O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Joaquín Brage, segue a pechar casos herdados da etapa da sancionada Pilar de Lara. Desta volta faino coa denominada operación Cóndor, iniciada por De Lara no ano 2015 como unha póla do caso Pokémon que derivou na detención do propietario da empresa de autobuses Monbús e presidente do Obradoiro, Raúl López, así como en numerosos rexistros e incautacións de documentación e cartos.
O instrutor do caso Cóndor acusa a López e o resto de imputados de cobrar en 'B' as excursións turísticas organizadas por Viaxes Interrías mediante autobuses dunha empresa do grupo Monbús e sinala cantidades defraudadas constitutivas de delito por arredor de 1,5 millóns de euros
Nun auto datado no pasado 31 de marzo e divulgado este 8 de abril polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o xuíz pecha a instrución e propón enviar a xuízo a López e a outros sete directivos por "poderen ser responsables" de delitos de falsidade contable, contra a facenda pública e branqueo de capitais. Tamén a dúas empresas como persoas xurídicas: Transportes la Unión e Viajes Fisterra, que opera comercialmente como Interrías.
Concretamente, acusa o máximo responsable de Monbús na súa calidade de administrador de Transportes La Unión -á que se refire como "vinculada ao Grupo Monbús"-, ao seu xenro (director xeral de Monbus e "administrador de feito" de La Unión) como presuntos autores dos delitos, e a outras dúas persoas como "cooperadores necesarios". Por parte de Interrías, acusa como presuntos autores dos delitos aos seus dous "administradores de dereito", de quen destaca que son pai e fillo, a outros dous "administradores de feito" e a outra persoa máis, como cooperadora necesaria.
Sempre segundo o auto, os feitos que o xuíz propón axuizar por observalos constitutivos dos devanditos delitos parten dun acordo acadado por López con Interrías "cos administradores de Viaxes Fisterra" segundo o cal, Interrías "ademais de vender circuítos turísticos organizados", ofrecería "excursións complementarias opcionais en destino" que terían que pagar os viaxeiros interesados "sempre en diñeiro metálico e sen darlles ticket ou factura ningunha" aos "guías que os acompañaban".
"Formaba unha caixa en B, absténdose ambas sociedades e os seus xestores, de forma consciente e deliberada, de declarar parte substancial", acusa o xuíz
Interrías, relata, "contrataría a unha empresa vinculada ao Grupo Monbús, Transportes La Unión, como provedor principal para esta categoría de servizos" para "que lle proporcionase os autobuses e condutores". Estes servizos, describe, abonábanse "mediante entregas de cartos en efectivo" procedentes do pagamento en metálico dos viaxeiros, "cos que Interrías formaba unha caixa en B, absténdose ambas sociedades e os seus xestores, de forma consciente e deliberada, de declarar parte substancial" dos ingresos a Facenda e sen abonar o que correspondense por IVE e imposto de sociedades, "como era obrigado".
Destaca o xuíz que estas operación "tampouco constaban na contabilidade" como tales. Para isto, acusa, elaboraban "facturas non acordes coa realidade" despois de "poñérense de acordo nos servizos de autobús que tiñan que ser facturados e cales non", detalle que era especificado "praza a praza". Empregados agora encausados, afirma, interviñan "a xestión operativa, o rexistro contable e abono irregular en efectivo".
Tras detallar o modus operandi, o auto conclúe que Transportes La Unión defraudou 1,18 millóns de euros no imposto de sociedades entre 2008 e 2013. "No caso do ano 2014 foi de 65.631 euros", polo que ficaría por baixo do limiar de 120.000 para o delito fiscal. Tampouco chegarían a esa cantidade as cotas do IVE presuntamente defraudadas, especifica. Sobre Interrías, cifra a presunta fraude en 328.484 euros polo imposto de sociedades de 2012 e 2014, xa que nos demais anos non superaría os 120.000 euros, o cal tampouco sucedería en ningún dos exercicios investigados a respecto do IVE.
O auto sinala que os responsables de Interráis "gozaban así de grandes cantidades de cartos en efectivo" e atribúe a López e familiares a constitución dunha sociedade para canalizar os fondos de "orixe ilícita"
O auto sinala que os responsables de Interrías "gozaban así de grandes cantidades de cartos en efectivo" coas que pagaban a provedores, realizaban operacións inmobiliarios e abonaban gastos das empresas, pero tamén "os seus propios gastos e aforro en metálico". Así, o instrutor sinala que os rexistros da operación chegaron a atopar 1,38 millóns de euros en dous hoteis do grupo, "destinados ao seu ingreso no tráfico mercantil irregular". Sobre López, indica que "malia aos seus importantes ingresos", o seu patrimonio e o da súa familia "non se corresponde" con eles, nin co "elevado nivel de vida xunto coa súa familia". Pero con "pleno coñecemento da orixe ilícita dos fondos", canalizaron os ingresos a través dunha sociedade denominada Maysga, participada maioritariamente polo propietario de Monbús e minoritariamente, pola súa esposa e fillos.
O xuíz ordena así seguir esta causa contra os devanditos 8 imputados e dúas empresas, mentres que desbota a existencia os demais feitos investigados por non achar indicios de delito ou estaren potencialmente prescritos en cuestións como como posibles irregularidades en torno ao Obradoiro CAB e o seu persoal ou á prestación de servizos dunha viaxe de luxo por Galicia ao ex-ministro José Bono. Previamente, outras instancias como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou o Tribunal Supremo desbotaran a existencia de delitos noutros feitos investigados na operación, caso do envío de botellas de viño de alta gama como agasallo para diversos cargos políticos. Dende o comezo do proceso, Monbús e o propio López manifestaron a súa "tranquilidade" a respecto de poderen probar que non cometeron ilegalidades.