0 Gardados para despois

A Xunta suprime a conexión diaria directa entre Vigo e Lugo que presta Monbus

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


As cidades de Vigo e Lugo deixan de estar unidas por un autobús directo e diario. Así o vén de establecer a Xunta no marco da reestruturación progresiva das liñas de transporte por estrada que está a implantar en toda Galicia e que, máis alá das principais áreas metropolitanas, está a supor unha supresión xeral de servizos.

A empresa de Raúl López renunciou á súa concesión anterior pero o Goberno galego volveulla outorgar obrigando só a prestar o servizo con transbordos en Pontevedra. A empresa só fará o servizo directo os venres entre Lugo e Vigo e os domingos entre Vigo e Lugo.

O servizo de bus entre Lugo e Vigo viña sendo prestado por Monbus, o grupo propiedade de Raúl López, investigado no caso Cóndor e principal operador de transporte por estrada de Galicia. Ao igual que fixeron outras empresas con outras liñas de ámbito comarcal, Monbus renunciou a varias das concesións que tiña argumentando que non eran rendibles, o que fixo que a Xunta volvese licitalas con outras condicións e Monbus volvese resultar o principal receptor desas novas concesións. O mesmo sucedeu con dúas grandes liñas interurbanas, entre A Coruña e Vigo e entre Lugo e Vigo, con ramais, que estaban en mans de Monbus. A empresa renunciou a elas, a Xunta sacounas a concurso e Monbus volveu gañalas.

Porén, malia que a concesión se denomina Lugo-Lalín-Pontevedra-Vigo e o servizo directo entre Lugo e Vigo viña prestándose de xeito diario, a Xunta suprimiuno por completo das novas condicións da liña, pasando a reclamar só unha “coordinación e garantía de ligazón das expedicións Lugo-Pontevedra [...] coas Pontevedra-Vigo”, o que na práctica supón ter que facer transbordo en Pontevedra.
Malia que as novas condicións impostas pola Xunta non obrigan a ningún servizo directo entre Vigo e Lugo, de momento Monbus si o prestará, sen ter que realizar transbordo en Pontevedra, en sentido Lugo-Vigo os venres e en sentido Vigo-Lugo os domingos.

Este diario preguntou á Xunta polos motivos da supresión dos servizos directos entre Vigo e Lugo pero ata o momento non obtivo resposta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea e BNG reclaman á Xunta que deixe de recortar liñas de bus e atenda as necesidades da cidadanía e non das empresas

Tras coñecer a desaparición da conexión directa diaria por autobús entre Lugo e Vigo, tanto En Marea como BNG veñen de anunciar iniciativas ao respecto. Por parte de En Marea, o deputado autonómico Antón Sánchez critica que a supresión do servizo supón “a demostración de que o goberno do PP pretende desmantelar o transporte público no país utilizando unha opacidade absoluta e facendo recortes aos poucos”, deixando o deseño das liñas en mans “das decisións das empresas”. Ao seu ver, estanse a suprimir as liñas nas que non están interesadas as propias empresas, eludindo atender ás necesidades da cidadanía, polo que Sánchez pide maior participación na elaboración do novo plan de transporte autonómico.

Pola súa banda a deputada do BNG Olalla Rodil, que este venres visitou a estación de autobuses de Lugo acompañada da edil Maite Ferreiro, anunciou unha iniciativa no Parlamento de Galicia “para que non se eliminen máis liñas” e lembrando que “o BNG estivo en contra desta reestruturación imposta polo Xunta por que unicamente era interesante para mellorar o lucro dalgunhas empresas do transporte de pasaxeiros pero moi lesiva para as persoas usuarias”.