A concesionaria da AP-9 tamén reclama outros 11,5 millóns adicionais aos 13,8 que recibirá pola rebaixa ilegal de Rande e A Barcala decidida por Rajoy en 2017
Se o Estado ten finalmente que anular a prórroga da concesión da AP-9 de 2023 a 2048 decidida polo Goberno de José María Aznar, que a Comisión Europea considera ilegal, a concesionaria reclamará o seu dereito “a ser debidamente indemnizada, indemnización que a xuízo de Audasa sería significativamente superior ao importe actual da súa débeda”, que é de arredor de 1.050 millóns de euros. Así o di a concesionaria na documentación oficial coa que acompaña unha emisión de obrigas feita pública este mércores pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) para os posibles investidores interesados.
Nesa documentación Audasa tamén sinala que agarda recibir outros 11,5 millóns adicionais aos 13,8 que ingresará pola rebaixa ilegal de Rande e A Barcala decidida por Rajoy en 2017.
O pasado 23 de setembro a Comisión Europea anunciou o seu primeiro paso -o envío dunha carta de emprazamento con petición de explicacións- de cara a un procedemento de infracción contra España por prorrogar en 2000 a concesión da AP-9 sen un concurso público. En 2003 aquel mesmo Goberno central de Aznar privatizou a concesionaria, que foi adquirida coa expectativa de que a concesión duraría ata 2048, e non só ata 2023 como se prevía antes. Así que agora Audasa, ante a posibilidade de que o Estado teña anular a prórroga para cumprir coas esixencias que lle faga a UE, advirte de que tería dereito a ser indemnizada, e bosquexa o importe como “significativamente superior” aos mil millóns de euros da súa débeda actual.
No documento agora feito público por Audasa a empresa explica aos posibles investidores os sucesivos pasos que podería ter o proceso de petición de explicacións e negociacións con España agora aberto pola Comisión Europea, e refírese en todo momento en exclusiva á ampliación da concesión decidida en 2000 por Aznar, non ás outras dúas ampliacións de gobernos anteriores. O mesmo fixo a propia Comisión Europea cando foi preguntada por Praza.gal sobre o alcance da súa decisión.
Por outra banda, o documento tamén detalla aos investidores outras expectativas de ingresos que ten a concesionaria, como os que recibirá tras anular o Tribunal Supremo a rebaixa ilegal decidida en 2017 polo Goberno de Rajoy da compensación que o Estado e a Xunta viñan pagando desde 2006 a cambio de que non haxa peaxes aos usuarios en Rande e A Barcala. A pasada semana coñeceuse a decisión do tribunal de que o Estado pague xa a Audasa 13,8 millóns polo cobrado de menos entre 2017 e 2019, e agora a empresa cuantifica en 11,5 millóns o importe correspondente a 2020.
Este 2021, no marco das novas rebaixas de peaxes en vigor desde xullo, o Goberno central actual decidiu reorganizar todas as compensacións a Audasa e volveu incluír os importes indebidamente rebaixados desde 2017. Tamén cuantificou en 2.300 millóns de euros o que haberá que pagar á concesionaria ata 2048 por todas as rebaixas de peaxes.
Hai cinco anos o Goberno de Rajoy estimou o custo do rescate, para desbotalo, en 4.300 millóns, incluíndo a facturación total prevista pola concesionaria, e agora só as rebaixas parciais de peaxes que decididas polo actual executivo xa hipotecan 2.400 millóns ata 2048
No marco desa reorganización e ampliación das rebaixas de peaxes, o Consejo de Estado emitiu un ditame no que pediu estudar o rescate da concesión por considerar que suporía un “significativo af” fronte á subvención das viaxes. Un rescate que no seu momento xa foi posto sobre a mesa, pero para desbotalo, polo Goberno de Mariano Rajoy, cando hai cinco anos estimouno nuns 4.300 millóns de euros como argumento para opoñerse a sequera tramitar no Congreso a proposta do Parlamento de Galicia de transferir á Xunta a titularidade da autoestrada. Se a vía cambiaba de titular, viña dicir o anterior executivo central, podería derivar en que se obrigase ao Estado a asumir un rescate que se calculaba sumando futuros ingresos por peaxes.
Porén, o cálculo para indemnizar a Audasa por retirarlle a concesión debera ter, segundo varios expertos consultados por Praza.gal, outros puntos de partida, como o patrimonio e a débeda da empresa ou os seus beneficios, e non a súa facturación. Iso faría que a cifra non superase os 3.000 millóns de euros, contía máis aproximada aos preto de 2.400 millóns que o ministerio vén de comprometer ata 2048 para subvencionar as rebaixas de peaxes. Como comparación, a construción do Eixo Atlántico do AVE entre A Coruña e Vigo supuxo uns 2.500 millóns de euros. E agora Audasa cuantifica a indemnización que tería que recibir se perde a concesión en “significativamente superior” a mil millóns de euros.