Monbus desgravou ilegalmente o IVE dos avogados do seu presidente Raúl López polos casos Cóndor e Pulpo

Raul López, presidente de Monbus, nunha imaxe do pasado xuño CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG ratifica que a defensa penal persoal do investigado non ten relación coa actividade de transporte á que se dedica o seu grupo empresarial e establece que debe pagar 34.500 euros á Axencia Tributaria, pero rexeita multalo

As empresas poden deducirse o IVE -e así pagar menos impostos- das facturas por produtos ou servizos "directa e exclusivamente" relacionados coa súa actividade empresarial. Porén, o grupo Monbus deduciuse ilegalmente o IVE de facturas pagadas a un despacho de avogados pola defensa penal persoal do seu presidente e propietario, Raúl López, nos casos Cóndor e Pulpo. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que eses servizos de asesoramento legal non están relacionados coa actividade de transporte a que se dedica a empresa, polo que vén de ratificar que debe pagar á Axencia Tributaria os 34.500 euros que se deduciu incorrectamente por esa cuestión en 2019. O tribunal, pola contra, non considera que o feito deba ser sancionado.

Sentenza do TSXG que considera ilegal a dedución por parte de Monbus do IVE dos avogados de Raúl López porque ese non foi un servizo contratado que tivese relación directa coa actividade da empresa CC-BY-SA imaxe: Monbus | Montaxe: Praza Pública

Tanto o caso Cóndor como o Pulpo foron iniciados na década pasada pola xuíza Pilar de Lara, posteriormente sancionada. O Cóndor, polo que Raúl López chegou a ser detido en 2015, rematou a súa instrución hai dous anos co seguinte xuíz encargado do caso pedindo que se xulgase a López e outras sete persoas e dúas empresas por delitos fiscais, de falsidade e branqueo, proposta aínda pendente de concretarse. Outra derivada daquel caso, que afectaba a contratos das empresas de López co Exército, acabou na xustiza militar, da que aínda non transcenderon decisións. Pola súa banda, o caso Pulpo, de suposta corrupción en contratos coa Deputación de Lugo, acabou arquivado

Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, avanzada por Economía Digital Galicia, Raúl López recibiu "asesoramento e defensa" nos "asuntos coñecidos como operacións Pulpo e Cóndor" por parte do despacho Uría Menéndez. Polos seus servizos entre os anos 2017 e 2019 Grupo Autocares Monbus SL pagou ao despacho de avogados en 2019 varias facturas das que posteriormente se deduciu o IVE. Pero a Axencia Tributaria considerou que non podía e abriu á empresa primeiro un procedemento de comprobación e despois outro sancionador.

A empresa recorreu contra as decisións da Axencia Tributaria pero o pasado ano o Tribunal Económico-Administrativo de Galicia desestimou os seus recursos, o que a levou a recorrer novamente ante o TSXG. E o que di agora o TSXG é que a dedución do IVE foi incorrecta. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

Monbus alegou sen éxito que a asistencia legal ao seu presidente tiña relación coa actividade empresarial xa que se este resulta condenado as súas empresas poden ser tamén sancionadas coa prohibición de contratar con administracións públicas

Na súa defensa Monbus alegou que a asistencia legal ao seu presidente tiña relación coa actividade empresarial xa que se este resulta condenado as súas empresas poden ser tamén sancionadas coa prohibición de contratalas por parte das administracións públicas. Porén, o TSXG salienta que a normativa fiscal "non se refire a unha situación hipotética, nin futura" senón que impide a dedución de facturas se o seu concepto non vai ligado "directa e exclusivamente" á actividade empresarial. 

"O servizo que prestou o bufete de avogados ao administrador, socio e xestor da empresa, por máis que ao final puidera ser condenado", di o tribunal, cos efectos que iso tería sobre a empresa, "non quedaba amparado" pola normativa fiscal de deducións. Unha normativa que mesmo impide esas deducións para "servizos que se utilicen simultaneamente para actividades profesionais e necesidades privadas".

Así, o TSXG ratifica que a empresa debe pagar á Axencia Tributaria un total duns 34.500 euros que non pagou no seu momento en concepto de IVE. Porén, o tribunal rexeita que a empresa deba ser sancionada a maiores con 11.200 euros como propuña a Axencia Tributaria. 

O TSXG di que a resolución sancionadora da Axencia Tributaria non estaba correctamente motivada con referencias explícitas e vinculadas ao caso concreto senón que se limitou a reproducir "argumentos estereotipados" e "consideracións xerais". Segundo o tribunal, a Axencia Tributaria impuxo a sanción a Monbus "polo só feito de que incumprira as súas obrigas fiscais, con esquecemento de que, en materia sancionadora, se esixe algo máis, que é a existencia do elemento subxectivo sancionador, isto é, o ánimo ou vontade infractora que neste caso non quedou en modo algún acreditado".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.