"Todos os indicadores confirman que a temida recesión impulsada por uns custos enerxéticos disparados e que se prevía pola maioría dos organismos de estudos económicos para o último trimestre do exercicio non se materializaron". Esta afirmación, incluída nos resultados de Autopistas del Atlántico remitidos este 3 de abril á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) poden ser un bo resumo das cifras que a concesionaria da AP-9 amosa aos mercados e aos seus investidores: o ano que comezou con "dúbidas e incertezas" entre ecos da COVID e co "estoupido da guerra en Ucraína" pecha con ganancias que case supoñen bater o seu propio récord.
Durante o ano pasado Audasa logrou 67,64 millóns de euros en beneficios despois de impostos, case 16 millóns máis que en 2021
Durante o ano pasado Audasa logrou 67,64 millóns de euros en beneficios despois de impostos, case 16 millóns máis que en 2021. Hai que retroceder ao ano 2010 para atopar unha cifra semellante. Daquela culminara dúas décadas de escalada de beneficios ata chegar a 68 millóns, que nos anos seguintes caerían con intensidade no marco da crise financeira internacional. Coa COVID os beneficios da empresa tamén descenderon, pero con moita menor intensidade e un posterior crecemento moito máis intenso. Tanto é así que as ganancias aumentaron en 2022, en cifras redondas, tres veces máis que o tráfico na principal autoestrada galega.
Durante o ano pasado circularon pola AP-9 unha media de 24.561 vehículos diarios, un incremento do 9,8% tendo en conta todos os treitos do seu trazado de case 220 quilómetros. Excluíndo da conta os cinco treitos de balde para as persoas usuarias (case 40 quilómetros ao seu paso por Vigo, Pontevedra, Santiago e Fene-Ferrol), o tráfico foi, de media, duns 21.803 vehículos diarios, un 11,13% máis. Deste xeito, o incremento interanual do tráfico rolda o 10% e a suba dos beneficios, o 30%, tres veces máis.
O aumento do tráfico fai que o tránsito pola AP-9 xa fose máis que no último ano antes da COVID, o 2019, concretamente un 1,01% máis. Mentres, o total de ingresos por peaxe son un 12% máis que daquela e os beneficios están un 56% por riba dos que obtivo no último ano completo previo á pandemia.
Case 35 millóns públicos polas peaxes subvencionadas
As contas de Audasa para 2022 traen consigo tamén outra vertente relevante, por ser o primeiro ano completo no que estivo en vigor o novo programa de descontos nas peaxes a través de subvencións do Estado. Esta medida trouxo consigo como principal novidade as viaxes de volta gratuítas en menos de 24 horas para todos os vehículos que usen o dispositivo de telepeaxe. Esta iniciativa, para que o Estado xa comprometeu fondos ata 2048 (en total, uns 2.300 millóns de previsión) supuxo 34,7 millóns en ingresos para Audasa en 2022 ou, o que é o mesmo, un de cada cinco euros ingresados na súa partida de peaxes.
A propia compañía admite na información sobre os seus resultados que a implantación dos novos descontos subvencionados polo Estado contribuíu a fomentar o uso do telepeaxe, que xa se incrementara con forza durante a crise da COVID. Así, Audasa calcula que case o 70% dos tránsitos xa son abonados a través destes dispositivos mentres o pagamento en efectivo cae ao 8%. Entre telepeaxes e "vías de cobro automático" suman xa o 96,2% dos tránsitos na autoestrada.
Case o 70% dos tránsitos xa son abonados mediante telepeaxe, un sistema á alza no seu uso por ser preciso para acceder ás peaxes subvencionadas polo Estado
Alén das diversas magnitudes económicas, Audasa tamén inclúe nos seus resultados anuais referencias aos procesos xudiciais e outros elementos que poidan afectar ao seu negocio. Entre eles, vólvese referir ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea ao Reino de España por prorrogar no ano 2000 -durante o segundo Goberno do PP de Aznar a concesión da AP-9 sen concurso público.
Como xa fixera noutras ocasións, a empresa reitera que "non recibiu ningunha notificación ao respecto" nin "é parte do procedemento". En calquera caso, defende que se este proceso acabase coa perda da concesión antes de 2048, esta sería unha "causa non imputable á sociedade" e, polo tanto, "implicaría en todo caso" unha indemnización. Estas notas anexas aos resultados non mencionan a posibilidade de que a xestión da autoestrada poida ser transferida á Xunta.