O Supremo obriga ao Estado a pagar xa esa débeda con independencia de que noutra causa xudicial se determine se a Xunta ten que asumir a metade
O Tribunal Supremo vén de decidir que o Estado pague xa a Audasa 13,8 millóns de euros froito do recorte ilegal decidido en 2017 polo Goberno de Mariano Rajoy das compensacións que esa mesma administración e a Xunta viñan pagando á concesionaria da AP-9 para liberar de peaxes aos usuarios nos treitos de Rande e A Barcala. A comezos de 2020 o Supremo xa declarara ilegal esa rebaixa, e agora confirma a contía a pagar de xeito inmediato polo Estado con independencia de que noutra causa xudicial distinta se determine se a Xunta ten que asumir a metade, como fixo desde 2006 ata 2017.
A liberación para os usuarios das peaxes de Rande e A Barcala foi acordada en 2006 polos gobernos galego e central de Touriño e Zapatero, que se comprometeron a compensar a medias á concesionaria por cada vehículo que empregase eses treitos. En xullo de 2017 o Ministerio de Fomento dirixido polo popular Íñigo de la Serna considerou que o aumento de tráfico inducido pola gratuidade para os usuarios supúñalle á concesionario un “enriquecemento inxusto”, e decidiu unilateralmente reducirlle á metade a compensación polas peaxes e asumila en solitario, liberando á Xunta da obriga de pagar a metade.
Audasa recorreu e a comezos de 2020 o Supremo deulle a razón e considerou ilegal o recorte da compensación decidido unilateralmente polo ministerio. E deixou no aire se a Xunta debía volver asumir a metade desa compensación, que Feijóo chegou a cuantificar en 400 millóns ata 2048, ou a obriga era só do ministerio.
As compensacións por Rande e A Barcala están xa incluidas na reorganización e ampliación das rebaixas decidida este pasado verán, pero quedaba pendente de pagar a Audasa a débeda desde 2017
Neste tempo, xa co ministerio dirixido polo PSOE, no marco das novas rebaixas de peaxes decididas este pasado verán, reorganizouse a contabilidade de todas as sucesivas compensacións comprometidas a Audasa, de xeito que a liberación de Rande e A Barcala está xa integrada no conxunto. Pero quedou pendente a metade da compensación nunca pagada desde xullo de 2017. Así que o pasado xullo Audasa solicitou ao Supremo a execución da sentencia previa que lle daba a razón reclamando por eses dous anos e medio pendentes un total de 13.883.196,17 euros.
Tras escoitar ao Estado e á Xunta, agora o tribunal, nun auto adiantado este mércores por Faro de Vigo, admite a petición da concesionaria e establece que o primeiro pague xa esa contía, “sen prexuízo do dereito que poida asistirlle fronte á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dos efectos que poidan derivarse dos compromisos acordados no ano 2006”.