O TSXG non ve delito nos envíos de viño de Monbus a Feijóo e Rueda e arquiva a causa

Feijóo e Raúl López, nunha recepción na Xunta ao CAB Obradoiro, que preside o empresario © Xunta

Fin do caso 'Vega Sicilia' para os cargos políticos sinalados. Apenas vinte e catro horas despois de que o Tribunal Supremo fixese público o arquivo da investigación ao ex-ministro socialista José Blanco e ao actual portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, por non apreciar "indicios" de delitos de suborno nos agasallos de viños de alta gama que lles enviara o propietario de Monbus, Raúl López, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de tomar unha decisión idéntica a respecto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mais do seu vicepresidente, Alfonso Rueda.

O Tribunal Superior non aprecia os "indicios de delito" apuntados pola xuíza De Lara e decide arquivar o caso

A Sala do Civil e Penal do alto tribunal galego vén de notificar o auto polo que se declara competente para abordar a exposición razoada na que a maxistrada dos xulgados de Lugo Pilar de Lara remitiu o pasado novembro nun sobre coa lenda "secreto e confidencial" e dirixido ao presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas. Nela pedía, coa oposición da Fiscalía, investigar a Feijóo e Rueda ao considerar que os envíos de viño, ao superaren os 400 euros, estaban por riba dun agasallo de cortesía e "poderían revestir caracteres de delito de suborno", concretamente, do encadrado no artigo 422 do Código Penal. Na mesma actuación o TSXG determina "o arquivo das actuacións, por non ser constitutivos de delito".

O empresario remitiu ao presidente e ao vicepresidente da Xunta botellas por importe de 2.300 euros, segundo Vixilancia Aduaneira, o que para o TSXG supón "ínfimo valor"

Segundo os informes de Vixilancia Aduaneira, nos que se baseou Pilar de Lara, o propietario de Monbús e presunto centro da trama corrupta que se investiga na Operación Cóndor realizou envíos de botellas de viño aos domicilios particulares de Feijóo e Rueda durante varios anos por importes que oscilaron entre os 517 e os 670 euros ata sumar cadanseus 2.327 euros, tal e como reflicte o auto. Para De Lara, cómpre ter en conta que Monbus "mantén importantes vínculos contractuais coa Xunta" e que "a xestión dos seus negocios e concesións depende directamente" da normativa autonómica.

A xuíza, subliña o TSXG, "non achega dato ningún" sobre se os agasallos de Monbus supuñan unha "contraprestación" por favores prestados dende a Administración, polo "nin sequera sería admisible" que a sala valore "se os feitos plasmados na exposición razoada poderían ser ou non constitutivos" de delito. En calquera caso, o tribunal valora que as botellas de viño "se enviaron a unha pluralidade de persoas, algunhas delas alleas á condición de autoridade ou funcionario público" e que ademais os envíos "se realizaron a través de empresas ou servizos de transporte habitualmente utilizadas para envíos ordinarios", sen "concorrencia ningunha da nota da clandestinidade".

O Tribunal valora que as botellas de viño son obsequios habituais no Nadal e considera que os agasallos de Rául López non influíron nas decisións políticas 

O tribunal ten en conta, asemade, que os agasallos eran remitidos polo Nadal e as botellas de viño son "obsequios non desacostumados en tales datas". Neste contexto, coida que o devandito artigo do Código Penal relativo ao delito de suborno "non debe ser aplicado" cando os "agasallos ou dádivas sexan de ínfimo valor ou representen un comportamento non suxeito á reprobación social", sen que "en ningún caso se comprometa a imparcialidade das autoridades no exercicio do seu cargo". Estes, din, deben ser os límites para distinguir se os feitos son "punibles" ou non. Concordan así, daquela, co fiscal xefe de Lugo.

Como informou Praza.gal, o equipo do presidente sinalou que non poden corroborar a recepción ou non dunhas botellas que, de terse recibido, especificaran, encadraríanse dentro do cortesía protocolaria e institucional. Ao ser cuestionadas ao respecto as mesmas fontes do Goberno galego salientaran que dende o ano 2014 está en vigor un código ético que limita a 90 euros o importe polo que os cargos da Xunta poden recibir agasallos e consideralos "usos habituais e costumes sociais de cortesía". Ese código, salienta o TSXG, non estaba vixente cando Raúl López enviou as botellas de Vega Sicilia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.