Monbus quéixase de que Renfe lle rouba viaxeiros e ao tempo que enche de máis os seus buses

Autocares de Monbus © Monbus

A empresa que hai uns meses apelaba a "protexer" a fidelidade dos seus viaxeiros para que non marchasen aos trens gratuítos lamenta agora unha "avalancha" de pasaxeiros porque non hai prazas no ferrocarril

Houbo un tempo, hai unha década, coa pontevedresa Ana Pastor como ministra de Fomento, que Renfe e Monbus beneficiábanse entre elas ata o punto de comercializar viaxes conxuntas Madrid-Pontevedra-Sanxenxo. Hoxe Renfe segue ofrecendo billetes combinados de tren e bus con empresas como Alsa ou Avanza, pero as relacións con Monbus son máis distantes, ata o punto de que a empresa privada atribúe á pública a "avalancha" de usuarios que di rexistrar e aos que non pode dar un servizo axeitado.

Tren Avril na estación ferroviaria de Santiago -esquerda-, parte do complexo intermodal que inclúe a estación de autobuses, á dereita da imaxe CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cando hai dous anos o Estado implantou abonos gratuítos de tren, a empresa lucense tentou competir rebaixando ata facer case de balde as súas viaxes alí onde eran semellantes ás do ferrocarril, no Eixo Atlántico. Facíao grazas a que a Xunta habilitara rebaixas do 50%, ás que Monbus engadía outro 45%. Así, o usuario pagaba só o 5% do billete pero Monbus facía máis atractivas as viaxes polas que seguiría ingresando un 55% do prezo anterior: o 5% do usuario e o 50% que lle ingresaba a Xunta.

A campaña mantívose durante dez meses e a empresa puxo fin a ela en xullo do pasado ano facendo ver que xa lle era insostible economicamente. Naquel momento argumentou que decidira "activar o desconto para 'protexer' os seus viaxeiros máis fieis, algúns con fidelidade de varias xeracións ao bus, ao considerar que tiñan o mesmo dereito que os usuarios do tren a desfrutar dun prezo reducido que os axudara a enfrontarse á difícil situación económica". Isto é, quería protexerse da posible marcha dos seus usuarios ao tren gratuíto.

Monbus mesmo argumentaba que a decisión de rebaixar os billetes para facer máis atractivo o bus "respondía tamén á necesidade de amparar o seu cadro de persoal de traballadores e evitar que un descenso de viaxeiros terminase derivando en situacións de inestabilidade laboral".

Un panel horario da estación de Santiago, dominado por servizos de Monbus CC-BY-SA Praza Pública

Agora, segundo Monbus, os trens insuficientes son os que provocan demoras na súa propia operatividade

Pero a gratuidade dos trens seguiu e a falta de maquinaria e maquinistas para dar resposta ao incremento da súa demanda acabou derivando nunha insuficiencia dese modo de transporte. E unha volta cara aos autobuses de viaxeiros dos trens sen prazas suficientes, especialmente en determinados momentos como os venres e domingos. Unha "avalancha", como a definiu hai unha semana Monbus, que xa non se queixa de que os trens gratuítos lle rouben viaxeiros senón de que, ao contrario, enchen de máis os seus autobuses. 

Agora, segundo a empresa de buses, os trens insuficientes son os que provocan demoras na súa propia operatividade, ata o punto de recomendar aos viaxeiros que non queren ou poden mercar os billetes por internet que acudan ás estacións de bus con 45 minutos de antelación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.