación senón só un 4%, asumindo con fondos públicos a diferenza de forma temporal e incrementando as tarifas en anos posteriores máis do que marque a inflación por vir.
Con similar procedemento tamén a Xunta decidiu conxelar por completo a suba das peaxes nas súas dúas autoestradas, a AG-55 A Coruña Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. E agora esas decisións veñen de traducirse oficialmente nas peaxes concretas que aplicarán as concesionarias en cada recorrido posible durante 2023, nas que o 4% debe ser redondeado a múltiplos de cinco céntimos á alza ou á baixa en función de como se realizase o redondeo de anos anteriores.
No ano en que debera rematar a concesión de Audasa se non fose ampliada polo Goberno de José María Aznar ata 2048, as novas tarifas deixan as viaxes dos vehículos lixeiros pola AP-9 entre Ferrol e A Coruña en 5,25 euros, entre A Coruña e Santiago en 7,45, entre Santiago e Pontevedra en 6,40, entre Pontevedra e Vigo en 4,30 e entre Vigo e Tui en 3,00 euros. Así, a viaxe entre A Coruña e Vigo queda en 18,15 euros.
Canto á AP-53 entre Santiago e Lalín, as novas tarifas deixan a viaxe entre esas dúas localidades en 6,40 euros, e entre Santiago e Silleda en 3,85 euros.
Pola súa banda, nas autoestradas autonómicas, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, a Xunta decidiu achegar máis cartos públicos para conxelar por completo as peaxes. Se xa hai un ano decidiu que as tarifas non subisen tanto como marcaba a inflación daquela senón só un 2,5%, agora a conxelación será total e manteranse as mesmas peaxes, con por exemplo 2,60 euros para circular entre A Coruña e Carballo ou 1,70 euros para facelo entre Vigo e Baiona.