Dous anos á espera dun informe da Axencia Tributaria para saber se o dono de Monbus é xulgado por delitos fiscais

Raúl López, presidente do grupo Monbus, investigado no caso Cóndor CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A empresa foi rexistrada e o seu presidente detido en marzo de 2015 por orde da xuíza De Lara, pero a diferenza doutras instrucións xa pechadas da mesma maxistrada despois sancionada, o caso Cóndor segue baixo investigación

En marzo de 2015 a daquela titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, ordenou diversos rexistros na sede de Monbus e a detención do seu propietario, Raúl López. Era a denominada operación Cóndor, que a diferenza doutros casos de presunta corrupción tamén iniciados pola despois sancionada De Lara, que se foron pechando sen maiores consecuencias nos últimos anos, segue aberto no mesmo xulgado de Lugo, agora con outro xuíz á fronte. Alí continúa a instrución agardando desde hai agora dous anos por un informe pedido en novembro de 2022 á Axencia Tributaria.

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

O caso Cóndor, derivado de escoitas telefónicas doutros casos previos da xuíza De Lara, centrouse en analizar supostas contabilidades en B, branqueos de cartos e delitos fiscais de Transportes La Unión, do grupo Monbus, e Viajes Fisterra, que opera comercialmente como Interrías, con "entregas de cartos en efectivo" procedentes de excursións turísticas que non eran declarados. 

Co caso Cóndor sóubose que López tentou agasallar con viños de luxo durante anos a políticos de todos os partidos, pero os tribunais arquivaron esa derivada por considerar que a súa actuación era unha "cortesía"

Pero a documentación incautada permitiu coñecer tamén que durante anos Raúl López tentou agasallar políticos de todos os partidos con viños de luxo. Unha derivada que diversas instancias xudiciais foron arquivando por non consideralo delito. Así o fixo en marzo de 2017 tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, como aforados que eran de rango autonómico, como o Tribunal Supremo co ex-ministro José Blanco e co daquela voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, como aforados de rango estatal.

Para os tribunais os lotes de viño de 500 euros non superaban o limiar da "cortesía" nin merecían "reprobación social" porque "non comprometeron a imparcialidade" de quen os recibía.

Raúl López e informe sobre políticos que recibiron os seus agasallos de viños de luxo, derivada do caso Cóndor arquivada pola xustiza CC-BY-SA Praza Pública

Si seguiron sendo analizados, pero xa na xustiza castrense e non na civil, outros supostos subornos a cargos militares, causa da que aínda non se fixo público ningún auto de arquivo nin de proposta de xuízo.

Tamén seguiu sendo analizada a orixe do caso, os supostos delitos fiscais. E a comezos de 2022 o xuíz instrutor que continuou co caso no xulgado de Lugo logo de ser apartada Pilar de Lara deu por rematada a instrución cun auto que propuxo levar a xuízo a Raúl López e a outros sete directivos por "poderen ser responsables" de delitos de falsidade contable, contra a facenda pública e branqueo de capitais. E nada máis volveu saberse do caso Cóndor.

Sentenza do TSXG que considera ilegal a dedución por parte de Monbus do IVE dos avogados de Raul López polo caso Cóndor CC-BY-SA imaxe: Monbus | Montaxe: Praza Pública

O que sucedeu, segundo indican agora fontes xudiciais, foi que fronte a aquel auto formuláronse recursos de reforma que o propio xuíz atendeu aceptando novas dilixencias. No relativo á investigación a Viajes Fisterra (Interrías), con sede en Sanxenxo, o xulgado de Lugo inhibiuse nos de Cambados. E no relativo a Transportes La Unión (Monbus), en novembro de 2022 pediuse un informe da Axencia Tributaria. Dous anos despois aquel informe segue pendente de recibirse, o que impide concretar se case unha década despois de ser detido e a súa empresa rexistrada o dono de Monbus, Raúl López, será finalmente xulgado por delitos fiscais.

Hai uns meses o TSXG considerou ilegal que Monbus desgravase o IVE dos avogados do seu presidente no caso Cóndor

Nesta década que vai desde que comezou o caso as investigacións xudiciais contra el veñen supoñéndolle a Raúl López un gasto en avogados da súa defensa persoal do que tentou desgravar o IVE ilegalmente a través do grupo Monbus. Así o vén de establecer unha sentenza do TSXG que tamén reflicte un dos temores do empresario. Que unha condena no caso Cóndor poida acabar coas súas empresas sancionadas coa prohibición de contratar por parte das administracións públicas. 

Isto é, que non só teña que pagar penalmente polo que sucedese no pasado senón que as consecuencias deses feitos se proxecten sobre futuros contratos do seu grupo. Ese foi un dos argumentos que empregou para defender que se puidese desgravar o IVE a través das empresas, argumento que o TSXG desbotou salientando que a normativa fiscal "non se refire a unha situación hipotética, nin futura" senón que impide a dedución de facturas se o seu concepto non vai ligado "directa e exclusivamente" á actividade empresarial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.