A AP-9 gaña 21 millóns en seis meses e ingresa por peaxes un 12% máis que antes da pandemia

Treito da AP-9 ao seu paso por Teo © Miguel Riopa / Audasa

O negocio de Autopistas del Atlántico S.A., a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, xa marcha definitivamente mellor que antes da pandemia da COVID-19. Así o apuntaban os resultados da empresa en 2021, cando as súas ganancias superaron un 20% as de 2019, e así o ratifican os correspondentes ao primeiro semestre de 2022, que vén de entregar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A concesionaria cobra en portaxes máis de 80 millóns de euros no primeiro semestre do ano

Entre xaneiro e xuño deste ano, Audasa gañou 21,45 millóns de euros. É case un 74% máis que no mesmo semestre de 2021, cando -como recolle a propia compañía na información publicada- aínda sufriu a influencia das restricións para conter os contaxios do coronavirus, pero tamén un 14% máis que no mesmo semestre do 2019, o último ano non afectado polo virus.

Esta ampliación das marxes do negocio prodúcense nun contexto nos que os ingresos por peaxes da principal autoestrada galega se dispararon por riba dos 80 millóns de euros. Supón un incremento interanual superior ao 30% e implica tamén ir máis alá do facturado na primeira metade de 2019, cun 12% de incremento.

17 millóns en subvención estatal para bonificar peaxes

Esta mellora dos principais resultados de Audasa prodúcese nun contexto de notable incremento dos tráficos no primeiro semestre do que será o primeiro ano completo no que están en vigor as relevantes subvencións estatais ás portaxes, coa gratuidade dos traxectos de retorno pagos con telepeaxe en menos de 24 horas como medida estrela. Esa achega das arcas públicas, recollen os resultados, ascenderon a case 17 millóns de euros durante eses seis meses. Concretamente, 16,96 millóns de euros.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, esa subvención estatal supuxo ata un 20% dos ingresos por peaxes de Audasa no primeiro semestre do ano nun contexto no que o pagamento en efectivo pola autoestrada segue a perder peso e xa supón apenas un 8% dos ingresos da compañía. Segundo a devandita presentación de resultados, o 97% dos tránsitos de pago directo son abonados en vías "non manuais".

O tráfico de xaneiro a xuño supera nun 0,4% o rexistrado antes da pandemia mentres os ingresos de Audasa soben un 12% e as ganancias, un 14%

Nesta estrutura de ingresos inclúense tamén os treitos de peaxe na sombra, isto é, os 9 quilómetros do treito Vigo - O Morrazo e os 5 da Coruña - A Barcala que non son abonados directamente ao circular pola AP-9, senón que saen das arcas públicas en función do tráfico rexistrado. Neste primeiro semestre os ingresos por esta vía foron 5,6 millóns de euros.

Mentres que entre xaneiro e xullo de 2021 circularon pola autoestrada unha media diaria de 18.859 vehículos, este ano foron 23.205, o que implica un incremento do 23,04%. Tamén é unha cifra maior previa á da pandemia, cando se rexistraran 23.117 na media diaria do primeiro semestre de 2019. O aumento do tráfico a respecto daquel período de hai tres anos é de apenas un 0,4%, fronte ás devanditas subas do 12% dos ingresos e do 14% nas ganancias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.