Audasa ameaza con reclamar máis de 1.000 millóns se a UE declara ilegal a prórroga da concesión da AP-9 ata 2048

Treito da AP-9 ao seu paso por Teo © Miguel Riopa / Audasa

A Comisión Europea iniciou hai ano e medio un procedemento de infracción contra o Estado español ao considerar que se quebrantaron as leis da UE ao prorrogar a concesión da autoestrada no ano 2000

En setembro do ano 2021 a Comisión Europea iniciou un procedemento de infracción contra o Estado español ao considerar que se quebrantaron as leis da UE ao prorrogar a concesión da Autoestrada do Atlántico (AP-9) sen concurso público. A orixe deste apercibimento estivo nunha denuncia da asociación viguesa En Colectivo sobre a prolongación aprobada polo Goberno de España no 2000. A Comisión considera que se incumpriu unha directiva comunitaria de 1993, porque a prórroga "equivale a unha nova concesión" que debe ser sometida a concurso público.

Este xoves Audasa vén de advertir que, no caso de que a UE declare ilegal a prórroga da concesión, reclamará ao Estado máis de 1.000 millónes de euros en concepto de indemnizacións, unha cantidade calculada en función da débeda financeira que presenta a concesionaria. Audasa, cuxa débeda é de 1.034 millóns de euros, sinala que reclamaría unha indemnización "significativamente superior" a esa cantidade.

Vista da AP-9 ao seu paso por Cabanas © ENA

A Comisión pode acudir ao Tribunal de Xustiza da UE e abriría a posibilidade de sancións

"Calquera medida que puidese contemplar a modificación ou terminación do vixente contrato de concesión por causa non imputable a Audasa e por razóns de interese público implicaría en todo caso e conforme á lexislación vixente o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada, indemnización que a xuízo de Audasa sería significativamente superior ao importe actual da súa débeda", sinala a empresa.

Se a UE considera que existe un quebrantamento da lei, pasaría a emitir o denominado "ditame motivado", un emprazamento formal a cumprir as directivas comunitarias. Se o incumprimento persiste, chegaría o momento de que a Comisión acudise ao Tribunal de Xustiza da UE e abriría a posibilidade de sancións.

A ampliación cuestionada foi aprobada polo Goberno de Aznar, que no 2000 outorgou a Audasa 25 anos máis, ata 2048, a cambio de estender a autoestrada ata Ferrol

A ampliación cuestionada foi aprobada polo Goberno de Aznar, que no 2000 outorgou a Audasa 25 anos máis, ata 2048, a cambio de estender a autoestrada ata Ferrol. Tres anos despois, privatizou a Empresa Nacional de Autopistas e con ela, á propia concesionaria da AP-9

Antes, en 1994, o Goberno do PSOE de Felipe González aprobara tamén unha prórroga, no seu caso por dez anos -de 2013 a 2023- a cambio de accións como liberar de peaxe o tramo urbano da autoestrada ao seu paso por Vigo e prolongar o seu percorrido cara ao sur. Antes xa se producira unha primeira prórroga, de apenas un ano -de 2012 a 2013-, pero fora en tempos da UCD, no inicio da construción da autoestrada e cando España aínda non era membro da daquela denominada Comunidade Económica Europea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.