A póla política da Operación Cóndor, na que a xuíza de Lugo Pilar de Lara investiga o propietario de Monbus, Raúl López, por presuntos delitos fiscais, de branqueamento, tráfico de influencias e suborno, rexistrou nos últimos días senllas novidades decisivas. O Tribunal Supremo, primeiro, e xusto despois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veñen de coincidir en non apreciar "indicios" de delito de suborno nos políticos que, segundo dan por constatado, recibiron durante anos lotes de viño Vega Sicilia remitidos por López. Ambos tribunais concordan en que estes agasallos poden ser encadrados no ámbito da "cortesía", pero mentres que o Supremo se limita a apuntar que o seu valor non foi "excesivo", o alto tribunal galego dá en considerar que os importes destes lotes de bebidas, dun mínimo de 500 euros nos casos analizados, é "ínfimo".
O Supremo abordou as exposicións remitidas por De Lara que atinxían a aforados do ámbito estatal -o eurodeputado socialista José Blanco e os senadores do PP José Manuel Barreiro e José Antonio de las Heras- e o TSXG fixo o propio con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, por seren o presidente e o vicepresidente aforados de ámbito autonómico. No auto no que dispón o arquivo da causa o Superior galego entende que, na liña do estipulado en diversas leis, "a delimitación entre o punible ou non" neste tipo de casos non debe ser, como pide De Lara, unha cantidade económica concreta -a maxistrada propón 400 euros-, senón o "criterio (...) da adecuación social ou dos usos habituais e de cortesía".
O tribunal cre que o artigo que tipifica o suborno "non debe ser aplicado mentres os agasallos sexan de ínfimo valor ou representen un comportamento non suxeito á reprobación social", o que coidan que sucede neste caso
É neste punto onde implicitamente os maxistrados consideran desdeñable o valor dos lotes de viños remitidos por Raúl López e cuxa recepción por parte de Feijóo e Rueda dan por acreditada, xa que en ningún dos dous casos "consta que os agasallos fosen devoltos". De Lara considera que os agasallos de Monbus ao presidente e ao vicepresidente poden encaixar no artigo 422 do Código Penal, que detalla un dos tipos de suborno, pero os xuíces do TSXG coidan que "non debe ser aplicado mentres os agasallos ou dádivas sexan de ínfimo valor ou representen un comportamento non suxeito á reprobación social, sen que en ningún caso se comprometa a imparcialidade das autoridades". Este, "estiman", é o caso dos lotes de Vega Sicilia, que, segundo os informes que o propio TSXG acepta como correctos, oscilaron entre os 517 -tres botellas- e os 670 euros -catro botellas- ata sumar en ambos casos 2.327,32 euros en cadanseus catro envíos entre os anos 2010 e 2013.
Os envíos a Feijóo e Rueda oscilaron entre os 517 e os 670 euros
Con este razoamento os maxistrados desbotan que poidan ser "susceptibles de ser indiciariamente tidos por delitivos" uns feitos que, polo demais, explican, si poderían encaixar no tipo penal que apunta De Lara. Así, reflicten, alén do criterio da cortesía as normas penais establecen que pode haber delito se existe unha "dádiva ou agasallo" á autoridade, feito do que non "caben dúbidas"; que "esa dádiva ou agasallo fose admitido polo destinatario", o cal está "acreditado" nos casos de Feijóo e Rueda; e que os obsequios sexan entregados "en consideración" do cargo de quen é agasallado, algo que a maxistrada de Lugo explicita co "feito de que non constan relacións de amizade ou familiares" entre os políticos e o presidente de Monbus.
Lei do bipartito e código ético do PP
O código ético aprobado pola Xunta en 2014 fixa o límite dos agasallos de cortesía en 90 euros
O encadre de agasallos destes importes dentro da cortesía e dos costumes non reprobados socialmente que os maxistrados expoñen no seu auto contrasta, no entanto, co criterio adoptado polo actual Goberno galego no código ético que, dende 2014, rexe na Xunta a respecto dos regalos e atencións protocolarias. Así, como o propio auto lembra, dende o ano 2006 estaba vixente en Galicia a lei de transparencia e bo goberno impulsada polo bipartito, que vetaba a aceptación de agasallos "que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía", pero non estipulaba un importe concreto.
No entanto, o código ético do actual goberno si fixa un limiar máis estrito. Así, ese documento, na actualidade ligado á aplicación da nova lei de transparencia, estipula que "supera" os "usos habituais e costumes sociais de cortesía" calquera agasallo que "sobrepase o importe máximo de 90 euros". Do mesmo xeito, indica que "a regularidade ou reiteración deste tipo de atencións por parte da mesma persoa física ou xurídica" a un mesmo destinatario, como no caso dos agasallos de Monbus, "significará a perda do carácter de cortesía" se o "importe das gratificacións" suma máis dos devanditos 90 euros. Os viños remitidos por Raúl López aos políticos superan todos estes límites pero, como tamén lembra o auto, o código foi aprobado a mediados de 2014, isto é, uns meses despois do último agasallo de Raúl López que consta nos documentos da investigación do caso Cóndor que fan referencia a Feijóo e Rueda.