En abril de 2021 a Audiencia Provincial de Pontevedra anulou a sentenza dun Xulgado do Mercantil que condenara a concesionaria da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a devolver as peaxes que cobrara no tramo da ponte de Rande durante as obras da súa ampliación entre febreiro de 2015 e xuño de 2018. Ano e medio despois, Audasa enfróntase a unha nova condena polo mesmo motivo, pero desta volta a pena imposta consiste na devolución da metade do cobrado.
O Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña vén de sentenciar parcialmente a prol do reclamado por 21 demandantes (persoas físicas e xurídicas) representadas polo bufete Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores. Reclamaban a devolución íntegra deses importes ao defenderen que Audasa incumpriu as súas obrigas contractuais como concesionaria ao seguir cobrando nese tempo por un servizo que, por mor das obras, era imposible prestar "sen condicións normais".
Segundo indicara a Dirección Xeral de Tráfico no devandito proceso xudicial en Pontevedra e así ficara recollido na correspondente sentenza, cita agora o ditame coruñés, chegáranse a identificar 202 incidencias no tráfico por mor das obras de Rande, 81 delas consideradas "relevantes". Argumenta o xulgado que "non é controvertido", senón "notorio", que "durante a execución das obras a circulación non é igual" que cando non se están a realizar traballos e ve "indubidable" que eses atrancos existiron.
Ano e medio despois de que a Audiencia de Pontevedra anulase a sentenza que obrigaba a concesionaria da AP-9 a devolver as peaxes cobradas durante as obras, un xulgado da Coruña estima que a devolución ten que ser do 50% porque a concesionaria "cumpriu defectuosamente as súas obrigas" nese período
Mentres que as partes demandantes apuntaron á inexistencia "dunha alternativa razoable" ao tramo afectado polas obras e que, polo tanto, se viran "forzados" a utilizar a AP-9 mentres Rande estaba sendo ampliado, Audasa esgrimiu que cada persoa que decidiu conducir pola autoestrada o fixo voluntariamente. Ademais, argumentou que as repercusións no tráfico foran "mínimas" e que como concesionaria carece de competencia para alterar as tarifas á baixa.
Tamén tentou Audasa, destaca a representación legal dos demandantes, "extrapolar" a este caso a sentenza de Pontevedra. Pero "descártase a similitude entre os dous casos", porque naquel a Fiscalía "baseaba o seu pedimento indemnizatorio nunha práctica abusiva" da empresa e neste, o aludido foi "un incumprimento defectuoso do contrato". E o xulgado coruñés si considera que Audasa "cumpriu defectuosamente as súas obrigas".
É por isto polo que a sentenza condena a concesionaria da AP-9 a devolver a metade do cobrado. A cuestión non obstante, non finaliza neste ditame, toda vez que contra el cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Este pronunciamento xudicial, con data do pasado 24 de outubro, sae á luz mentres a sociedade propietaria de Audasa, Itínere, volve cambiar de mans e pasa a estar controlado en exclusiva por un fondo de pensións dos Países Baixos, APG, que xa era parte do seu accionariado. A operación recibiu o visto e prace de Competencia o pasado 26 de outubro.