O desconto do bus interurbano en Galicia en 2023: rebaixa xeral do 50% e case de balde onde compite co tren

Pasaxeiros dun autobús de Monbús na estación de Santiago © Monbús

Os abonos do transporte público continuarán no 2023 suxeitos a fortes bonificacións, no marco das medidas lanzadas polos gobernos para procurar conter a inflación tras a invasión rusa da Ucraína. Así, tal e como veu sendo anunciado nas últimas semanas, os Orzamentos Xerais do Estado avalan a continuidade dos abonos gratuítos para trens de proximidade e media distancia e a implantación da gratuidade dos autobuses suxeitos a concesións estatais. 

Unha vez confirmado o mantemento do desconto xeral do 50% nos autobuses (30% Estado, 20% Xunta), Monbús ratifica que continúa o 45% adicional nos traxectos onde os seus buses compiten co tren

Tamén, como anunciou Pedro Sánchez esta semana, segue en marcha o desconto xeral do 50% nas liñas de bus de competencia autonómica. Así será sempre e cando os gobernos de cada territorio se comprometan a achegar o 20% de bonificación que complete o 30% estatal, algo que en Galicia xa quedou ratificado no DOG esta mesma semana -mantendo tamén os descontos para o transporte de ría e mais o tren de vía estreita na área de Ferrol-, como ata agora ligado á adquisición dos billetes coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG).

Neste escenario, restaba por saber se ao mantemento xeral das bonificacións públicas ao transporte por estrada competencia da Xunta se engadiría o desconto do 45% adicional decidido o pasado setembro por Monbús, principal empresa concesionaria, co obxectivo de competir cos abonos gratuítos para o tren nas súas principais liñas do eixo atlántico entre A Coruña e Vigo. A compañía ratificouno este 30 de decembro, polo que estas liñas seguirán bonificadas ao 95% en billetes adquiridos coa TMG, isto é, practicamente de balde, cando menos durante o mes de xaneiro.

Nun comunicado remitido aos medios -o primeiro dende o pasado 15 de decembro, cando remitiu un ligado á estrea da nova estación de autobuses de Vigo, e polo tanto tamén o primeiro dende o accidente dun autobús da compañía en Cerdedo-Cotobade a pasada Noiteboa-, Monbús confirma que "continuará aplicando a rebaixa do 45%" no que denomina como "relacións de tráfico máis relevantes do eixo atlántico". Farao, di, "con carácter provisional e a expensas das bonificacións futuras que acorden as Administracións.

Pasaxeiras na estación de autobuses de Lugo © Monbus

Reitera Monbús que o pasado setembro decidiu sumar o 45% de "forte" desconto ao 50% de bonificación pública en "resposta á iniciativa gobernativa de distribuír abonos ferroviarios gratuítos", co obxectivo de que os gobernos "reaccionasen" ante "unha medida que Monbús considera discriminatoria fronte aos usuarios do transporte en autobús" e "altamente prexudicial para as empresas do sector". A decisión, agregan, "prorrogarase ata o 31 de xaneiro, cadrando co período de bonificación acordado pola Xunta" -o DOG xa especifica que o desconto do 50% se estenderá todo o ano se así o acorda o Estado, algo que está previsto que suceda-

Lugo continuará sendo a única cidade sen ningunha conexión con outra urbe galega a prezo súper reducido por non existir alternativa ferroviaria ao bus. A seguinte cidade máis prexudicada por esta situación é Ourense

Monbús admite tamén que "a entrada do novo ano traerá unha actualización de tarifas", isto é, unha suba de prezos que, non obstante, se traducen nuns poucos céntimos por traxecto bonificado (de 0,61 a 0,62 de Ferrol a Pontevedra, exemplifican- e que nalgúns casos non implica suba ningunha. Consolídase así, asemade, a situación creada o pasado setembro na que, no caso da Galicia urbana, Lugo queda como única cidade sen ningunha conexión con outra urbe bonificada ao 95%, por non existir traxecto ningún por estrada no que o tren sexa competencia viable. 

Así, a cidade da Muralla seguirá sendo a única sen ningunha conexión con outra cidade galega a menos dun euro. A seguinte cidade máis prexudicada por esta situación é Ourense, onde o prezo do billete bonificado só baixa do euro para viaxar a Santiago, cara a onde o bus compite co tren.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.