Ilegalidades e mala xestión: sentenzas e auditorías oficiais invalidan as políticas de Feijóo en autovías e transporte

Feijóo nun autobús durante a inauguración dunha autovía e sentenza do Supremo e informe do Consello de Contas CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Os informes críticos do Consello de Contas feitos públicos este xoves súmanse a sentenzas do Supremo que veñen condenando aos gobernos de Feijóo por atentar contra o libre mercado no sector dos autobuses 

O 20 de xaneiro de 2003, no medio da crise do Prestige, o ata daquela presidente de Correos, Alberto Núñez Feijóo, tomaba posesión como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do último goberno de Manuel Fraga. Vinte anos despois as súas políticas en materia de autovías e transporte público naquel cargo e despois como presidente da Xunta entre 2009 e 2022 seguen a ser invalidadas por ilegalidades e mala xestión por diversas sentenzas xudiciais e auditorías oficiais do Consello de Contas, o ente independente de fiscalización das administracións galegas.

Raúl López, propietario de Monbus, nunha imaxe de arquivo con Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai uns días o Tribunal Supremo ratificaba unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou á Xunta por non facer nada ante o reparto ilegal do mercado entre Monbus e Alsa das concesións de transporte público interurbano. Un reparto producido en 2020 nun concurso público que a Xunta se viu obrigada a convocar despois de que previamente o Supremo anulara a decisión do Goberno galego de prorrogar ilegalmente en 2009 as concesións de autobuses atentando igualmente contra o libre mercado. E agora o Consello de Contas vén de emitir un informe que tamén censura o xeito en que se deseñaron e están a ser vixiadas as novas concesións.

Xunto con ese informe sobre o transporte en autobús, Contas tamén emitiu este xoves outro sobre as autovías con peaxe en sombra que desvela que a Xunta está a pagar máis do que debera por esas infraestruturas, cuxa modalidade de construción considera que "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo".

Mala xestión das autovías con peaxe en sombra

Durante a etapa como conselleiro de Fraga, Feijóo apostou pola peaxe en sombra como xeito de acelerar novas autovías e agora Contas di que tanto ese modelo elixido daquela como a súa xestión na última década "non foi eficiente"

Durante a súa etapa como conselleiro de Fraga, Feijóo apostou pola peaxe en sombra como xeito de acelerar a construción de novas autovías sen que a administración as tivese que executar e pagar directa e inmediatamente. Nelas o usuario non paga peaxe senón que o fai a administración ao longo dos anos a unha concesionaria a cambio de que esta asuma a construción e mantemento da infraestrutura. Segundo Contas, as cinco autovías analizadas supuxeron un investimento de 471 millóns de euros pero a Xunta pagará por elas desde que as primeiras se puxeron en servizo en 2008 ata que remate a concesión da última en 2040 un total de 1.643 millóns.

As dúas primeiras autovías executadas con ese sistema foron a AG-56 Santiago-Brión e a AG-41 do Salnés, adxudicadas por Feijóo como conselleiro poucos días antes das eleccións de 2005 que o sacarían a el e a Fraga da Xunta. A terceira, a AG-11 do Barbanza, foi licitada tamén con ese sistema por Feijóo, que a deixou só pendente de adxudicar uns meses máis tarde polo goberno de coalición de PSdeG e BNG. Feijóo acusou a aquel bipartito de amañar a adxudicación dese contrato, cuestión que foi desbotada pola xustiza, pero nada se debateu nin mudou do modelo de execución a través dunha concesión con peaxe en sombra que el deixara deseñada.

Característias das autovías con peaxe en sombra analizadas polo Consello de Contas © Consello de Contas

O mesmo sistema de peaxe en sombra foi co que planificou tamén o Goberno galego cando Feijóo era conselleiro a AG-31 de Celanova, obra que o popular incluíu no Plan Galicia da Xunta como compensación pola catástrofe do Prestige que o trouxera de volta. Porén, neste caso a actuación, a de menor calibre das cinco analizadas por Contas, si estaba nunhas fases moi iniciais de deseño cando o bipartito chegou á Xunta e decidiu non mudar de sistema. Ese goberno licitou e adxudicou con peaxe en sombra unha autovía que despois acabaría poñendo en servizo en 2013 Feijóo xa como presidente.

