A partida sobre a concesión da AP-9 continuará a xogarse en terreo comunitario. O pasado setembro a Comisión Europea concluíu o procedemento de infracción aberto a España en 2021 pola prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico ata 2048. E fíxoo considerando que a decisión do Goberno de José María Aznar no ano 2000 levando a data de remate dende o 18 de agosto de 2023 ata o mesmo día de 2048 foi ilegal.
O Ministerio de Transportes envía á Comisión Europea ao límite de prazo unha "resposta ampla" ao ditame no que concluíu que o Goberno do PP incorreu nunha ilegalidade no ano 2000 ao estender a concesión de 2023 a 2048 sen concurso
O Executivo comunitario chegou a esa conclusión despois de enviar ao Goberno de España dúas peticións formais de explicacións —cartas de emprazamento— que non considerou satisfactorias. E daba ao Estado "dous meses para responder e adoptar as medidas necesarias" xa que, en caso contrario, a Comisión "pode optar por levar este Estado Membro ante o Tribunal de Xustiza da UE". Eses dous meses remataban este 17 de setembro e o Ministerio de Transportes vén de responder, pero sen tomar decisión concreta ningunha sobre un eventual fin da concesión, quer cara á conversión da infraestrutura en autovía libre de peaxes, quer na convocatoria dun novo concurso para explotala ou calquera outra opción.

Fontes do departamento que dirixe Óscar Puente confirman o envío a Bruxelas dunha "resposta ampla" coas "aclaracións precisas" e "información xustificativa" que, consideran, cómpren para "realizar unha valoración na defensa dos intereses xerais de España". Resalta ademais o Ministerio que, do seu punto de vista, "esta fase non supón aínda a fin do procedemento". "Analizaremos os seguintes pasos da Comisión Europea con este recurso para, chegado o caso, esgotar as posibles opcións de resposta".
O Goberno de España di estar a colaborar no proceso "por responsabilidade" aínda que "se estamos nesta situación é responsabilidade do PP" e defende a súa política de descontos na autoestrada mediantes subvencións
Asegura Transportes que o gabinete de Pedro Sánchez está a "colaborar" e "responder todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea" sobre a prórroga da AP-P por "responsabilidade" e "para velar polo interese común" aínda que "as políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que defende este Goberno van na dirección contraria" da decisión de Aznar. "Se estamos nesta situación -resaltan as mesmas fontes- é responsabilidade dos gobernos do PP" e "corresponde ao PP explicar os motivos polos que tomou unha decisión que este Goberno non tomaría e que claramente é prexudicial para os dereitos dos cidadáns".
Neste sentido, o Ministerio defende a súa política de descontos de peaxes na AP-9 a través de subvencións públicas. Dende 2018 e ata finais do pasado xuño, calculan, "os usuarios aforraron máis de 375 millóns de euros ao circular pola AP-9" entre "bonificacións directas" e límites ás subas das tarifas de Audasa.
Estes descontos na AP-9 foron unhas das materias centrais nos pactos asinados polo PSOE co BNG para a investidura de Sánchez, primeiro co 50% e despois, co avance ata o 75%, . Esas bonificacións veñen implicando un notable incremento dos fondos públicos nas contas de Audasa, que no primeiro semestre deste 2025 ingresou 33 millóns de euros das arcas estatais para sufragalas mentres os seus beneficios se disparaban ata os 105 millóns en seis meses.
A Xunta considera "inxusta" a peaxe que hai que seguir pagando tras a prórroga de Aznar
Tras coñecerse a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de seguir adiando o problema da prórroga ilegal da concesión da AP-9, este mesmo mércores a Xunta emitiu un comunicado no que considera "inxusta" a peaxe que hai que seguir pagando na autoestrada tras a decisión do popular José María Aznar. Segundo Goberno galego, o executivo central ten "falta de valentía" e "condena a seguir pagando unha peaxe inxusta por esta autoestrada".