Autopistas del Atlántico S.A., a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, xa ten máis beneficios que antes da pandemia. Audasa vén de comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e aos seus accionistas os resultados que obtivo en 2021 e, aínda que o tráfico e os ingresos por peaxe aínda non regresaron aos niveis de 2019, as súas ganancias xa están por riba das de aquel ano. Tanto é así que os 50,7 millóns de euros anotados no seu resultado despois de impostos non só supoñen un 20% máis que no ano previo á COVID-19, senón tamén a cifra máis elevada nunha década.
A intensidade do tráfico e os ingresos de Audasa por peaxes, superiores aos 150 millóns en 2021, aínda están por baixo das cifras de 2019
Na súa explicación dos resultados, Audasa atribúe este incremento dos beneficios "fundamentalmente, á redución en 2021 do custo financeiro da débeda", toda vez que os ingresos por peaxes, algo máis de 150 millóns de euros, son aínda uns 3 millóns menos que en 2019. O salto das principais magnitudes a respecto do ano en que estourou a pandemia, marcado polo confinamento e pola redución da actividade socioeconómica, e aínda máis obvio: case un 20% máis de ingreso por todas as peaxes e un 50% máis de ganancias.
A principal novidade a respecto da AP-9 no pasado ano foi, non obstante, a introdución do relevante paquete de descontos nas portaxes con cargo a subvencións do Estado, coa bonificación do 100% do custo das viaxes de regreso -en desprazamentos de ata 24 horas- para todos os vehículos con dispositivo de telepeaxe. A relevancia desa achega é tal que o capítulo de subvencións de explotacións incorporadas aos resultados económicos da compañía concesionaria pasan de apenas 251.700 euros en 2020 a 14,8 millóns en 2021. Esta cifra inclúe, dende agosto do pasado ano, as bonificacións previas como o descontos preexistentes no treito Vigo-Pontevedra.
O 95% das viaxes de pagamento xa se abonan a través de vías automáticas como a telepeaxe, dispositivo obrigatorio para acollerse aos descontos aplicados polo Estado
Todo isto sucede nun contexto no que o tráfico polos treitos da AP-9 suxeitos a peaxe (toda a autoestrada agás os algo menos de 40 quilómetros de acceso libre), incluíndo os 14,2 quilómetros de portaxes na sombra (polos que as arcas públicas pagan directamente en función do tráfico, cuns 10 millóns anuais) finalizou 2021 cunha intensidade media diaria de 19.620 vehículos, case un 30% máis que no ano do confinamento pero un 9% menos que en 2019.
Contando tamén os tramos de peaxe, a intensidade media diaria da AP-9 ascende ata os 22.369 vehículos. É un volume igualmente inferior ao de 2019 (foran 24.405, a maior cifra nunha década) pero loxicamente moi superior ao do ano máis marcado pola pandemia, cando caeu ata 17.546.
Estes son os principais datos dun ano no que os resultados de Audasa indican que a AP-9 rexistrou 102,68 millóns de viaxes. Ata no 95,2% das viaxes realizadas polos treitos suxeitos a portaxe os vehículos pasaron por vías de pagamento "non manuais" nun ano cun crecemento significativo da facturación por telepeaxe, cadrando coa ligazón entre o uso deste mecanismo e os descontos estatais. Así, Audasa cobrou en 2021 ata 84,5 millóns de euros a través de telepeaxe (un 10% máis que en 2020). Os pagamentos mediante tarxeta sumaron 33 millóns de euros (+25%) e os ingresos e efectivo situáronse en 16,6 millóns (+23%).
Nesta información sobre os resultados de 2021, Audasa tamén destaca o ben que sentou ás súas contas a "suba extraordinaria de tarifas" que aplicou dende finais de 2018 para financiar as ampliacións en Santiago e Rande. Engadido aos ingresos pola "volta gratuíta do treito Pontevedra- Vigo dende 2013" permitiu, subliña, que a sociedade "recuperou 19 millóns de euros sobre un total acumulado de 357 millóns de euros a 31 de decembro de 2021.
Cadrando co primeiro ano dos novos descontos, resulta tamén significativo o descenso no número de reclamacións recibidas por Audasa. Foron, segundo os resultados da compañía, un total de 37, o que suporía un descenso superior ao 80% con relación ás que rexistraba en 2017 (219), co que a compañía realiza a comparación para destacar que é unha das autoestradas de titularidade estatal cunha menor taxa de reclamacións "por 100 millóns de vehículos e quilómetro", indicador que sitúa en 2,06.