Sete persoas falecidas e só dúas sobreviventes. É o tráxico balance do accidente que marcou o Nadal deste 2022. Pasaran apenas vinte minutos das nove do serán de Noiteboa cando o 112 recibiu o primeiro aviso telefónica dunha persoa alertada ao observar que a barreira da protección da estrada N-541ao seu paso por Pedre (Cerdedo-Cotobade) estaba "completamente estragada", advertindo de que "iso só podería darse se un vehículo caese por alí" cara ao río, se ben a noite pecha e a forte chuvia impedía observar o leito fluvial.
O accidente sáldase con sete persoas falecidas e só dúas sobreviventes, unha delas o condutor. Unha persoa que viu a varanda estragada na ponte e unha segunda chamada dende o interior do bus, que cubría a liña Lugo-Vigo, alertaron os servizos de Emerxencias
A Axencia Galega de Emerxencias xa activara os primeiros medios (Bombeiros do Deza, Emerxencias da Estrada, Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, 061) cando o propio 112 recibiu unha segunda chamada, neste caso "dende o interior do autocar", onde unha das persoas sobreviventes alertou de que o vehículo, un autocar da empresa Monbús que cubría a liña de Lugo a Vigo, "comezaba a encherse de auga". Neses primeiros momentos, o primeiro operativo de rescate permitiu recuperar dúas persoas con vida, unha pasaxeira que subira ao bus en Monterroso e o condutor -quen, segundo transcendeu, deu negativo nos test de alcol e drogas preceptivos en situacións coma estas-, e localizar outras tres persoas falecidas.
Destaca o 112 que a meteoroloxía adversa e a orografía da zona provocaban que, dende o comezo, o rescate fose "complexísimo". "O vehículo -describe Emerxencias- saíu da vía e caeu pola ponte a uns 35 metros de profundidade", o cal "engadido a unhas condicións meteorolóxicas adversas e ao caudal do río nos seus máximos, complicaba cada vez máis as tarefas dos equipos de emerxencias" mentres as dúas persoas rescatadas con vida eran trasladadas ao hospital de Montecelo (Pontevedra) e ao Clínico de Santiago.
Foi precisa a intervención de axentes de actividades subacuáticas e dun helicóptero de Gardacostas para recuperar os corpos. Tras o rescate, continúan as pescudas para tentar esclarecer as causas do sinistro nunha noite con meteoroloxía moi adversa
As pésimas condicións da meteoroloxía e do brutal accidente obrigaron a suspender os traballos durante a Noiteboa, co bus xa completamente cheo de auga. Puideron retomarse contra as nove da mañá do Día de Nadal, cando no dispositivo estaban xa incorporados tamén axentes do Grupo de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil, que "atoparan dentro do bus á terceira vítima mortal". Efectivos da Garda Civil de Tráfico acharan outra das persoas falecidas, a cuarta, "augas baixo do Lérez". Para recuperar o corpo foi precisa a intervención do helicóptero de Gardacostas Pesca I.
A mediodía do día 25 foi atopado corpo sen vida da quinta vítima mortal e arredor das cinco da tarde Emerxencias e a Delegación do Goberno de España en Galicia ratificaban o rescate da sexta persoa falecidano leito do río. No entanto, pouco antes das 11 da mañá deste luns o 112 informaba da reactivación do dispositivo "ante a sospeita de que outra persoa puidese estar entre os pasaxeiros do autobús". Pouco antes do mediodía, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, confirmaba o achado do corpo sen vida da novena pasaxeira, sétima vítima mortal do accidente. "Tivemos constancia no día de hoxe de que se atopaba desaparecida", especifica Miñones, quen detallou que o fillo da muller sobrevivente advertiu de que esta muller viaxaba canda ela.
Condolencias e pescudas
Foi despois de achado da sexta vítima cando se restableceu o tráfico na ponte mentres, paralelamente, os diferentes equipos despregados continuaban traballando na zona, onde cómpre compatibilizar a retirada do autobús sinistrado coas pescudas sobre o acontecido, encomendadas inicialmente á Garda Civil. Para o esclarecemento das causas será clave a recuperación do autobús, unha manobra tecnicamente moi complexa. A instrución do caso recaeu no xulgado número 1 de Pontevedra. Polo momento, o delegado gobernamental sinala que todas as hipóteses "están abertas".
Segundo informa Pontevedra Viva, as persoas falecidas tiñan entre 21 e 70 anos. O máis mozo era un veciño de Nigrán que estudaba en Lugo e viaxara para pasar o Nadal coa familia. Outras das dúas persoas que perderon a vida no sinistro eran nai e fillo, naturais de Agolada que vivían Lalín. Tamén están entre as vítimas mortais unha profesora lucense tamén residente na capital do Deza, unha gandeira de Agolada e unha veciña de Soutomaior que traballaba en Cerdedo, que subiu ao bus na parada máis próxima ao lugar do sinistro.
Ao lugar dos feitos trasladouse durante este 25 de Nadal o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a subdelegada do Goberno de España na provincia de Pontevedra, Maica Larriba. Alén de agradeceren o traballo dos servizos de rescate, todas as autoridades optaron pola prudencia a respecto das causas do sinistro. Tamén o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e outros representantes políticos e sociais, entre eles a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, trasladaron as súas condolencias e agradecementos aos equipos de emerxencias.
Pola banda da empresa concesionaria da liña, na mañá deste 26 de decembro a única reacción oficial continuaba sendo unha breve nota de condolencia nos seus perfís en redes sociais, cunha ligazón a unha noticia dun xornal sobre o accidente. Consternados ante a traxedia de Pedre. As nosas condolencias aos familiares das vítimas e a nosa solidariedade e apoio ao noso compañeiro ferido", sinalaron dende Monbús.