O empresario lucense Raúl López, presidente do grupo de transportes Monbus, agasallou durante a última década políticos de todo signo con viños de alta gama. O principal punto en común entre os dirixentes agasallados era estaren relacionados, en diferentes graos, con Administracións de todo o Estado que contrataban coas súas empresas de transporte. No marco da Operación Cóndor, na que o empresario é investigado por supostos delitos fiscais, de branqueamento, tráfico de influencias e suborno, a maxistrada dos xulgados de Lugo Pilar de Lara considerou que algúns dos políticos receptores dos agasallos, como o presidente da Xunta, o ex-ministro José Blanco ou o actual voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, puideron incorrer tamén en delitos de suborno. Así o trasladou, no caso de Barreiro e Blanco, ao Tribunal Supremo -ambos son aforados-, que vén de arquivar o asunto ao non apreciar delito ningún.
Nun auto ditado o pasado 17 de marzo a sala do Penal do Tribunal Supremo analiza a exposición razoada remitida por De Lara, apoiada á súa vez en informes de Vixilancia Aduaneira, segundo a cal Blanco, Barreiro e o tamén senador popular José Antonio de las Heras recibiran envíos de viños Vega Sicilia que superaban os límites da "mera cortesía" por teren un importe superior aos 400 euros, no que a xuíza fixou o limiar da "relevancia penal" deste tipo de condutas. Nomeadamente, indicaba, nas anotacións de Monbús figuraban envíos de botellas a Blanco por algo máis de 1.700 euros, e para Barreiro, de máis de 1.000.
O alto tribunal cita diversa xurisprudencia ligada á aplicación do artigo 422 do Código Penal -o que tipifica o suborno impropio- e conclúe no seu auto que os envíos de Monbus non encaixan no mesmo. Estas botellas de viño, sinala, eran "agasallos de Nadal" que "responden a actos de cortesía e que non comprometeron a imparcialidade" de Blanco, actual eurodeputado, nin a de Barreiro, que na data dos envíos era cabeza visible do PP no Concello e na Deputación de Lugo.
O Supremo discorda da xuíza De Lara e subliña que os envíos de Raúl López eran "agasallos de Nadal" que non "influíron" en adxudicación ningunha
Así, indica o auto, no primeiro envío remitido a Blanco -de contido "descoñecido"-, o socialista aínda non era ministro de Fomento e Monbus xa fora adxudicataria de contratos do Ministerio. Ademais, agrega, Blanco foi destinatario de botellas de Monbus tamén en 2012, cando, "con independencia de que devolvese o agasallo", o certo é que xa non era ministro e carecía de competencias para adxudicar contratos a Monbus. No caso de Barreiro os xuíces do Supremo advirten que non existe "ningunha conexión causal" entre o seu papel na oposición municipal e provincial en Lugo e os agasallos.
O alto tribunal adhírese á argumentación da Fiscalía de Lugo e non ve "ilícito penal ningún"
Alén dos casos concretos, os maxistrados do alto tribunal conclúen que os Vega Sicilia agasallados "carecen de entidade para influír no exercicio da función pública" e non hai máis "indicios" da "relación causal esixida" para poder apreciar un delito que o feito "evidente" de que Blanco, Barreiro e mais De las Heras "eran cargos públicos cando se remitiron as botellas de viño". Neste contexto, o Supremo conclúe que procede "arquivar as actuacións" ao non existir "feitos constitutivos de ilícito penal ningún" e agrega ademais que "carece de sentido" atender á "pretensión" da xuíza De Lara, que pedía ao Tribunal que fixase "unha contía para establecer a diferenza entre ilícito penal e reproche ético".
Resta coñecer a decisión do TSXG sobre Feijóo ou Rueda, a quen De Lara tamén pediu investigar
Os maxistrados explicitan, deste xeito, que se adhiren ao criterio do fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, que tras pedir opinión á Fiscalía Superior de Galicia e mais á Fiscalía Xeral do Estado concluíu que no caso dos envíos de viño de Monbus non cabía "outra solución que o arquivo dos procedementos", ao tratárense de feitos "sen relevancia penal". Non concordaba, así, con De Lara nin co parecer doutro fiscal de Lugo, Jesús Álvarez, que si observou "indicios consistentes" de presunto suborno e apoiou que De Lara seguise adiante.
Unha vez coñecido o arquivo da causa referida a Blanco, Barreiro e De las Heras no Supremo resta saber o destino que correrán as peticións de De Lara referidas a outros políticos neste caso. Non en van, a maxistrada pediu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que investigue polo mesmo motivo a, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como ao vicepresidente, Alfonso Rueda, e ao ex-voceiro de infraestuturas do PPdeG no Parlamento, Alejandro Gómez.