O pagamento a Audasa pola rebaixa ilegal decidida en 2017 polo Goberno de Mariano Rajoy das compensacións que a administración estatal e a galega viñan pagando á concesionaria da AP-9 para liberar de peaxes aos usuarios nos treitos de Rande e da Barcala terá que ser sufragado en totalidade polo Estado e non pola Xunta, nin tan sequera a medias.
O TSXG exime a Xunta de pagar os 15,6 millóns que lle reclama o Estado polas peaxes en sombra de Rande e da Barcala
Así o vén de decidir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao rexeitar a solicitude do Ministerio de Transportes de que a Xunta lle abonase a indemnización que o Estado lle debe pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir por esas peaxes en sombra durante 2017, 2018 e 2019. Unha cantidade que, segundo o Estado, ascendería a 15,6 millóns.
O Ministerio baseou a súa solicitude nunha sentenza do Tribunal Supremo que a condenou a pagar á concesionaria da AP-9 as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pagamento foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra.
A gratuidade deses tramos provocara un notable incremento do número de usuarios da autoestrada, polo que en 2017 o Goberno central modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa.
No entanto, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o dereito da concesionaria a ser indemnizada polos prexuízos causados pola implantación do sistema de retribución do Real Decreto de 2017. En concreto, ordenou ao Estado pagarlle a diferenza entre o que tería percibido co sistema de retribución fixado en 2006 e o que percibiu de acordo ao Real Decreto de 2017. Esa cantidade, máis os intereses, fixada polo Estado en 15,6 millóns, é a que lle reclamaba á Xunta.
O Supremo obrigara ademais en 2021 ao Estado a pagar xa daquela esa débeda con independencia de que noutra causa xudicial se determinase se a Xunta tiña que asumir ou non a metade. O TSXG vén de acordar que non nun ditame que non é firme.
O TSXG entende que "non é procedente" condenar a Xunta a pagar a Audasa porque o Supremo non impuxo condena ningunha á Administración galega
A petición do Estado foi rexeitada polo TSXG ao entender que “non é procedente” condenar a Xunta a aboar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais que se devindiquen dos anos 2017, 2018 e 2019, e ata o final do prazo de concesión da AP-9.
“A sentenza do Tribunal Supremo non impón condena ningunha á Xunta e, por iso, a propia executante, Audasa, insta a execución fronte á Administración do Estado, por así dispoñelo a sentenza”, explica o alto tribunal galego na resolución. Ademais, incide en que estamos "ante un requirimento que efectúa a Administración Xeral do Estado á Xunta para que execute a sentenza do Supremo na que a Xunta non resultou condenada”.
Así, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG destaca que o Estado reclama eses cartos cando “aínda non pagou a Audasa”, tal e como ordenou o Supremo. “A Administración Xeral do Estado xustifica o seu incumprimento en que parte das cantidades reclamadas eran debidas pola Xunta, causa obstativa de pago que foi rexeitada polo Tribunal Supremo nun auto do 14 de outubro de 2021”, destaca o alto tribunal galego.
No ditame tamén se indica que, “en caso ningún”, se podería “atender á cantidade reclamada pola Administración Xeral do Estado”, pois lembra que a cantidade que lle teña que abonar a Audasa é “a que determine o Tribunal Supremo en execución da sentenza, sen proceder que a Xunta abone intereses das cantidades debidas, ao non ter responsabilidade na demora”.
A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso de casación.
O Goberno de Rajoy decidiu unilateralmente reducir á metade a compensación a Audasa e asumila en solitario, pero o Supremo considerou o recorte ilegal
A liberación para os usuarios das peaxes de Rande e A Barcala foi acordada en 2006 polos gobernos galego e central de Touriño e Zapatero, que se comprometeron a compensar a medias á concesionaria por cada vehículo que empregase eses treitos. En xullo de 2017 o Ministerio de Fomento dirixido polo popular Íñigo de la Serna considerou que o aumento de tráfico inducido pola gratuidade para os usuarios supúñalle á concesionario un “enriquecemento inxusto”, e decidiu unilateralmente reducirlle á metade a compensación polas peaxes e asumila en solitario, liberando á Xunta da obriga de pagar a metade.
Audasa recorreu e a comezos de 2020 o Supremo deulle a razón e considerou ilegal o recorte da compensación decidido unilateralmente polo ministerio. E deixou no aire se a Xunta debía volver asumir a metade desa compensación, que Feijóo chegou a cuantificar en 400 millóns ata 2048, ou a obriga era só do Ministerio.
Neste tempo, xa co ministerio dirixido polo PSOE, no marco das novas rebaixas de peaxes decididas este pasado verán, reorganizouse a contabilidade de todas as sucesivas compensacións comprometidas a Audasa, de xeito que a liberación de Rande e A Barcala está xa integrada no conxunto. Pero quedou pendente a metade da compensación nunca pagada desde xullo de 2017. Así que o pasado verán Audasa solicitou ao Supremo a execución da sentenza previa que lle daba a razón.
O Supremo deulle a razón e agora o TSXG vén de desestimar a intención do Ministerio de Transportes de que eses máis de 15 millóns de euros fosen aboados en parte ou totalmente pola Xunta.