Máis dunha década despois dos feitos investigados, o Tribunal Supremo, obrigado polo Constitucional, rectifica a súa decisión previa de que a xustiza militar investigase tamén os civís implicados no caso
Máis dunha década despois dos feitos, a investigación xudicial ao dono de Monbus, Raúl López, por supostamente subornar militares para obter contratos de transporte do Exército de Terra segue dando voltas polos xulgados. A causa é unha das poucas que seguiron vivas das moitas iniciadas pola daquela xuíza de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, por presunta corrupción en diversos eidos. A Raúl López tamén lle atribuíra subornos a políticos como o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o actual titular, Alfonso Rueda, ou o ministro de Fomento, José Blanco, aos que enviou viños de luxo, pero o Tribunal Superior e o Supremo arquivaron eses casos.
Non ocorreu o mesmo cos presuntos subornos a militares, cuxa investigación acabou sendo disputada entre un xulgado de Instrución de Madrid e un xulgado Militar. Esa disputa resolveuna finalmente o Tribunal Constitucional, establecendo que atribuír á xustiza militar a investigación aos civís implicados no caso, entre eles Raúl López, suporía vulnerar o seu dereito constitucional ao xuíz ordinario predeterminado pola lei. Así que a xustiza militar seguirá investigando os militares implicados no caso e a xustiza civil, os responsables de Monbus.
O caso contra Raúl López por supostos subornos a militares ten as súas orixes na denominada operación Cóndor, lanzada pola daquela xuíza de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que en marzo de 2015 rexistrou a sede de Monbus e detivo o seu propietario. A investigación pescudou entre outras cuestións supostos subornos ao longo de varios anos previos a todo tipo de cargos públicos para obter contratos, con agasallos como viños de luxo a políticos como Feijóo ou Blanco que finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo arquivaron argumentando o primeiro que era un "comportamento non suxeito á reprobación social" e que os lotes de viño, de máis de 500 euros, eran "de ínfimo valor".
A orixe da causa está na operación Cóndor, na que tamén se investigaron subornos con viños de luxo a políticos que acabaron arquivados pero na que outros delitos fiscais seguen pendentes nos xulgados de Lugo
Xa sen a xuíza De la Lara á fronte, sancionada polo Poder Xudicial, o xulgado de Lugo centrou a súa investigación en analizar supostas contabilidades en B, branqueos de cartos e delitos fiscais de Transportes La Unión, do grupo Monbus, e Viajes Fisterra, que opera comercialmente como Interrías, con "entregas de cartos en efectivo" procedentes de excursións turísticas que non eran declarados. Esa investigación continúa e en novembro o xulgado aínda agardaba por un informe pedido dous anos antes á Axencia Tributaria.
O conflito civil/militar en Madrid
Pero as pescudas sobre os posibles subornos afectaron tamén a militares do Exército de Terra que supostamente facilitaron contratos a Monbus. E como o centro de xestión de transportes do Exército está en Madrid, en 2019 o xulgado de Lugo inhibiuse nos xulgados da capital, recaendo no de Instrución número 42. Ese xulgado decidiu á súa vez inhibirse no relativo aos militares investigados en favor da xurisdición militar, pero o Xulgado Togado Militar Central número 1 considerou que debía ser el o que continuase con toda a causa e non só coa investigación aos militares por ter os delitos militares presuntamente cometidos unha pena superior.

O xulgado de Instrución 42 de Madrid discrepou e considerou que a xustiza militar non debía coñecer "dos delitos cometidos por persoal non militar e tipificados no Código Penal común, aínda que foran conexos a delitos militares cometidos por persoal militar que tiveran sinalada pena superior" e presentou ante o Supremo un conflito de xurisdición para que o alto tribunal resolvese.
O Supremo emitiu unha sentenza en 2021 establecendo que a causa debía recaer integramente no xulgado militar. Pero Raúl López e outro directivo do seu grupo tamén investigado recorreron ao Tribunal Constitucional alegando que se vulneraba o seu dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei. O Constitucional así o entendeu e nunha sentenza publicada no BOE o pasado 27 de novembro anulou a sentenza previa do Supremo de tres anos antes. O Constitucional estableceu que a xustiza militar debe quedar reducida ao "estritamente castrense" e que o feito de que neste caso existise conexión entre os delitos militares e os delitos comúns atribuídos aos civís non era motivo "suficiente" para atribuír a competencia á xurisdición militar.
Tras o conflito entre un xulgado de instrución de Madrid, a onde foi parar desde Lugo o caso dos subornos por estar alí a sede do Exército, e un xulgado militar, agora o primeiro seguirá a causa contra os investigados civís, entre eles Raúl López, e o segundo contra os militares
O Constitucional di que os órganos xudiciais militares poden analizar delitos non só do Código Penal Militar senón tamén do Código Penal común, pero sempre e cando fosen cometidos por persoal militar, e sen poder poder analizar delitos cometidos por persoal civil tipificados no Código Penal común aínda que estivesen conectados a delitos militares con pena superior.
Así que aplicando esta doutrina constitucional, e unha vez anulada a anterior sentenza de 2021, o Tribunal Supremo vén de emitir unha nova sentenza sobre o caso, con data do pasado 17 de decembro e feita pública nas últimas xornadas, que resolve o conflito xurisdicional establecendo que sexa o xulgado de Instrución 42 de Madrid quen "continúe co coñecemento da causa no que afecta aos delitos presuntamente cometidos por persoal non militar, sen que iso afecte á competencia do Xulgado Togado Militar Central número 1 respecto dos delitos militares atribuídos ao persoal militar".