As peaxes volven a outra precampaña dúas décadas despois de que Feijóo propuxese "trasladar" as da AP-9

Feijóo, daquela conselleiro de Obras Públicas, presentando no Concello de Vigo a súa idea de trasladar a peaxe da AP-9 á futura e aínda non construída A-59 Vigo-Pontevedra CC-BY-SA Imaxe: Concello de Vigo | Montaxe: Praza Pública

PP e PSdeG enléanse nun intercambio de promesas e reproches a conta das autoestradas que lembra o rexistrado dous meses antes das eleccións de 2005 nas que Fraga sairía da Xunta, daquela polo cobro en Rande que Touriño suprimiría un ano despois

Xa o fixeran antes, pero nas últimas semanas PSdeG e PP veñen intensificando un intercambio de promesas e reproches a conta das peaxes nas estradas. Especialmente desde que hai mes e medio o BNG asinou o acordo para a investidura de Pedro Sánchez que compromete novas rebaixas de taxas nas autoestradas estatais e logo de que o Consello de Contas publicase un informe crítico co sobrecusto das autovías de peaxe en sombra da Xunta. 

Populares e socialistas propoñen medidas para as infraestruturas que xestiona a outra parte ao tempo que salientan as bondades das súas propias. Un cruce de mensaxes ás portas das próximas eleccións galegas que lembra ao que se rexistrou apenas dous meses antes dos comicios de 2005 nos que Manuel Fraga sairía da Xunta, cando o seu daquela vicepresidente primeiro e conselleiro de Obras Públicas, Alberto Núñez Feijóo, propuxera trasladar a peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Vigo a unha nova infraestrutura a construír máis ao leste. Era a súa solución para que nun horizonte de cinco anos se puidese eliminar a peaxe da ponte de Rande, o que acabaría sucedendo apenas un anos máis tarde xa co socialista Touriño na Xunta.

A ponte de Rande hai década e media, ao pouco de que se suprimise a peaxe entre Vigo e O Morrazo CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

As novas propostas a conta das peaxes comezaron o seu recorrido máis recente hai mes e medio, cando o Consello de Contas fixo público un informe que revela que a Xunta está a pagar de máis polas autovías de peaxe en sombra planificadas por Feijóo. Os seus gobernos gabáronse da posta en servizo de ducias de novos quilómetros de vías de altas prestacións sen peaxe para os usuarios pero o ente fiscalizador constatou que para as arcas públicas a xestión "non foi eficiente".

Dez días máis tarde BNG e PSOE asinaban o acordo para a nova investidura de Pedro Sánchez, un documento que compromete novas rebaixas de peaxes para usuarios recorrentes na AP-9 e a AP-53 que se engaden ás xa en vigor desde hai dous anos grazas ao anterior acordo entre as dúas formacións.

Porén, as novas rebaixas na AP-9 non son suficientes para a Xunta e o PPdeG, que nada din de que a concesión remataría o pasado agosto se o Goberno de Aznar non a prorrogase ata 2048 pero que si reclaman que ademais o 1 de xaneiro as peaxes non soban como habitualmente en función da inflación. O pasado ano fixérono menos que a inflación porque o ministerio habilitou un sistema para que así fose a cambio de que soban máis nos anos seguintes. Pero ademais o Estado ten a posibilidade de amortecer a suba empregando para iso cartos xa comprometidos para a rebaixa a usuarios recorrentes pero non fosen efectivamente gastados. 

Autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor © Google

A Xunta considera insuficientes as rebaixas de peaxes na AP-9 a usuarios recorrentes e pide conxelar a suba anual como ela fai nas autoestradas autonómicas, ao que Besteiro contesta prometendo que eliminará o cobro nesas dúas vías galegas

Á espera do que faga o ministerio o 1 de xaneiro, a Xunta salienta que ela conxelou as peaxes nas súas dúas autoestradas (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Baiona) o pasado 1 de xaneiro e volverá a facelo no novo ano, malia que as magnitudes son notablemente diferentes. O ministerio ten comprometidos xa uns 85 millóns ao ano para as rebaixas só na AP-9 ata o remate da súa concesión, fronte aos 5 millóns ao ano que custan á Xunta as rebaixas nas súas dúas autoestradas. Unha diferenza que se explica polo diferente volume de tráfico pero que hai que contextualizar tamén cos preto de 80 millóns ao ano que paga a Xunta polas autovías con peaxe en sombra.

