A lei do traspaso aprobada no Congreso vai camiño do Senado, onde o PP a modificará antes de regresar á Cámara Baixa, onde previsiblemente quedará aprobada de vez nos termos agora publicados e abrirá un camiño de incertezas estatais e europeas
O pasado xoves, 2 de xullo, o Boletín Oficial das Cortes Xerais publicou a lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico a Galicia. O texto, aprobado o 25 de xuño por maioría absoluta do pleno a partir do acordo do PSOE, BNG e Sumar e malia o "non" de PP e Vox, vai agora camiño do Senado, onde os populares xa avanzaron que o modificarán coa súa maioría absoluta, e regresará ao Congreso, onde agás sorpresa maiúscula quedará aprobado de vez nos termos agora publicados.
Ata aquí, as certezas máis ou menos estables. E de aquí en diante, o que virá será un camiño de incerteza en dúas vertentes, unha estatal e outra europea. A primeira ten que ver coa propia formulación da lei, que remite a un futuro acordo entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta para "determinar as condicións e límites para a transmisión de competencias", que entraría en vigor unha vez ratificada pola Comisión Mixta Galicia-Estado e aprobada nun Real Decreto do Consello de Ministros.
A lei xa aprobada pon marcos sobre as competencias que corresponderían á Xunta: posta en servizo de novos treitos ou adaptacións dos actuais, supervisión da infraestrutura e da súa concesionaria, Audasa. Tamén cambios na concesión ou novas subvencións ás peaxes, por exemplo. No entanto, todas as "obrigas con repercusións económicas e financeiras" que "fosen motivadas" por decisións do Goberno de España mentres tivo as competencias sobre a AP-9, caso dos actuais descontos, seguirán a cargo do Estado.
A norma, pactada polo PSOE, BNG e Sumar e co "non" do PP e Vox, remite as condicións concretas do traspaso a un pacto da Xunta co Estado e fixa que o Goberno de España terá que asumir "as consecuencias das decisións" que tomase sobre a autoestrada mentres fose da súa competencia
Do mesmo xeito, a lei establece que "as consecuencias das decisións tomadas pola Administración Xeral do Estado previas á transferencia recaerán sobre a Adminisrtación Xeral do Estado". Esta é unha das claves da norma e liga directamente coa vertente europea da incerteza.
Como é sabido, hai agora un ano a Comisión Europea concluíu o procedemento de infracción que tiña aberto contra España considerando que a prórroga da concesión da autoestrada que o Goberno de Aznar no ano 2000 (de 2013 a 2048) foi ilegal. O Executivo comunitario considerou que aquel Executivo do PP debeu sacar a concurso eses 25 anos máis e non outorgarllos a dedo a Audasa, empresa que privatizou apenas tres anos despois xunto co resto de integrantes da daquela Empresa Nacional de Autopistas (ENA).
Nas súas conclusións, a Comisión Europea instaba o Estado español a "adoptar as medidas necesarias" e, en caso contrario, advertía, o contencioso acabaría no Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Este semella o camiño máis probable e unha das súas conclusións posibles pode ser a fin anticipada da concesión e unha compensación millonaria a Audasa. Atendendo á literalidade da lei do traspaso, esa compensación tería que pagala o Estado.
O PP di advertir riscos de que a Xunta acabe pagando "unha factura de 4.000 millóns" no caso de fin anticipada da prórroga da concesión aprobada por Aznar. BNG e PSdeG lamentan a "traizón" e instan o presidente Rueda a non atrancar a transferencia
O PP e a Xunta, pola contra, aseguran interpretar que existe risco de que tivese que asumila o Goberno galego."Non imos aceptar, en ningún caso, que, o que a outros se lle dá gratuitamente, a Galicia chegue cunha factura de 4.000 millóns de euros", resumía esta semana o PPdeG, en referencia a ese eventual pagamento que tanto socialistas como nacionalistas negan que poida ter que chegar a asumir a Xunta.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, coida que cabe preguntarse se o presidente, Alfonso Rueda, cumprirá a lei e negociará o traspaso ou, pola contra, prevé consumar a "traizón" optando por "boicotealo". José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, coida que tanto Feijóo como Rueda "pasarán á historia pola súa traizón" ao "votar en contra da lei da transferencia", se ben agora insta o titular da Xunta a "deixar de poñer trabas e defender os intereses de Galicia".
Neste punto fica aínda unha última incerteza sobre a mesa. Se o Goberno de España terá marxe -ou quererá aproveitalo- para activar a negociación coa Xunta antes da fin da lexislatura estatal e se, nese caso, tería disposición de forzar a maquinaria para aprobar a transferencia malia ao rexeitamento do Goberno galego do PP.