A quinta actuación, a Autovía AG-55 da Costa da Morte, non ten peaxe en sombra en función de cada vehículo que a usa senón un sistema similar de pagamento por dispoñibilidade que igualmente asume a administración ao longo dos anos en lugar dos usuarios. A polémica historia desa autovía é a de tres licitacións sucesivas, a primeira do bipartito de PSdeG e BNG e as outras dúas xa con Feijóo como presidente, pero as tres co mesmo sistema de pagamento adiado e cun progresivo encarecemento do custo e recorte da lonxitude da infraestrutura en función das capacidades da última adxudicataria. 

O que vén de facer agora o Consello de Contas con estas cinco autovías é analizar se foi eficiente o sistema elixido para a súa construción, e conclúe que non. Pero non analiza só iso senón que tamén estuda a súa xestión por parte do Goberno galego cando xa estaban construídas, en particular as decisións de 2014, con Feijóo como presidente, de aceptar as peticións das concesionarias das autovías do Salnés, Barbanza e Celanova de reformular os contratos para cobrar máis ante a realidade de que estaban a circular por elas menos vehículos dos previstos pola Xunta. Isto é, como a Xunta mudou as reglas a metade da concesión para asumir ela o risco que as empresas se comprometeran a asumir.

Conclusións do Consello de Contas sobre as autovías de peaxe en sombra que din que a decisión da Xunta "non foi eficiente" xa que podía conseguir o mesmo a menor custo CC-BY-SA Praza Pública

A decisión de renegociar a mediados da pasada década tres das cinco concesións de autovías incrementou en 205 millóns de euros os pagamentos, e agora Contas recomenda reducilos novamente e aforrar 44 millóns

Segundo Contas, coa renegociación "se incrementaron en 205 millóns de euros os pagamentos que se realizan aos concesionarios". Pero o ente fiscalizador di que non había que renegociar nada senón que a caída de ingresos polo menor tráfico debía ser "asumida directamente polos concesionarios e polos bancos financiadores sen achegar, polo tanto, máis fondos públicos", decisión que estaría "en liña con sentenzas do Tribunal Supremo".

Contas mesmo avalía no seu informe "a posibilidade de que esa falta de renegociación provocase que os concesionarios chegasen a crebar", resultado que tamén considera máis favorable que a decisión tomada pola Xunta. Ante unha creba das empresas, di Contas, a Xunta "tería que rescatar as concesións e extinguir os contratos", pero mesmo cos custos que iso suporía "este escenario, viable dende o punto de vista orzamentario e xurídico, tamén era economicamente máis vantaxoso que a alternativa de reequilibrio pola que optou a administración galega". Así que agora Contas pide á Xunta que reduza o que paga ás concesionarias para "xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".

Ilegalidades e desleixo na xestión dos autobuses

Ao chegar á presidencia en 2009 Feijóo prorrogou as obsoletas concesións de bus, que o Supremo anulou en 2016, e agora o mesmo tribunal ratifica unha sentenza que di que a Xunta mirou para outro lado ante o reparto ilegal do mercado entre Monbus e Alsa

No caso dos autobuses interurbanos competencia da Xunta, a primeira gran decisión que tomou Feijóo ao chegar á presidencia en 2009 foi impulsar unha lei para prorrogar as obsoletas concesións xa existentes naquel momento en lugar de sacalas novamente a concurso adaptadas á nova realidade do territorio. Aquela decisión foi denunciada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e en 2016 o Tribunal Supremo acabou sentenciando que a prórroga fora ilegal porque vulnerara a normativa europea e abocou o Goberno galego a iniciar o proceso para a renovación das concesións.

