O alto tribunal resolve “por primeira vez” que supostos delitos comúns cometidos por civís pero relacionados con delitos castrenses cometidos por militares sexan instruídos por un xulgado militar por ter pena máis grave os segundos
Boa parte da diversa serie de investigacións en todo tipo de eidos políticos e económicos que se iniciaron a comezos da pasada década nos xulgados de Lugo e afectaron a cargos públicos e empresarios de todo o Estado acabaron na maioría dos casos arquivados ou, nalgúns casos, con condenas por corrupción, como ocorreu con dous cargos da Xunta e un ex-deputado do PP no caso Campeón ou co ex-presidente socialista da Confederacion do Miño-Sil.
Neses casos tanto os cargos públicos como os empresarios eran civís e foron xulgados e investigados previamente pola xustiza ordinaria, pero agora o Tribunal Supremo vén de decidir “por primeira vez” que supostos delitos comúns cometidos por civís pero relacionados con delitos castrenses cometidos por militares sigan sendo investigados por un xulgado militar por ter pena máis grave os segundos.
O caso que dá orixe á sentenza do Supremo, emitida a mediados de xullo e publicada hai uns días no Boletín Oficial del Estado (BOE), ten os seus antecedentes na denominada operación Cóndor, lanzada pola daquela xuíza de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que en marzo de 2015 rexistrou a sede de Monbus e detivo o seu propietario, Raúl López.
A investigación pescudou supostos subornos da empresa a cargos públicos para obter contratos, con agasallos como viños de luxo a políticos como o presidente Feijóo ou o daquela ministro José Blanco que finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo arquivaron. Pero tamén se investigaron contratos de transporte co Exército nunha causa que acabou recaendo no xulgado de Instrución número 42 de Madrid.
Con persoal civil de Monbus e militares do exército presuntamente implicados, e con supostos delitos tanto civís como militares, o Xulgado Togado Militar Central número 1 considerou que debía ser el o competente para continuar a instrución da causa por ter os delitos militares unha pena superior, algo que rexeitou o xulgado de Instrución de Madrid. O xulgado de Instrución civil considerou que a xustiza militar non debía coñecer “dos delitos cometidos por persoal non militar e tipificados no Código Penal común, aínda que foran conexos a delitos militares cometidos por persoal militar que tiveran sinalada pena superior” e presentou ante o Supremo un conflito de xurisdición para que o alto tribunal resolvese. Na causa tanto o Ministerio Fiscal como a Fiscalía Togada consideraron que a causa debía recaer integramente no xulgado militar, e así o acabou establecendo o Supremo.
O alto tribunal lembra que no pasado xa se pronunciou sobre conflitos de xurisdición con “problemas de conexidade” entre a xustiza civil e militar, “aínda que ata agora case sempre o realizou en supostos nos que o autor dos feitos constitutivos de delitos comúns ou militares ostentaba a condición de militar”. O Supremo tamén lembra un precedente no que estudou “un suposto de posible conexidade externa entre un delito militar de desobediencia a sentinela cometido por un civil e un delito militar de extralimitación no exercicio das funcións e unha falta común de lesións cometidos, ambos, por persoal militar”.
“No entanto", engade o tribunal, “agora proponse por primeira vez o conflito sobre a atribución de competencia cando concorren en relación de conexidade medial diversos delitos militares cometidos por militares e diversos delitos comúns cometidos por civís, sendo que aqueles teñen sinalada legalmente pena máis grave”.
“Os civís tamén poden ser xulgados ante a xurisdición militar cando coa súa conduta comprometan bens, valores ou principios militares que a norma castrense pretende protexer”, lembra o Supremo
O Supremo considera que “neste caso procede atribuír o coñecemento do asunto aos órganos da xurisdición militar” porque a lei prevé que non se rompa a unidade das causas con delitos conexos e, cando atribúe as competencias á xurisdición militar ou á ordinaria para coñecer dos delitos conexos, “non exceptúa os supostos nos que o delito común conexo a outro militar fose cometido por un civil”. Igualmente lembra que “os civís tamén poden ser xulgados ante a xurisdición militar cando coa súa conduta comprometan bens, valores ou principios militares que a norma castrense pretende protexer”. Por iso, conclúe que “debe entenderse que aos órganos da xurisdición militar competentes para coñecer dos delitos militares que teñen sinalada pena máis grave corresponde tamén o coñecemento daqueles delitos comúns conexos cometidos por persoal non militar”.
Pero o tribunal vai máis alá e salienta que “os feitos nos que presuntamente puideron incorrer os civís investigados [...] poderían non só ser considerados como delitos comúns en relación de conexidade medial cos delitos contra a facenda militar cometidos por militares, senón que tamén poderían cualificarse como condutas constitutivas de cooperación necesaria para a execución daqueles delitos militares”.
Por todo iso, o Supremo decide que o competente para continuar coa instrución do caso é o Xulgado Togado Militar Central número 1 e non o xulgado de Instrución de Madrid.