As reclamacións do Goberno galego ao ministerio veñen de ser contestadas nos últimos días coa promesa do candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, de que suprimirá as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, proposta que xa lanzara o seu antecesor, Gonzalo Caballero, o que compromete dobremente para o futuro aos socialistas galegos. 

Na precampaña de 2005 Feijóo propuña como conselleiro trasladar as peaxes da AP-9 entre Vigo e Pontevedra á futura e aínda non construída autovía A-59, pero un ano máis tarde Touriño suprimía o cobro en Rande asumindo a peaxe a medias co Estado

Estes debates sobre quen e como debe pagar polas infraestruturas, se os seus usuarios ou o conxunto da cidadanía a través dos orzamentos públicos, é similar ao que axitou a precampaña das eleccións galegas que Manuel Fraga convocou para o 19 de xuño de 2005, catro meses antes do límite que tiña para facelo e tras as que tería que deixar a Xunta. Dous meses antes, o 27 de abril, o Ministerio de Fomento daquela en mans do PSOE descartaba liberar de peaxe a ponte de Rande, histórica reclamación da comarca do Morrazo por ser a única vía de conexión factible coa cidade de Vigo. 

O argumento do ministerio era que sería máis barato construír a daquela e aínda hoxe en planificación nova autovía A-59 entre Pontevedra e Vigo polo interior da ría. Porén, ao día seguinte o daquela conselleiro de Obras Públicas, Alberto Núñez Feijóo, constataba a obviedade de que esa autovía alternativa non servía para os tráficos entre Vigo e O Morrazo, senón para os que circulasen entre as dúas cidades.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Outro día máis tarde, o 29 de abril, o candidato socialista á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, rectificaba ao ministerio e aseguraba que con el no Goberno galego desaparecería a peaxe de Rande. E só unha semana despois Feijóo presentaba un estudo que concluía que a mellor opción para facer gratuíta a ponte era trasladar todas as peaxes da AP-9 entre Pontevedra e Vigo á futura autovía interior A-59. Unha proposta cuxa concreción Feijóo difería ata o momento en que se rematase a nova autovía, cinco anos máis tarde, en 2010, e que presentaba en rolda de prensa no Concello de Vigo, acompañado polos tamén populares Corina Porro, José Enrique Sotelo e Rafael Louzán, máximos dirixentes de Vigo e Cangas e da Deputación de Pontevedra.

Segundo o ministerio esa proposta de Feijóo non lle fora aínda trasladada cando o 21 de maio, un mes despois de que comezaran os debates arredor da cuestión e a un mes dos comicios, Touriño, o secretario de Estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, e María José Caride, daquela profesora de Económicas na Universidade de Vigo, presentaron un proxecto similar ao do popular. Estudos de Caride, despois conselleira de Touriño, ratificaban que trasladar as peaxes da AP-9 á A-59 era a mellor opción para eliminar o cobro non só entre Vigo e O Morrazo senón tamén ata Pontevedra.

O debate preelectoral iría derivando nos días seguintes cara a outras infraestruturas. De feito, o 13 de xuño Feijóo, novamente no Concello de Vigo e acompañado pola alcaldesa, aseguraba que a cidade tería unha liña de metro "no segundo semestre de 2009". Pero só seis días despois as eleccións facilitaban o goberno de PSdeG e BNG, Fraga saía da Xunta e Feijóo acabaría sendo o seu herdeiro.

Un ano despois daquelas eleccións, en maio de 2006, a peaxe de Rande desaparecía, xunto coa do treito A Barcala-A Coruña, porque Xunta e Estado asumiron a medias o pagamento a través das contas públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.