Tras varias demoras ese proceso de renovación non rematou ata 2020, tras un último concurso público dividido en 29 lotes no que as liñas de maior demanda, especialmente as do eixo atlántico, acabaron en mans de Monbus. O seu dono, o empresario lucense Raúl López, agasallara en anos previos con viños de luxo a numerosos altos cargos da Xunta, incluído o presidente, pero a xustiza non o considerou reprochable penalmente.

Sentenza do TSXG que constata o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

No concurso de 2020 Monbus e Alsa decidiron ir da man, a través dunha unión temporal de empresas (UTE), en cinco dos principais lotes, pero non competiron en ningún dos restantes lotes, nos que só se presentou unha das dúas. Nin a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade responsable desas adxudicacións nin a Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e co popular Ignacio López-Chaves á fronte, fixeron nada ao respecto. Pero a comezos deste ano o TSXG sentenciou que as dúas empresas se repartiran ilegalmente o mercado e condenou a Competencia da Xunta a sancionalas. O Goberno galego recorreu esa sentenza, pero o Tribunal Supremo vén de ratificala hai uns días. 

Contas di agora que a Xunta reorganizou as liñas de bus sen valorar os medios de transporte de cada núcleo de poboación e que non estaba a facer nada para que as concesionarias, entre as que apunta novamente a Monbus, pagasen o canon ao que se obrigaran

Pero esa non é a única sentenza contraria á Xunta no longo proceso de reorganización das liñas de bus durante o goberno de Feijóo. Ademais de reformular as liñas de transporte regular, a Xunta tamén fusionou algunhas con liñas de transporte escolar, e o TSXG tamén vén anulando varios deses contratos porque o Goberno galego non cumpriu coas súas propias condicións para garantir un reparto dos mesmos entre varias empresas e permitiu novamente unha situación de "dominio" por parte de Monbus. Previamente, na xestión deses concursos, a Xunta xa admitira "erros" propios nunha primeira licitación e tivera que volver a convocala, demorando así o proceso. Despois, cos novos servizos xa en marcha, a Valedora do Pobo deixou en evidencia a lentitude coa que o Goberno galego resolve as súas incidencias.

Neste contexto o Consello de Contas fixo público este xoves un informe sobre esa reestruturación do transporte en autobús acometida pola Xunta de Feijóo nos últimos anos. Un documento no que di que o Goberno galego reorganizou as liñas sen ningún "instrumento de planificación estratéxica que, tendo en conta os diferentes medios de transporte, facilite a mobilidade no conxunto dos núcleos da poboación na comunidade autónoma". Un informe de Contas que constata novamente o dominio do sector por parte do grupo Monbus.

Apuntamento do Consello de Contas sobre o pagamento do canon por parte dalgunha concesionaria de transporte © Consello de Contas

Pero o informe tamén pon en cuestión a supervisión que a Xunta vén facendo das obrigas das concesionarias. Contas revela que a Xunta, ata que interviron os seus auditores, non estaba a facer nada para requirir ás empresas o pagamento dos canons fixados ás concesións máis rendibles. 

Eses canons, nas liñas nas que así se estableceron, son "unha obriga contractual do concesionario e como todas as obrigas obviamente debe ser obxecto de control e seguimento por parte da Administración", di Contas. Porén, engade que "non consta que a Dirección Xeral de Mobilidade desenvolvera actuación algunha para verificar o cumprimento desta obriga do concesionario ata que unha vez iniciados os traballos de fiscalización por parte do equipo de auditoría se comprobou o cumprimento do pagamento por parte dos concesionarios". Contas apunta novamente ao grupo Monbus, e nun dos casos a unha das liñas adxudicadas en sociedade con Alsa, que non pagaron o canon correspondente a 2020 que debían facer efectivo como moi tarde a 31 de xaneiro de 2021 ata finais dese ano.

E cando Contas detecta que a Xunta non fixera nada para esixir eses pagamentos "comeza unha comunicación cos concesionarios para interesarse polo pagamento, onde se evidencia que algún deles non tiña intención de realizar o pagamento, solicitando nuns casos a exoneración e noutros casos a suspensión do pagamento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.