Rueda reduce a "estafa" o traspaso aprobado da AP-9, Pontón e Besteiro veno ás ordes de Madrid

Rueda, Pontón e Besteiro, durante a sesión de control deste 8 de xullo de 2026 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdeG

A lei para o traspaso da AP-9 a Galicia, aprobada no Congreso a finais de xuño tras un acordo entre PSOE, BNG e Sumar, vai camiño de volta á Cámara Baixa para ser aprobada definitivamente, Sucede despois de que, segundo o previsto, o PP a emendase no Senado alegando a necesidade de "recuperar" o texto orixinal pactado por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Alegan os populares que o texto que vai saír adiante, que remite a concreción da transferencia a un pacto da Xunta co Estado en comisión bilateral, pon o Goberno galego en risco de ter que asumir uns 4.000 millóns de euros polo rescate da concesión da autoestrada se o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ratifica a ilegalidade que a Comisión Europea xa viu na prórroga que aprobou o Goberno de Aznar. Tanto Bloque como PSdeG négano apoiándose no propio texto pactado.

Fragmentos das intervencións de Rueda, Pontón e Besteiro, este 8 de xullo na sesión de control CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

O contencioso retornou este mércores ao Parlamento no marco da sesión de control, onde Alfonso Rueda descualificou a lei a piques de ser aprobada como unha "estafa". Tanto para Ana Pontón como para José Ramón Gómez Besteiro -a presidencia do Parlamento agrupou cadansúas preguntas nun só debate por trataren a mesma materia- a única razón do "non" do presidente é seguir ordes da dirección central do PP.

Pontón advirte de que un informe do Senado reafirma que o pagamento de 4.000 millóns que Rueda di temer coa transferencia pactada por PSOE, BNG e Sumar é "mentira" e Besteiro atribúe o "invento" a que o presidente tenta evitar "que o vexan da man de Vox votando non" 

"Madrid manda, vostede obedece e Galiza perde", lamenta a portavoz nacional do BNG, para quen o "non" do PP á lei do traspaso resulta "infame" e confirma a Rueda coma "o presidente do non a Galiza". Alén da propia lei pactada, Pontón amosou no debate un informe dos letrados do Senado segundo o cal a lei "evita" que a Xunta "quede exposta a compromisos alleos á súa propia xestión" cando asuma a transferencia. "Con este informe vai seguir mantendo as súas mentiras a respecto do custo da transferencia?", cuestiona a nacionalista.

A xuízo do secretario xeral do PSdeG a razón última da posición de Rueda é procurar evitar "que os vexan da man de Vox" votando "non" ao traspaso. "Di que non a Galicia e si ao que lle mandan en Madrid", lamenta Besteiro, quen lamenta que o mesmo presidente que "inventa unha factura de 4.000 millóns que Galicia non ten que pagar" sexa o mesmo que "rexeita a cancelación dunha parte da débeda" galega por un importe moi semellante.

Destaques do texto da lei do traspaso da AP-9, publicada no Boletín Oficial das Cortes tras ser aprobada polo Congreso CC-BY-NC-SA Praza.gal

Segundo o titular da Xunta, a súa postura pódese resumir nun principio: "Transferencia si, estafa non". "Hai que ter coherencia e dignidade", advirte o popular, quen ve tanto o BNG coma o PSdeG centrados en "defender os intereses de Pedro Sánchez", tamén para "levantar as blindaxes que acordamos" no Parlamento para evitar que a Xunta teña que asumir custos adicionais polo traspaso da autoestrada. "Eu nunca poñerei sobre os petos dos galegos 4.000 millóns", resume para reafirmarse na negativa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.